Filmar o invisible: a fe en Dreyer e o amor en Borzage
Proxectar La Passion de Jeanne d’Arc (A paixón de Xoana de Arco, 1928), de Carl Theodor Dreyer, e 7th Heaven (O sétimo ceo, 1927), de Frank Borzage, supón volver a un momento moi particular da historia do cinema: os últimos anos do cinema mudo, cando o cinema desenvolvera xa unha enorme capacidade expresiva e podía soster obras de gran intensidade emocional e humana unicamente a través das imaxes, os rostros, a luz, a montaxe e a música en directo. Ambas as películas pertencen a ese momento de plenitude e hoxe considéranse, de forma case unánime, dúas obras mestras da historia do cinema.
Aínda que a primeira vista poidan parecer moi distintas —unha, o proceso e martirio dunha santa; a outra, a historia de amor entre dous seres humildes no París da Primeira Guerra Mundial—, as dúas películas comparten algo esencial: ambas intentan filmar o invisible. Dreyer filma a fe. Borzage filma o amor. Pero, no fondo, nestas películas, fe e amor aparecen como unha mesma forza interior, capaz de soster os personaxes fronte ao sufrimento, á inxustiza ou á guerra.
En ambas, o verdadeiro drama non se desenvolve tanto no exterior como no interior dos personaxes, e ese interior reflíctese no rostro. Dreyer leva o primeiro plano ata un extremo nunca visto: o rostro de Renée Falconetti ocupa a pantalla como se fose unha paisaxe. A actriz, que con 35 anos encarnaba a moza de 19, ofreceu o que moitos consideran unha das maiores interpretacións da historia do cinema; curiosamente, nunca volveu actuar noutra película despois deste papel. Non vemos simplemente a unha muller sendo xulgada; sentimos o seu medo, a súa soidade, a súa resistencia e a súa firmeza en cada ollada e en cada xesto. A película baséase fielmente nas actas reais do xuízo de Xoana de Arco en 1431, condensando meses de interrogatorios nun só día dramático de intenso enfrontamento entre a fe inquebrantable de Xoana e o poder institucional que a xulga por herexía. Co tempo, a película converteuse nunha obra fundamental da historia do cinema, e o rostro de Falconetti, nunha das súas imaxes máis emblemáticas.
Borzage fai algo moi parecido a Dreyer, aínda que dunha forma máis luminosa e aparentemente máis sinxela. En 7th Heaven, os rostros de Janet Gaynor e Charles Farrell están filmados cunha delicadeza extraordinaria. A pequena bufarda onde viven os dous protagonistas, á que se accede por unha interminable escaleira, convértese no seu “sétimo ceo”: un lugar fóra do mundo, suspendido por riba da miseria, a violencia e, máis tarde, a guerra. Borzage non filma o amor como un simple sentimento romántico, senón como unha forza capaz de protexer, de salvar, de manter unidos os personaxes mesmo cando todo parece separalos. A película foi un dos grandes éxitos da súa época e obtivo varios dos primeiros premios Óscar da historia: Janet Gaynor recibiu o primeiro Óscar á mellor actriz polo seu traballo en 7th Heaven xunto con Sunrise: A Song of Two Humans (Amanecer, F. W. Murnau, 1927) e Street Angel (O anxo da rúa, Frank Borzage, 1928), e Borzage recibiu á súa vez o Óscar á mellor dirección.
As dúas películas, no fondo, son películas sobre o sufrimento e a elevación. Xoana de Arco é humillada, interrogada, condenada e finalmente executada, pero canto máis sofre, máis firme e máis serena parece. Chico e Diane, en 7th Heaven, viven na pobreza; a guerra sepáraos, todo conspira contra eles, pero o seu amor manténos por riba do seu destino. En ambas as películas, a fe e o amor aparecen como unha forza capaz de axudar ao ser humano a transcender a dor.
Ver hoxe estas obras, case cen anos despois da súa estrea, e facelo ademais con acompañamento de piano en directo, permite achegarse a elas dunha maneira moi próxima a como se proxectaban na súa época. Nos anos do cinema mudo, a música formaba parte esencial da proxección e acompañaba a película de principio a fin, marcando o ritmo e subliñando a emoción e a atmosfera das imaxes. Nesta ocasión, o pianista e compositor Filipe Raposo, referente europeo no acompañamento de cinema mudo, volve encargarse da interpretación musical en directo.
A Igrexa de San Domingos, declarada Monumento Nacional en 1931 e hoxe Ben de Interese Cultural, é un dos espazos patrimoniais máis emblemáticos da cidade de Tui. A súa historia, a súa arquitectura e as súas singulares condicións acústicas converten este lugar nun marco especialmente significativo para unha proxección destas características. Neste contorno, a música en directo e as imaxes do cinema mudo atopan un espazo distinto ao dunha sala convencional, e a proxección adquire unha dimensión especial, acorde co ton destas películas, onde o sufrimento, a fe, o amor e a esperanza se presentan como experiencias de transformación e de elevación humana.Unha ocasión verdadeiramente extraordinaria e irrepetible para reencontrármonos con estas dúas obras mestras do cinema mudo.
Filipe Raposo é pianista, compositor e arranxador. Formado en Lisboa e Estocolmo, traballou con orquestras internacionais e actuou en escenarios como o Bozar, São Paulo ou a Fundación Gulbenkian. O seu traballo para cinema, teatro e ópera foi recoñecido con premios como o Sophia á Mellor Canción Orixinal e á Mellor Banda Sonora no festival de Coimbra por Refrigerantes e Canções de Amor, e máis recentemente co premio á Mellor Banda Sonora no Festival de Málaga pola película Lo que queda de ti. Entre as súas gravacións máis recentes destacan The Art of Song Vol. 2: Between Sacred and Profane (2023), O Primo Basílio (2024) e Variações do Brancø Vol. 3 (2025).
O sétimo ceo – VENRES 1 DE MAIO – 22:30h
A paixón de Xoana de Arco – DOMINGO 3 DE MAIO – 22:30h