A historia do cinema construímola os espectadores, segundo os filmes que vexamos, segundo os filmes que nos deixen ver. Cada xeración ten acceso a uns títulos ou outros en función da distribución e dos debates do seu tempo, polo que programadores e críticos teñen un papel fundamental nunha historia sempre en reconstrución. Ninguén reparara nos realizadores industriais do Hollywood clásico ata que o fixo a crítica francesa e cada tanto sae á luz un nome oculto nos anais da historia do cinema que, grazas a unha retrospectiva, un foco ou un cambio nas condicións de recepción, é descuberto ou reconsiderado. Nos últimos anos, os criterios para a inclusión e resignificación de filmes no canon evolucionaron, impulsados polos festivais de cinema, mais tamén grazas a unha maior accesibilidade a obras que foron esquecidas e relegadas a un segundo plano, sobre todo no que se refire a cineastas e filmes de rexións periféricas e de autoría feminina. Partindo deste contexto, importa repensar as prácticas e dinámicas que teñen contribuído á recuperación de voces esquecidas.
Neste sentido, moitos festivais de cinema destácanse por descubrir e revelar a obra de cineastas descoñecidos ou que non foron valorados no seu momento. As cinematografías galega, portuguesa e latinoamericana teñen moitos exemplos deste tipo. Hai realizadores coñecidos localmente que para o resto do mundo son ignotos, filmografías que se valoran (ou revalorizan) nos seus respectivos países, pero que se dan a coñecer polo mundo moito despois. E, nalgúns casos, voces descoñecidas tanto na casa como no exterior. Que esconde este fenómeno? Unha cegueira da contemporaneidade que só permite “descubrir” cousas moito despois? Unha batalla xeracional na que unha camada crítica desbota aos mestres dos seus maiores para crear os seus propios mitos? Ou é todo parte dunha maquinaria de promoción cultural que transforma en consumo “hipster” algo que no seu momento foi rexeitado?
Os días 4 e 5 de maio de 2024 terá lugar en Tui o Seminario de crítica cinematográfica “Voces recuperadas e novos canons”, organizado pola revista A Cuarta Parede en colaboración co Festival Play-Doc, dirixido a todas aquelas persoas interesadas en afondar no papel da crítica e dos festivais na revisión do canon cinematográfico, a través de exemplos concretos da Galiza, Portugal e Latinoamérica. O seminario contará con tres sesións impartidas por investigadores e profesionais da crítica de cinema, que se complementarán coa programación da XX edición de Play-Doc. Os alumnos terán a posibilidade de elaborar e publicar pezas sobre os temas tratados ao longo do seminario, para o que contarán co apoio da revista A Cuarta Parede nos labores de edición. Así mesmo, os participantes recibirán, unha vez entreguen estes traballos, un diploma acreditativo pola formación recibida.
*Texto elaborado en colaboración cos docentes.
Prazos e matrícula
A matrícula estará aberta dende o venres 12 de abril ata o venres 3 de maio de 2024 (ás 23:59 h). Os alumnos interesados deberán escribir un correo especificando o seu desexo de participar no seminario a info@acuartaparede.com, sinalando no asunto do correo “Seminario Play-Doc 2024” e incluíndo o seu nome completo e DNI.
O prezo da matrícula é de 20 € (15 € para alumnos que participaran anteriormente nalgún seminario organizado pola revista, mediante presentación de diploma). Ademais da asistencia ao curso, tódolos alumnos recibirán unha acreditación completa para poder asistir ás proxeccións do festival. A maiores, ofrecerase un desconto en aloxamento para facilitar a estancia en Tui durante os días do festival.
O número de alumnos estará limitado a 20, tendo prioridade aqueles que realicen antes a matrícula. Tras enviar o correo, os participantes recibirán instrucións sobre a conta bancaria na que deberán efectuar o pagamento da matrícula. É esencial realizar o pagamento antes do día 4 de maio para facer efectiva a inclusión no curso.
*Será imprescindible entregar as pezas elaboradas no seminario e asinar o formulario de asistencia diario para recibir o diploma.