Duración: 122'
Dirección: Xiana do Teixeiro
Produción: Animala, Xiana do Teixeiro
Guión: Xiana do Teixeiro
Fotografía: Xiana do Teixeiro, Lucía C Pan, Alicia Francés
Montaxe: Xiana do Teixeiro
Música: 41V1L
Con: Begoña Méndez, Gelen Jeleton, Marta Nieto, Tania Berta Judith, Xiana do Teixeiro
Que é un diario íntimo?
CRÍAS abre por primeira vez ducias de diarios que foran pechados para sempre e interpela a esa escritura propia da cultura de dormitorio: o que só podemos facer (ou dicir) cando ninguén nos mira, o que facemos para ninguén, para nós mesmas. No desdobramento de escribirse unha mesma xorde esoutra eu, perigosa, estraña, excitante, que ten prohibido saír ao mundo exterior. Pero, que sucedería se abrísemos eses diarios adolescentes xuntas?
A película leva a cabo un exercicio de rehabilitación literaria: rescata libros nunca lidos nin respectados, mapea o inframundo da contrabiografía adolescente feminina e atopa un corpo común nas escrituras do eu. Desde o cuestionamento de como funciona o arquivo, ensáiase unha posible xenealoxía da destrución da escritura das mulleres.
CRÍAS é unha tachadura cinematográfica. Unha expedición feminista que transita do cursi ao político. E tamén, como dixo unha amiga, «un filme-zine feito con todos os nosos diarios».
SÁBADO 2 DE MAIO · 21:30h | SALA 2 Seminario Menor de Tui