Marzo 6, 2019

Les Deuxluxes. Desde Canadá chega a banda sonora de Play- Doc 2019

Play-Doc e SON Estrella Galicia anuncian o único concerto en España do dúo procedente de Montreal.

O cartel musical complétase cun concerto de clausura na beira do Miño organizado en colaboración co Festival Sinsal. Actuará Adriana Proenza.

O Festival de cinema Play-Doc, que terá lugar na cidade de Tui do 3 ao 7 de abril, presenta unha atractiva programación musical para a súa décimo quinta edición. Os concertos en colaboración con SON Estrella Galicia e o Festival Sinsal terán lugar sábado o 6 e o domingo 7 de abril.

Desde Canadá e en exclusiva para Play- Doc, chegan Les Deuxluxes. A banda de Montreal dará o seu único concerto en España para presentar as cancións do seu traballo  Springtime Devil, amplamente aclamado pola crítica do seu país. O concerto será o sábado 6 de abril ás 23:30h na Sala Metropol de Tui.

As entradas anticipadas xa están dispoñibles en:   TICKETEA a un prezo de 10€ (Billeteira 13€).

Les Deuxluxes, chegan a Tui despois de realizar unha longa xira polo seu país, Estados Unidos e Sudamérica, participado en grandes eventos como o Festival de Jazz de Montreal. Este dúo formado por Anna Frances Meyer (voz e guitarra) e Étienne  Barry (batería, guitarra e voz) posúen unha actitude e técnica que se funde nunha mestura propia de feroz Rock and Roll. Eles dous bástanse para namorar nos seus directos con sons únicos, clásicos e poderosos. Con potentes voces, ritmos primarios e dúas furiosas guitarras converten as súas actuacións en salvaxes e sensuais á vez.  

Play- Doc é moito máis que un festival de cinema. Les  Deuxluxes, súmanse a unha longa lista de recoñecidos artistas nacionais e internacionais que, en edicións anteriores, pasaron polos escenarios do festival. Desde Joan  as  Police  Woman ata  Mad  Professor pasando por  Morphine,  The Rosenberg  Trio,  Dead ComboSinistro Total ou  Rubblebuckets. Así como bandas menos coñecidas de músicos talentosos polos que o festival apostou e que resultaron ser marabillosos descubrimentos.

Les Deuxluxes chegan a Play-Doc grazas ao apoio de La Embajada de Canadá en España.

Play- Doc e o Festival Sinsal alianse de novo

Un ano máis Play-Doc establece unha liña de colaboración cun dos eventos musicais máis interesantes que existen en Galicia, o Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que cada ano propoñen a un artista para que actúe en directo nun lugar especial de Tui. Nesta ocasión será a cantante asturiana Adriana Proenza, que dará un concerto no paseo fluvial do río Miño o domingo 7 de abril ás 13:00 h.

A andaina musical desta moza asturiana afincada en Madrid de tan só 18 anos tivo un punto de inflexión en 2018 co EP que lanzou en colaboración con  Corey, “Songs I  Wrote  with  Corey”.  Adriana  Proenza, que se move de forma dinámica entre no R&B contemporáneo e a música pop, virá por primeira vez a Galicia para clausurar a 15º edición do festival da man do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, un evento  hermanado con Play-Doc coa finalidade de descubrir talento creativo, nun ambiente relaxado e de proximidade co público.