Obradoiro de cinema: cartografías sonoras

Obxectivos

Cada lugar posúe unha identidade sonora propia. Antes mesmo de sermos capaces de describir un espazo coas palabras ou coa mirada, xa podemos recoñecelo polos seus sons: o repenicar das campás da catedral, a corrente do Miño, un coche que frea e desaparece nunha rúa empedrada, as voces mesturadas dunha terraza, o vento que percorre unha alameda case deserta ou o golpe seco dunha persiana que baixa nun comercio que pecha.

Vivimos, porén, nun tempo dominado pola imaxe. A nosa relación co mundo está cada vez máis mediada polo visual, mentres que os sons que nos rodean adoitan permanecer nun segundo plano, invisibles, inadvertidos. Mais escoitar con atención é tamén unha forma de coñecer, de habitar e de comprender o lugar no que vivimos.

O noso obradoiro convida aos veciños e veciñas de Tui e da súa contorna a explorar cinematograficamente a paisaxe sonora do seu entorno. Que sons definen a nosa vila? Como cambia a súa atmosfera acústica ao longo do día? De que maneira transforman os sons a percepción do que vemos? Que historias poden agromar ao prestar atención ao que normalmente pasa desapercibido?

A través da realización dunha breve peza audiovisual, cada participante terá a oportunidade de observar e escoitar o seu entorno dun modo distinto, deixando que os sons —cotiáns ou inesperados, recoñecibles ou misteriosos, reais ou construídos— guíen a formulación da súa proposta cinematográfica. Un exercicio de atención e descubrimento que nos permitirá redescubrir o lugar que habitamos.

Descrición

Este obradoiro será impartido por Eloy Domínguez Serén, recoñecido e multipremiado cineasta galego cunha notable traxectoria internacional, na que destacan títulos como Hamada, No Cow on the Ice, Os corpos ou Rompente.

Ao longo dos meses de marzo e abril de 2026, as persoas participantes realizarán unha pequena peza audiovisual de curta duración na que explorarán a paisaxe sonora da súa contorna, tecendo xuntas un valioso entrelazado de pequenas historias persoais e colectivas.

Durante todo o proceso de creación das pezas, as persoas participantes contarán co seguimento, asesoramento, colaboración e apoio do cineasta Eloy Domínguez Serén.

Participan: Aldara López, Andrea Sermeno y María Pillado Rico, César Bravo, Diana Iglesias, Diego Plaza, Miguel Ángel Franco, Nerea Caride, Pablo Fernández Collazo, Paco Serén, Raquel Diz, Raúl De Celis Rodríguez, Sofía Dagá e Taro.

DOMINGO 3 DE MAIO  – 11:00h| Teatro Municipal

ENTRADAS