Play-Doc conta cunha nova colaboración este ano. Trátase de Doc’s Kingdom, prestixioso seminario de documental internacional, que ten lugar cada setembro en Arcos de Valdevez, en Portugal. Este recoñecido encontro de cineastas, críticos, programadores e comisarios; intenta fomentar o debate en torno ás últimas tendencias do cinema de non ficción, centrándose cada ano nun tema concreto, con proxeccións e discusións en torno a esas películas.
Co mesmo espírito, presentará en Play-Doc unha sesión, e debaterá as películas do festival cos asistentes a este seminario, de carácter informal. Un dos aspectos máis interesantes da proposta é que os participantes non coñecen os contidos do encontro antes de inscribirse nel, polo que se privilexia a experiencia e o debate. Pero para darvos unha pista, digamos que o autor detrás do título que inspirou o nome do seminario, Doc’s Kingdom, terá moito que ver cun dos filmes que se debatan e sobre os que pivote esta nova aventura en Play-Doc.
Atrévete a descubrir Doc’s Kingdom. A inscrición é gratuíta ata esgotar as 12 prazas que ofertamos. Só tes que enviarnos un correo a prensa@play-doc.com, darnos os teus datos, e xa poderás participar.
O seminario terá lugar o venres 15 de abril, a partires das 16 horas. A inscrición é gratuíta.