Play-Doc levará parte da súa programación a espazos históricos de Tui con sesións de cine mudo con música en directo e propostas de cine expandido e creación experimental en vivo.
Do 29 de abril ao 3 de maio, a cidade de Tui acollerá a vixésimo segunda edición de Play-Doc, Festival Internacional de Cine, que volverá levar parte da súa programación fóra das salas cara a algúns dos espazos máis significativos da cidade. Cinema Percorridos e as sesións de cinema mudo na Igrexa de San Domingos forman parte desta liña, que propón unha relación directa entre o cine, a música e o lugar.
Cinema Percorridos: creación audiovisual en vivo no casco histórico de Tui
Concibido como un itinerario nocturno polo casco histórico de Tui para un grupo reducido de espectadores, Cinema Percorridos é unha das propostas máis exitosas e demandadas do festival, que se presenta por sétimo ano consecutivo. Este proxecto, creado conxuntamente coa artista visual, cineasta e docente Xisela Franco, reunirá nesta ocasión dúas intervencións audiovisuais en vivo que se desenvolven en tempo real, nas que o son, a imaxe e o propio espazo forman parte da obra.
A primeira parada será Krakatoa, do artista e cineasta Carlos Casas, presentada en directo xunto aos artistas sonoros Nicolas Becker e Armand Lesecq. A intervención toma como punto de partida a erupción do volcán Krakatoa en 1883 e constrúese en tempo real mediante a creación de efectos sonoros, improvisación musical e edición de imaxe e son.
Carlos Casas é unha figura destacada na intersección entre o cine e a arte contemporánea, e o seu traballo presentouse en festivais internacionais e en centros como Tate Modern, Centre Pompidou ou Palais de Tokyo. Nicolas Becker é un dos deseñadores de son máis recoñecidos do cine contemporáneo e gañador do Óscar por Sound of Metal. Armand Lesecq é artista sonoro e colaborador habitual en proxectos de creación audiovisual en vivo, centrados na relación entre son, espazo e percepción.

O percorrido rematará na Igrexa de San Domingos con Variacións para un retablo,unha intervención audiovisual en directo da artista visual Alba G. Corral, creada especificamente para este espazo. Alba G. Corral é unha das artistas máis recoñecidas internacionalmente no ámbito da arte xerativa e do audiovisual en directo, con presenza en festivais e centros de arte en Europa, Xapón, México e Estados Unidos. Nesta intervención proxectará imaxes xeradas en tempo real sobre o retablo da igrexa, obra do escultor Antonio del Villar (1744), un dos conxuntos máis destacados do barroco en Galicia.
A actividade terá lugar o xoves 30 de abril ás 21:00 h. As entradas xa están dispoñibles aquí
Cinema mudo con piano en directo na Igrexa de San Domingos

Play-Doc presenta unha das propostas máis singulares coa celebración de dúas sesións de cinema mudo con acompañamento de piano en directo na Igrexa de San Domingos, unha experiencia pouco habitual que transforma este programa nun acontecemento excepcional.
Construída no século XIV como parte do conxunto do convento dominico e declarada Ben de Interese Cultural, a Igrexa de San Domingos é un dos espazos históricos máis representativos de Tui. A súa arquitectura e as súas condicións acústicas converten este lugar nun marco especialmente axeitado para este tipo de proxeccións, nas que a música en directo e o propio edificio intensifican a experiencia cinematográfica.
Neste contexto proxectaranse dúas obras mestras da historia do cine: La Passion de Jeanne d’Arc (A paixón de Xoana de Arco, 1928), de Carl Theodor Dreyer, e 7th Heaven (O sétimo ceo, 1927), de Frank Borzage, dúas películas que representan un dos momentos de maior plenitude expresiva do cine mudo. Aínda que moi distintas no seu argumento, ambas abordan, desde rexistros diferentes, a forza da fe e do amor como elementos que sosteñen os personaxes fronte á adversidade.
O sétimo ceo, dirixida por Frank Borzage e protagonizada por Janet Gaynor e Charles Farrell, narra unha historia de amor ambientada no París da Primeira Guerra Mundial e foi un dos grandes éxitos do cine estadounidense dos anos vinte. Na primeira edición dos premios Óscar, Borzage recibiu o premio á mellor dirección e Gaynor o primeiro Óscar á mellor actriz.
A paixón de Xoana de Arco reconstrúe o xuízo de Xoana de Arco a partir das actas orixinais do proceso e está considerada unha das cimas do cine mudo, célebre pola intensidade da interpretación de Renée Maria Falconetti e polo seu radical uso do primeiro plano.
A música en directo correrá a cargo do pianista e compositor portugués Filipe Raposo, referente europeo no acompañamento de cine mudo e cunha ampla traxectoria no ámbito do cine e da composición.
As proxeccións terán lugar o venres 1 de maio e o domingo 3 de maio, ás 22:30 h. As entradas xa están dispoñibles aquí.
Estas actividades súmanse ás retrospectivas xa anunciadas dedicadas a Viola Stephan e Eduardo Coutinho, así como ao programa de formación e industria do festival, que inclúe unha nova edición de VENTURA, encontros profesionais arredor da coprodución internacional, a intelixencia artificial e o son no cine, e unha nova edición do obradoiro de cine comunitario.
En las próximas semanas, el festival continuará desvelando el resto de la programación de esta nueva edición.