Mesas redondas en liña 2026

Un encontro con Jonathan Rosenbaum

Vida examinada en imaxes e sons
Modera Roger Koza

Ningunha vida que se prece de tal pode prescindir dun acompañamento consciente no que se examinan as crenzas que a definen e as consecuencias prácticas que acarrean. No caso de Jonathan Rosenbaum, ese exercicio vital e racional de xenealoxía platónico-socrática estivo mediado polo cinema e a escrita: a través das películas entendeu o mundo e o seu propio paso por el. Tal descrición é evidente en Travels in the Cities of Cinema, pero tamén en todos os seus libros, que foron esenciais na formación de críticos de cinema, cineastas e cinéfilos de todo o mundo. A crítica (de cinema), como sinalou o escritor Ricardo Piglia, é unha forma posfreudiana da autobiografía, pero ese traballo peculiar que se pon en marcha entre a palabra, o plano cinematográfico e a conciencia non ten nada que ver co narcisismo, senón co coñecemento a través da primeira persoa.

Jonathan Rosenbaum publicou case vinte libros ao longo da súa carreira, así como centos de recensións e artigos en revistas como Sight & Sound, Film Comment, Trafic, Cahiers du Cinéma e xornais como The Village Voice e Chicago Reader. Nalgunha ocasión, Jean-Luc Godard dixo que a lucidez que resplandecera en André Bazin revivía nos textos do propio Rosenbaum, quen foi capaz de analizar tradicións disímiles como a estadounidense e a iraniana, ou a obra de cineastas tan orixinais e diversos como Béla Tarr e Raúl Ruiz, entre moitos outros autores aos que dedicou centos de páxinas ao longo da súa carreira. Rosenbaum impartiu clases e seminarios en todo o mundo, e tamén foi xurado en festivais clave do cinema durante as catro últimas décadas.

Un encontro con Cyril Neyrat

Máis alá da zona Schengen ou As películas sen visado
Modera Roger Koza

Os festivais de cinema constitúen un sistema de visibilidade. Teñen as súas regras, tamén os seus códigos (non tan) secretos, mesmo as súas preferencias explícitas, que se poden deducir da análise de cada programación anual, e tamén os tabús non recoñecidos, máis difíciles de desentrañar, porque intentalo implica formular unha conxectura a partir de ausencias reiteradas nas propostas estéticas. Dada a influencia dalgúns dos grandes festivais e o temor que supón afastarse do canon cinematográfico que se ergueu arredor deles, son moi poucos os festivais que arriscan e escollen películas que non teñen “visado” de acceso ao “Schengen” dos festivais europeos. FidMarseille foi unha excepción notable nas últimas décadas: unha tradición de desobediencia xurdiu na era de Jean-Pierre Rehm e, tras a súa saída do festival hai xa algúns anos, ese posicionamento díscolo persistiu e mesmo tomou novos camiños en relación co noso tempo, que cambiou radicalmente nos últimos cinco anos. Cal é o segredo dos marselleses? Por que a programación de FidMarseille non se parece á de tantos outros festivais?

Cyril Neyrat é crítico de cinema e director artístico de FidMarseille. Escribiu Au pied du mont Tabou: Le cinéma de Miguel Gomes (2012) e publicou libros xurdidos de conversas con cineastas contemporáneos como Pedro Costa, Jean-Claude Rousseau, Albert Serra ou Pierre Creton. Durante anos exerceu a crítica de cinema en Cahiers du Cinéma e Vertigo. Como docente, impartiu clases en París 3, París 7 e HEAD-Xenebra, e a súa actividade docente é paralela á curadoría.

Un encontro con Rita Azevedo Gomes

Sobre a imprevisible poética dunha cineasta lusitana
Modera Roger Koza

Filmara a súa primeira película en 1990 e xa en 2001 deixou a súa pegada na historia do cinema: Frágil Como o Mundo é un pequeno acontecemento, unha historia de amor adolescente que é tamén unha crónica da luz do mundo na materia. Que veu despois daquela película indeleble? O cinema de Rita é inusual pola súa variedade: a materia das súas películas poden ser cartas, ensaios conceptuais ou viaxes, como sucede na notable Fuck de Polis. Nunca se sabe como poderá ser a seguinte película, pero algo si pode esperarse sempre: haberá unha laboriosa composición do encadre, non faltará a especulación filosófica, un lugar elixido será redescuberto pola cámara, haberá desvíos e innovacións respecto das súas películas anteriores. Quizais a acompañen os amigos de sempre, quizais estea soa, pero o cinema collerá aire e será libre, porque se ela está detrás da cámara o cinema reinvéntase a si mesmo sen cesar.

Rita Azevedo Gomes realizou dez longametraxes ao longo da súa carreira. O seu encontro con Manoel de Oliveira foi decisivo na súa biografía como cineasta, máis alá de que a influencia do mestre non condicionou a busca dun camiño propio, como se pode comprobar na súa filmografía, sempre en relación con distintas tradicións literarias e cinematográficas. En 2023, a cineasta portuguesa foi distinguida co Premio Mikeldi.