Traspielas é o novo proxecto da cantautora galega Su Garrido Pombo, xunto con Macarena Montesinos (violoncello), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodríguez Casal (visuais), que celebra a memoria colectiva dunha aldea a través dunha obra musical, poética e visual.
A proposta en directo parte de composicións tradicionais recollidas na aldea de Traspielas (Fornelos de Montes) pola propia Su Garrido Pombo, e constrúese con proxeccións de imaxes actuais e de arquivo. Quen integra o proxecto achega traxectorias consolidadas e procedencias diversas, e combina música tradicional, electrónica e experimentación para dar forma a unha creación contemporánea. O obxectivo é dar nova vida a este legado sonoro nunha proposta multidisciplinar que pon en valor a comunidade e a cultura popular do territorio.
Máis alá da recuperación da música tradicional, Traspielas ofrece, neste espectáculo, unha ollada contemporánea sobre o territorio, explorando o arraigamento, a identidade e a transmisión oral a través dunha linguaxe escénica e sonora que converte a memoria nunha experiencia viva.
Tras o seu paso polas Residencias Artísticas Mariñán 2024, o MUMI: Músicas no Minho e o Festival MARÉ en Santiago, preparan a súa xira e a gravación deste novo proxecto discográfico.