− O evento inaugúrase a partir das 20,30 coa danza de Javier Martín, protagonista dunha das películas da sección Cine Galego, e a proxección do clásico On the Bowery e da obra O equilibrio dos opostos
Cun espectáculo de danza e a proxección do clásico dos anos cincuenta On the Bowery, obra de culto do cine independente americano, esta tarde comeza Play-Doc Festival Internacional de Cine Documental, que entre hoxe e o domingo 26 encherá a localidade galega de Tui do mellor cine. A primeira xornada completarase coa estrea mundial da película O equilibrio dos opostos, de Alberto Baamonde, que forma parte da sección Cine Galego.
O bailarín e coreógrafo galego Javier Martín abrirá o festival coa peza de baile Commutatio no Teatro Municipal da área Panorámica de Tui, sede do festival. Trátase dunha coreografía con música creada para a ocasión polo mestre Oleg Karavaichuk. Javier Martín é o protagonista dunha das películas da sección de cine galego, Quiasma, outra das estreas mundiais de Play-Doc, de Tono Mejuto, que recolle o proceso de investigación e creación coreográfica para a súa obra La exforma, que estreou no Teatro Colón da Coruña en 2016.
A inauguración contará coa presenza de participaron os directores do festival, Sara García e Anxo Sánchez; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, e Amalia Baltar, responsable de Relacións Institucionais e Comunicación de Gas Natural Fenosa en Galicia.
Tras o espectáculo de danza proxectarase On the Bowery, unha película que chega a Tui por medio da colaboración entre Play-Doc e o festival Porto/Post/Doc, o novo e xa prestixioso festival de documentais con sede en Porto. A película, dirixida en 1956 por Lionel Rigosin, é a crónica do barrio neoiorquino de Bowery, un devastador retrato do alcoholismo que obtivo un nomeamento aos Oscar e logrou o premio BAFTA ao mellor documental. O fillo do director, Michael Rigosin, é un dos moitos invitados internacionais que pasarán por Tui nesta nova edición do festival.
O programa desta primeira xornada pecharase con O equilibrio dos opostos, unha cinta que narra a loita dun cociñeiro con estrela Michelin, Javier Olleros, para defender o seu restaurante Culler de Pau do Grove tras o seu peche. Foi unha situación incontrolable que lle destinaba á ruína, pero á que o chef soubo darlle a volta para converter o seu proxecto na realización do seu soño profesional.