Marzo 22, 2016

Os Festivais Play-Doc e Sinsal alíanse para fusionar música e cinema

O Festival Internacional de Documentais Play-Doc sempre se caracterizou por conceder un lugar especial á música, con proxeccións de documentais sobre bandas que ademais tocan en directo. Nesta edición, levará ao escenario as formacións Da Chick e Youthless da man do Festival Sinsal Son Estrella Galicia; un evento irmandado con Play-Doc no seu espírito de dar a descubrir talento creativo nun ambiente relaxado e de proximidade co público.

Sinsal ten lugar cada xullo na illa de San Simón (Redondela, Pontevedra). Responde dende a súa orixe a un innovador modelo de festival, que pretende romper as barreiras que limitan a música na súa relación co público. Entre as súas singularidades, o transporte en barco ata a illa e o feito de que o cartel sexa secreto. En anteriores edicións pasaron artistas como Alt-J, L´Enfance Rouge, Hoquets, Jacco Gardner, Chelsea Wolfe, Baden Baden, Wire ou All We Are.

Esta experiencia é a que relata o filme de estrea en Play-Doc Tres días, un barco, auga, de Alexandre Cancelo. A súa intención era “retratar a experiencia seguindo a todos os seus protagonistas, percorrendo libremente a illa, observando”, confesa; nun documental que mira con atención e mostra, non xulga. Ante as cámaras, artistas como Michael Rother, Camila Moreno, Champs, membros da organización ou o público; todos retratados nese microcosmos que é Sinsal.

O realizador, vinculado dende hai anos ao festival de música, acumula horas de gravacións de edicións anteriores. Porén, decidiu centrarse no acontecido en xullo de 2015, recollendo o traballo de produción previo e o desenvolvemento do festival durante os tres días. O director, inmerso na actualidade no proxecto Border Poetry, conta no seu haber con traballos como Contra a Morte (2011), sobre o poeta Lois Pereiro; e tamén colaborou na escrita de Contrafaces (2015), que se proxectará na sección galega de Play-Doc.

Play-Doc Live, da sala ao escenario

Como cada ano, os concertos protagonizarán a noite do sábado en Play-Doc. Programados este ano en colaboración con Sinsal, os protagonistas serán Da Chick e Youthless. Un dos nomes máis interesantes da nova escena musical portuguesa; Da Chick foi recentemente seleccionada para representar a Portugal na última edición de Eurosonic, o gran escaparate europeo de novos talentos. Con paixón e sinxeleza, esta rapaza sabe o que quere. Ela soa é capaz de combinar o old school funk, coa cadencia do soul e saltar ao ritmo de disco; todo iso, cun cóctel na man ben aderezado con doces letras e deliciosos ritmos, que xa soan dende 2009.

Youthless son Alex Klimovitsky (batería, sintetizador e voz) e Sebastian Ferranti (baixo e voz). Este dúo divide o seu tempo entre Lisboa e Londres, onde gravaron o seu primeiro EP, Telemachy. O estilo único e inconfundible desta banda converteunos nunha referencia na escena de Londres, Nova York e Lisboa. Youthless foron nomeados “Mellor Nova Banda de 2011” polo blogue inglés ANBAD e a BBC1. Presentarán en Play-Doc o seu esperado álbum This Glorious Non Age, mesturado por Justin Garrish (Vampire Weekend, The Strokes, Weezer) e Olugbenga, baixista de Metronomy. Os dous concertos, o sábado 16 de abril ás doce da noite na sala Metropol, teñen un prezo de 8 euros.