Furada Negra de Berio Molina e Crías de Xiana do Teixeiro recibiron ex aequo o premio da competición Galicia
A 22ª edición do Festival Internacional de Cine de Tui, Play-Doc, xa ten palmarés oficial. Amílcar de Miguel Eek, fíxose co premio da competición internacional. O xurado internacional composto pola asesora cinematográfica Hayet Benkara, o historiador e crítico de cine Jay Weissberg e a produtora executiva da revista piauí Raquel Freire Zangrandi decidiron premiar Amílcar de Miguel Eek “por retratar, dun xeito moi orixinal, a historia persoal dun home revolucionario, empregando a súa vida emocional para resaltar a importancia da súa humanidade nas causas polas que loitou, ao mesmo tempo que integra, con gran rigor material de arquivo, para iluminar o contexto político das loitas de independencia en Guinea-Bissau e Cabo Verde”. Ademais, o xurado quixo outorgar unha mención especial a Remake de Ross McElwee por “ser unha obra profundamente emotiva e persoal, que aborda a complexidade da relación pai-fillo dende unha mirada íntima e sen respostas pechadas”.

Na sección competitiva de Galicia, o xurado composto polo profesor, investigador e programador, Daniel Ribas; o cineasta Eloy Enciso e a produtora Leire Apellaniz decidiu premiar ex aequo Furada Negra de Berio Molina e Crías de Xiana do Teixeiro. No caso da película de Berio Molina por “crear un atlas do telúrico que, partindo do territorio galego, revela a súa historia a través de covas, penedos e mitos do subsolo. Unha película con múltiples fugas cuxo delicado pero frutífero uso de arquivos sonoros, visuais e literarios fascinounos”. No caso de Crías de Xiana do Teixeiro decidiron premiala “por ser un extenso e dedicado traballo de investigación duns materiais do noso uso cotián que historicamente permaneceron como infravalorados ou na sombra. Iluminando tanto o contido máis intimo como a materialidade dos diarios de decenas de mulleres, a película resulta especialmente lúcida ao mostrarnos como un conxunto de voces femininas rebélanse contra o espazo que socialmente se lles impón, demostrando que detrás de calquera documento oculto está a violencia do sistema que os perpetua”.