ENCONTRO PROFESIONAL SOBRE COPRODUCIÓN AUDIOVISUAL E POLÍTICAS PÚBLICAS
Dirixido a profesionais do ámbito audiovisual: cineastas, produtoras, perfís creativos e outros axentes.
Como parte do seu compromiso co desenvolvemento do sector, Play-Doc impulsa unha serie de actividades profesionais orientadas a fortalecer o ecosistema audiovisual. No marco da súa 22ª edición, o festival acollerá un encontro arredor das políticas públicas e os marcos de apoio á coprodución audiovisual, que se celebrará o sábado 2 de maio ás 11:30 en Tui.
As coproducións internacionais consolidáronse nos últimos anos como unha vía fundamental para impulsar o cinema independente, ao permitir sumar recursos, ampliar redes profesionais e facilitar a circulación das obras. Neste contexto, a colaboración entre Galicia e Portugal ofrece un marco especialmente favorable, tanto pola súa proximidade cultural como polas oportunidades que brindan as políticas públicas de apoio á creación audiovisual.
Este encontro propón un espazo de intercambio entre profesionais do sector e representantes dos principais organismos públicos de apoio á produción e coprodución audiovisual a nivel estatal, galego e portugués. A mesa contará coa participación de AGADIC, ICAA e o ICA – Instituto do Cinema e do Audiovisual, cuxos responsables presentarán de forma clara e accesible as súas liñas de traballo, instrumentos de apoio e os distintos mecanismos que facilitan a colaboración e a coprodución entre territorios. Prestarase especial atención ás posibilidades de colaboración entre Galicia e Portugal, así como á articulación de alianzas con outros territorios europeos.
Como complemento, a sesión incluirá a presentación dun caso práctico a partir dunha coprodución recente entre Galicia e Portugal, na que os seus responsables compartirán o proceso de construción da alianza, as distintas fases de desenvolvemento do proxecto e as ferramentas públicas empregadas para facer viable a película. O encontro concluirá cunha conversa aberta co público asistente, orientada a resolver dúbidas, compartir experiencias e xerar un diálogo arredor dos retos e oportunidades da coprodución internacional.
Ao remate da sesión, compartiremos viño e petiscos nun ambiente distendido para continuar conversando e favorecer o intercambio entre as persoas asistentes.
Inscrición
- O acceso ao encontro é gratuíto, mediante inscrición previa ata completar aforo.
Para asistir, é necesario enviar un correo electrónico a industry@play-doc.com, indicando nome e perfil profesional. - O prazo de inscrición remata o 27 de abril. O aforo é limitado, polo que se recomenda realizar a inscrición con antelación.