Abril 30, 2018

O cinema galego reúnese en Play-Doc

Un luns en Play-Doc non é luns. A celebración do cine continúa en Tui nesta décimo cuarta edición que se prolonga até o martes 1 de maio. A xornada de luns 30 arranca coa quinta proxección da sección competitiva: Les Unwanted de Europa (2018), de Fabrizio Ferraro e produción de Lluís Miñarro e reserva auténticas xoias para o público como A margem (1967) de Ozualdo Candeiais ou as películas nas que Aloysio Raulino exerceu de director de fotografía. Ademais o festival dá unha segunda oportunidade para ver unha obra mestra de Dennis Hopper e a estrea española de Streetwise, incluídas no ciclo (Anti)heroínas. Catro curtas e tres realizadores fan do cinema galego protagonista da xornada.

Ángel Santos, Adrián Canoura e Gonzalo E.Veloso presentan as súas películas na tarde do luns en Play-Doc; catro títulos de alta voltaxe artística. Angel Santos retrata en M. a Manolo Moldes, o pintor de Pontevedra falecido o pasado decembro e referente do movemento Atlántica; o artista compartiu co cineasta o proceso de preparación dunha súa retrospectiva no Museo de Pontevedra. Adrián Canoura, conectado co videoarte e nos últimos meses asociado á parte visual da banda electrónica Baiuca, presenta dous traballos: Salitre nas veas (2017) e Caerán lóstregos do ceo (2018). No primeiro, Canoura inspírase na relación entre home e o mar e no segundo, no simbolismo do lóstrego na sociedade rural. Por último, Gonzalo E.Veloso trae a Tui Algunhas nubes flotan lonxanas (2017), unha curta ao redor de como funciona a memoria ao lembrar experiencias: a fabulación, o erro, a proxección do que non existe tal como na realidade.

Aloysio Raulino e A margem de Ozualdo Candeias
A retrospectiva do cineasta brasileiro Aloysio Raulino aínda reserva grandes sorpresas na recta final do festival, que proxecta o luns dous filmes nos que participou como director de fotografía: Braços Cruzados, Máquinas Paradas,dirixida por Roberto Gertvitz e Sérgio Toledo en1978, sobre as eleccións sindicais dese ano na metalurxia de São Paulo, e O Prisioneiro da Grade de Ferro (Auto-Retratos), dirixida por Paulo Sacramento en 2003. Precisamente Sacramento, colaborador de Raulino, que se encarga nesta edición do festival de introducirnos na súa obra sinala que “naqueles anos de convivencia entendín aínda mellor o seu lugar no mundo, a contribución incalculable dunha mirada singular e precisa nun universo cargado de excesos. Aloysio xa non investía en proxectos propios como director, pero demostraba unha enorme alegría participando como director de fotografía en proxectos de directores novos ou debutantes”.

E o luns 30 oportunidade única de disfrutar dun título fundamental do cinema brasileiro como é A margem (1967) de Ozualdo Candeias, precursor do “cinema marginal” no seu país. Este filme poderase ver en Play-Doc 2018, xa que o festival rende homenaxe ao director. Fillo de labregos, o seu currículum antes de tornar a cineasta pasou polo agro, os taxis, a metalurxia ou os camións. Un dos máximos expoñentes do cinema de autor brasileiro, comeza a facer cine amateur nos anos cincuenta e foi un dos primeiros en filmar en Boca de Lixo, unha área de São Paulo coñecida pola súa marxinalidade, inaugurando un movemento que atoparía inspiración nesta zona e que a convertiría en base do cinema independente de Brasil.

Les unwanted de Europa

Producida por Lluís Miñarro, Les unwanted de Europa, na sección competitiva, está dirixida por Fabrizio Ferraro. Unha peza ao redor da ruta Lister nos Pirineos, transitada por antifascistas tanto de España como de Francia ao final da Guerra Civil e, posteriormente, na ocupación alemá de Francia, entre eles o filósofo Walter Benjamin, que morreu en Portbou en 1940. Play-Doc será o escenario para a estrea en España deste filme cuxo variopinto reparto inclúe ao músico Pau Riba ou á actriz e cantante Catarina Wallenstein, protagonista do filme “Singularidades de Uma Rapariga Loira” (2009) de Manoel de Oliveira. A película participou no International Film Festival Rotterdam a principios de 2018.

Segunda oportunidade para dúas obras mestras

Si, pensando naquelas persoas que non puideron velas venres e sábado: Out of the Blue (1980) de Dennis Hopper e Streetwise (1984) de Martin Bell, esta última estrea española en Play-Doc. 0ut of the Blue está considerada pola crítica como a mellor película de Dennis Hopper e como un dos relatos máis contundente sobre a era do punk rock. . A pesar de causar unha grande sensación no Festival de Cannes en 1980, onde competiu pola Palma de Oro, a película apenas tivo distribución e caíu practicamente no esquecemento. A súa restauración dixital está prevista para o ano que vén, pero a día de hoxe, Out of the Blue continua sendo unha obra mestra incomprensiblemente ignorada.

Streetwise (1984) dirixida por Martin Bell a partir dun artigo publicado na revista Life en 1983,–escrito por Cheryl McCall e con fotografías de Mary Ellen Mark-. Este magnífico clásico, centrado nunha prostituta de 13 años en Seattle, e con banda sonora do mesmísimo Tom Waits, foi nominado ao Oscar ao mellor documental en 1984. Non obstante, deixou de verse durante máis de 25 años, existindo tan só en VHS. Streetwise, que acaba de ser remasterizada dixitalmente, terá a súa estrea española en Play-Doc 2018.