Xunto á súa variada programación cinematográfica, o Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que se realizará entre o 1 e o 5 de maio en Tui, Galicia, contará cunha serie de actividades e eventos especiais que inclúen espectáculos de cinema e música en directo, clases maxistrais, talleres, seminarios e os xa clásicos Cinema Percorridos a través da cidade.
Víctor Coyote, Javi Álvarez e El crack de Garci
O próximo día 1 de maio Play-Doc inaugurará a súa vixésima edición cun espectáculo de cinema e música en directo no que os polifacéticos Víctor Coyote e Javi Álvarez revisitan El crack, de José Luis Garci, película pioneira do cinema negro español. A partir de fragmentos do filme, os artistas galegos experimentan e constrúen unha obra nova que conserva a alma sórdida e costumista da orixinal. Protagonizada por Alfredo Landa, El crack (1981) é un escuro neo-noir ambientado en Madrid e Nova York, que se atopa entre os grandes clásicos do cinema español.
Durante décadas, o tudense Víctor Coyote axitou a escena nacional desde as súas marxes. Os seus dotes como debuxante, deseñador gráfico, actor, realizador audiovisual, de artes escénicas e músico mestúranse na súa carreira. A traxectoria de Javi Álvarez coincide en moitos puntos coa do seu compañeiro nesta aventura. Tamén galego, polifacético e abonado ás marxes, editou música con proxectos como Néboa, Fluzo, Dúo Cobra, Bravido ou baixo o seu propio nome, e desenvolveu unha práctica artística na que experimenta cos formatos audiovisuais. Eles unirán forzas para reinterpretar en directo coa súa música esta película de culto.
Cinema Percorridos
A través de percorridos nocturnos guiados pola cidade monumental de Tui, os espectadores poderán gozar de varias paradas no camiño para descubrir performances audiovisuais en directo situadas en edificios históricos da cidade. Cinema Percorridos é un evento único e orixinal producido en exclusiva por Play-Doc que expón unha exploración polos novos camiños da creación audiovisual contemporánea levando ao cinema máis aló da pantalla tradicional.
Nesta ocasión, contará con tres colectivos de artistas visuais e sonoros que, baixo o comisariado da cineasta Xisela Franco, presentarán diferentes obras que comparten un espírito de denuncia fronte á distopía actual. Propostas inspiradas no termo panóptico, asociado nesta ocasión ás novas formas de control social.
O colectivo MOM, formado por Miriam Pato, Óscar Domínguez e Manuel Fontepresentan Infodemia. Entre imaxes, sons e luces estroboscópicas, crearán unha marea abstracta de datos visuais e sonoros que retarán a capacidade do espectador para procesar información. Pola súa banda, as irmás galegas Lara e Noa Castro, fincadas en Basilea, volven a Galicia para presentar Letanía dos xurelos, un novo proxecto que reinterpreta e indaga na memoria colectiva – os soños, profecías, historias e cancións populares da tradición oral galega– para revertela e representala en forma de perfomance. Por último, o colectivo Los tres cerditos, formado polas creadoras Marta Blanco, Cristina Busto e Luján Marcos, presentan Omegaville. Utilizando sombras chinescas, cámaras analóxicas, debuxos, cables, disfraces e pezas en miniatura, rebélanse fronte aos tempos de crise.
Clases maxistráis, seminarios e obradoiros
O festival ofrece unha ampla proposta de actividades paralelas dedicadas á formación nas que contará con profesionais recoñecidos da escena audiovisual e académica.
Masterclass con Bette Gordon
A recoñecida cineasta e pioneira do cinema independente norteamericano, autora do clásico Variety (1983) é coñecida polas súas audaces exploracións da sexualidade, o desexo e o poder, falará sobre a cultura cinematográfica xurdida na escena de Nova York durante a década dos 80, en relación coa arte, a música e a performance.
Obradoiro de cinema comunitario: Un claro no bosque
Impartido polo recoñecido cineasta galego Eloy Domínguez Serén, e baixo o título Un claro no bosque, veciños e veciñas da comarca son convidados a converterse en cineastas e realizar pequenas pezas audiovisuais nas que poderán explorar e retratar a súa idea do bosque e a natureza que lles rodea. Os filmes resultantes poderanse ver dentro do marco do festival.
Seminario de crítica cinematográfica: Voces recuperadas e novos canons
Os días 4 e 5 de maio terá lugar un seminario realizado en colaboración coa revista dixital A Cuarta Parede e dirixido a todas aquelas persoas interesadas en profundar no papel que exercen a crítica e os festivais de cinema fronte aos canons actuais de programación en Galicia, Portugal e Latinoamérica. Contará con investigadores e profesionais como o crítico de cinema arxentino Diego Lerer (Micropsia), a docente e investigadora especializada en cinema contemporáneo portugués e español Ana Vera (University College Dublin) e o doutor en historia do cinema na Universidade de Santiago de Compostela Iván Villarmea.
O programa paralelo do festival completarase cunha serie de mesas redondas que reunirá a importantes profesionais da industria do cinema. Tamén se terán lugar encontros con cineastas galegos que presentarán un adianto das súas películas en fase de desenvolvemento. Ademais, durante as noites do fin de semana, no festival poderase gozar de concertos de música en directo en diferentes establecementos da cidade.