Abril 25, 2022

Importantes nomes e estreas españolas nas categorías a competición de Play-Doc

Play-Doc anuncia así mesmo unha serie de mesas en liña que terán lugar durante a celebración do festival e que reunirán a unha ducia de prestixiosos profesionais do ámbito cinematográfico de todo o mundo.

Ademais das catro retrospectivas inéditas en España e da presentación especial en premiere española da última película de Bruce Weber sobre o fotógrafo italiano Paolo Di Paolo, Play-Doc anuncia as películas que conformarán as competicións internacionais de longametraxes e curtametraxes, e que se presentan tamén en estrea española.

O cineasta francés Arnaud des Pallières acudirá ao festival para mostrar a súa última película Journal d’ Amerique (2022) cuxa estrea mundial tivo lugar na sección Encounters da Berlinale 2022. Footnote (2022) do realizador de orixe chinesa Zhengfan Yang tamén terá a súa estrea española en Tui tras a estrea mundial no pasado Festival Internacional de Cinema de Róterdam. Así mesmo, o dúo de realizadores belgas Olivia Rochette e Gerard-Jan Claes, estarán en Tui acompañando á súa película Kind Hearts (2022) gañadora do Oso de Cristal da sección Generation na Berlinale deste ano. O director alemán Philip Scheffner participará coa súa película Europe (2022) que tras pasar por algúns importantes festivais obtivo unha mención especial do xurado na categoría Burning Ligths do recentemente celebrado festival suízo Visions du  Réel. Completa a competición internacional de longametraxes desta edición de Play-Doc, a cinta portuguesa Terra que Marca (2022) do novo realizador Raul Domingues.

Na categoría de curtametraxes internacionais poderase ver a coprodución anglo-española Agrilogistics (2022) do realizador español Gerard Ortín Castellví. Competirá tamén Caught in the Rain (2021) dos directores belgas Elie Maissin e Mieriën Coppens; a produción francesa Silabario (2021) de Marine de Contes, así como Polycephaly in D (2021) do realizador norteamericano Michael Robinson. Destaca por último a estrea española da última película do prestixioso cineasta francés, Jean-Claude Rousseau, que estará en Tui para presentar Le Tombeau de Kafka (2022).

O xurado internacional encargado de conceder o premio en ambas as categorías estará composto pola francesa Émilie Cauquy, responsable de HENRI a plataforma de vídeo baixo demanda da Cinémathèque française, o norteamericano Haden Guest, director dos Arquivos Cinematográficos de Harvard (Harvard Film Arquive) e o italiano Andrea Meneghelli, curador dos fondos cinematográficos da Cineteca di Bologna.

Prestixiosos profesionais do ámbito cinematográfico internacional para a proposta de mesas en liña de Play-Doc 2022. 

Coordinadas polo crítico de cinema e programador arxentino Roger Koza, Play-Doc levará a cabo unha serie de encontros virtuais que reunirán a recoñecidos profesionais de todo o mundo, desde cineastas, artistas e programadores ata profesores, archivistas e críticos de cinema.

Ditas mesas, que estarán accesibles en liña durante a celebración do festival, tratarán sobre diversas cuestións relacionadas coa industria do cinema: os festivais, as audiencias, os espazos de formación, as dinámicas de produción, de exhibición ou a necesidade da preservación.

Os profesionais participantes desta edición serán: Adrian Martin (Australia), Gonzalo de Pedro Amatria (España), Eva Sangiorgi (Italia), Radu Jude (Romanía), Manuel Asín (España), Émilie Cauquy (Francia), Gastón Solnicki (Arxentina), Andrea Meneghelli (Italia), Marta Mateus (Portugal), Haden Guest (Estados Unidos), Jean-Pierre Rehm (Alxeria) e Mariano Llinás (Arxentina).