O galego Eloy Domínguez Serén inaugura mañá a sección oficial de Play-Doc xunto ao mexicano Nicolás Pereda, retrospectiva en 2014, co que lamentablemente non podemos contar este ano. A proxección do filme codirixido con Andrea Bussman, Tales of Two Who Dreamt, será a primeira das da competición internacional, unha cinta que destila realismo máxico con esencia de Toronto.
A emigración de Domínguez Serén a Suecia, as súas vivencias persoais en traballos para sobrevivir e a súas experiencias amorosas e coa lingua, centran o relato do diario filmado No Cow on the Ice. Único filme galego a competición, supón a consagración do autor como unha das estelas ascendentes máis prometedoras do cinema español de non ficción.
Outras seccións que teñen mañá a súa sesión inaugural son Avant-Gutter e Resonancias. O primeiro programa, comisariado pola realizadora afroamericana Akosua Adoma Owusu, fai un percorrido por directores de cor dos últimos 20 anos, nos que por distintos motivos pode sentirse a influencia de Charles Burnett, o noso homenaxeado deste ano. Resonancias é a sección da crítica. Comezará co programa ‘O que nos olla’, selección de curtas de vangarda feita pola investigadora Raquel Schefer, sobre cuestións de identidade.
Continúa o ciclo de Les Blank, co retrato do bluesman Mance Lipscomb. O fillo de Blank, Harrod, contará os detalles máis íntimos desta película na súa presentación.