Impulsando o cinema: encontro sobre financiamento, políticas públicas e retos do sector

Sábado 10 de maio. 11:30h. Sala 3 (rúa Camilo José Cela, Tui).

As políticas audiovisuais públicas desempeñan un papel fundamental tanto no impulso das producións independentes como na súa visibilidade e difusión. Por iso, é fundamental reforzar os lazos entre institucións e profesionais do sector, co obxectivo de construír un ecosistema audiovisual sólido, diverso e sustentable.

Este encontro, dirixido a cineastas, produtoras e responsables de festivais, pretende ser un espazo de diálogo aberto e próximo entre os principais organismos de financiamento da produción e difusión audiovisual e os profesionais do sector. Representantes de AGADIC, ICAA e MEDIA presentarán as súas principais liñas de apoio, explicando os obxectivos estratéxicos das políticas audiovisuais a nivel galego, estatal e europeo.

Participan: Jacobo Sútil Nesta, Director da Axencia Galega das Industrias Culturais. AGADIC, Fernando Bigeriego, Subdirector Xeral de Fomento da Industria Cinematográfica e Audiovisual, Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuales, e Christian Solanas responsable promoción da Oficina MEDIA España.

Despois das intervencións institucionais, abriremos unha conversa co público asistente, onde cineastas, produtoras e programadores poderán expoñer dúbidas, compartir experiencias e debater sobre os retos e oportunidades do sector. O obxectivo desta sesión é ofrecer información de primeira man sobre as dinámicas do financiamento audiovisual e, ao mesmo tempo, crear un ambiente acolledor onde compartir ideas, fortalecer redes e promover novas vías de colaboración entre profesionais.

A actividade é gratuíta, con inscrición previa mediante o envío dun correo electrónico aquí (jesus.silva@play-doc.com), indicando nome e perfil profesional.

Actividade coordinada polo grupo CP2, Comunicación Persuasiva, da Universidade de Vigo e financiada pola Xunta de Galicia como grupo de potencial crecemento.