Ver, elixir e escribir: a crítica de cinema e a programación como ensaio e conxectura
Un encontro con Dennis Lim
Dennis Lim escribe libros, críticas e textos breves para catálogos e outros espazos afíns. Tamén escolle películas. Fixoo para o Lincoln Center e segue facéndoo para o New York Film Festival. Os seus diálogos con cineastas durante ese festival son notables, porque quen sabe preguntar comprende ben a materia do seu coñecemento e axuda a que outros poidan expresar o seu. Que lle preguntar, entón, a Dennis Lim? Terá algo que dicir sobre a relación entre o gusto e a análise, ou entre o xuízo estético e a pertinencia dunha película no seu tempo e para o seu tempo. Terá algo que dicir sobre como un festival propón unha idea de cinema, e esa idea refírese non só ao presente, senón tamén ao pasado e mesmo ao futuro. Terá algo que dicir sobre a relación que se establece entre películas nun festival, case como se implicase un traballo de montaxe. E como Lim escribiu dous libros notables sobre David Lynch e Hong Sang-soo, falaremos de ambos, o que implica volver a un vello sintagma da crítica: a política dos autores.
Modera: Roger Koza
O presente dun mito: Cahiers du Cinéma no século XXI
Un encontro con Marcos Uzal
Poucos poden asumir o lugar que unha vez ocuparon André Bazin, Éric Rohmer, Jacques Rivette, Serge Daney e tantos outros. Probablemente Marcos Uzal descoñecía o seu destino, pero sucedeu que hai uns anos, cando se decretou inxustamente o fin da revista, o mozo crítico que brillara en Traffic e Libération tomou as rendas dese mito literario que forxou outra forma de escribir e pensar o cinema. Tras máis de 70 anos, que significa hoxe a revista na era dixital? Que ocorre coa política dos autores? Que cinema defende Cahiers? Que relación establece coa tradición heteroxénea que lle deu orixe e co seu presente? As preguntas poden ser moitas, pero hai unha que se impón: como responde a que é o cinema nun tempo no que toda imaxe xa non mantén unha relación intrínseca co mundo?
Modera: Roger Koza
A indisciplina
Un encontro con Albertina Carri
Con razón a cineasta arxentina pode describirse a si mesma como pasoliniana: desde o primeiro plano ata o último, vibra en todo o que filma un signo de inconformismo. A non reconciliación co estado das cousas marcou a súa obra, sempre variada e tentativa, disposta ao escándalo se fai falta, á opacidade se a materia o require e á inxuria se é necesaria. Filmar sen concesións, sen atenuantes. Carri filmou o desexo, a violencia política, as interdiccións máis íntimas de calquera sociedade, a historia. Sexan ficcións ou ensaios, non importa: no cinema de Carri existe unha política da forma que é unha forma de política, que obriga a pensar a imaxe e as consecuencias de cada imaxe no corpo e na alma. Dixo recentemente, sobre a súa posición ante o mundo: «Non só antagonista da pequena burguesía que universaliza os suxeitos mirando o embigo, senón tamén para errar nas cores, no pracer que provoca un campo de grilos nunha banda sonora, na tenrura que transmiten os corpos cando se senten a gusto e na confianza no humano e no non humano que pode transmitir o cinema».
Modera: Roger Koza