Novembro 10, 2020

O festival Play-Doc fai balance tras unha exitosa edición que chegou a máis de 16.000 espectadores

Do 23 ao 27 de setembro a cidade de Tui acolleu a 16º edición de Play-Doc

A pesar das restricións sanitarias e ás reducións de aforo, o festival galego recibiu a 1.883 espectadores presenciais e máis de 15.000 accederon á súa programación online

O certame presentou un novo modelo de festival cun programa ambicioso, demostrando que a seguridade é perfectamente compatible co pleno goce das súas actividades. VÍDEO RESUMEN

O Festival Internacional de Cinema de Tui, Play-Doc, que se celebrou o pasado mes de setembro, fai balance tras pechar a súa edición máis atípica condicionada pola crise sanitaria na que presentou un novo modelo de festival logrando combinar unha ambiciosa proposta coa responsabilidade de ofrecer unha experiencia segura. Ademais, anuncia que abre convocatoria para a súa edición décimo sétima que se celebrará ao longo de 2021.

A organización mostra a súa satisfacción tras o enorme esforzo que supuxo levar a cabo a súa celebración na que tiveron que multiplicar os esforzos para garantir a seguridade sendo fieis á súa programación de calidade.

Play-Doc reafírmase como unha das citas culturais do ano conseguindo, un ano máis, un gran éxito de público e crítica. A pesar das medidas restritivas de aforo, as actividades programadas tiveron unha gran afluencia de público consolidando as súas cifras de asistencia. Nos últimos anos a media foi duns 7.000 espectadores, este ano, cunha redución do 70% de aforo acudiron 1.883 espectadores. O que demostra a fidelidade e lealdade do público de Play-Doc. Neste sentido os directores do festival Sara García e Ángel Sánchez quixeron dar as grazas ao equipo do festival pola súa profesionalidade e ao público pola súa fidelidade e pola súa responsabilidade que axudaron a que a edición transcorrese con absoluta normalidade, o que traslada tamén unha mensaxe de optimismo moi necesario nestes momentos tan difíciles, demostrando que os eventos culturais son espazos seguros.

O festival ampliou o seu alcance a todo o territorio nacional consolidándose como un referente no panorama cinematográfico español, grazas á súa versión online en colaboración coa plataforma de streaming,  FILMIN, chegando a máis de 15.000 visionados en tan só 10 días.

Máis 60 películas procedentes de 21 países conformaron unha programación na que se puido gozar das obras de realizadores noveis, importantes estreas, así como retrospectivas e ciclos especiais adicados a cineastas consagrados e xoias ocultas do cinema nacional e internacional.

Na súas sección competitiva sfoi a película belga Victoria, dirixida polas cineastas Sofie Benoot, Liesbeth De Ceulaer e Isabelle Tollenaere, a que obtivo o gran premio desta edición, o Premio do Público foi para De Barrio, e o galardón Play-DocTv para Those that, at a distance, resemble another. Así mesmo, o festival reforzou o seu compromiso co cinema galego máis recente, con oito títulos que demostran o excelente momento polo que pasa a creación audiovisual galega.

En Play-Doc 2020 tamén gozamos dun importante encontro entre programadores, público e cineastas no que puidemos coñecer algúns dos proxectos cinematográficos que verán a luz nos próximos meses, cineastas como Margarita Ledo, Pela del Álamo, Sonia Méndez ou Alexandre Cancelo presentaron un adianto dos seus próximos filmes.

Máis aló da sala
Na súa décimo sexta edición Play-Doc explorou novas narrativas cinematográficas, coa liberdade que ofrece a creación en directo e o documental expandido, gozándoas fose do espazo pechado dunha sala e convertendo a cidade nun espazo de creación audiovisual ao aire libre. Co título Cinema-Percorridos. Noite á deriva o festival convidou os espectadores a un roteiro nocturno pola cidade. Un paseo cinematográfico o que se puideron visitar as obras de Adrián Canoura, Laura Iturralde, Roi Fernandez, Bego M Santiago e Miriam Rodríguez, representantes dun cinema de vangarda sempre en ebulición.
O festival volveu demostrar a marabillosa capacidade que ten o cinema para capturar o tempo. Desde hai anos e en colaboración con MOCA, Play-Doc vén evidenciando o importante valor do cinema doméstico como patrimonio cultural. Nesta ocasión rescatouse e dixitalizou un valioso arquivo audiovisual proporcionado pola familia de Carlos Dagá, veciño de Tui, que co seu cámara rexistrou importantes acontecementos da vida da cidade durante os anos 60 e 70.

Tamén recibiron unha fantástica acollida as actividades e talleres de formación. Os participantes tiveron a oportunidade de expresarse a través do cinema e interactuar dunha maneira activa co festival e a súa programación. Reflexionaron sobre o impacto da pandemia nas súas vidas e realizaron magnificas películas no taller ‘En primeira persoa: Un retrato colectivo´ impartido polo cineasta Eloy Domínguez Serén.

Un ano máis o festival converteuse nun punto de encontro e un referente multidisciplinar onde outras manifestacións artísticas dialogaron co cinema desde diferentes perspectivas. Nesta edición destacaron os concertos de  Baiuca e Laura Lamontagne que presentaron propostas audiovisuais e sonoras que combinan presente e futuro de música tradicional galega. Tamén con gran acollida foi recibida a proposta escénica en directo do Colectivo Limites, que incluía obras de videoarte, artes plásticas e escénicas, nunha espectacular coreografía musical e de danza en directo.

O festival pecha a súa edición máis difícil e atípica cunha enorme satisfacción polos resultados obtidos e polo compromiso e o agarimo que recibiu dos espectadores. Play-Doc abre convocatoria para a recepción de traballos para a súa edición 17º que terá lugar ao longo de 2021. Na web do festival xa se poden consultar os requisitos para a inscrición de proxectos.