Encontro con crea

Audiovisual galego: camiñando cara o futuro ou o futuro xa está aquí

Espazo de encontro que combina mesa redonda e diálogo aberto co público, pensado para reflexionar colectivamente sobre o presente do cinema galego desde a mirada dos seus creadores. A partir das súas experiencias, abordaranse os principais retos do sector e as súas perspectivas de futuro, nunha conversa participativa que fomentará o diálogo directo entre profesionais e asistentes.

Participan Irene Pin, Zeltia Outeiriño, Xacio Baño, Fran Rodríguez e Coral Piñeiro, con moderación de Pablo Fontenla, presidente de CREA.

Actividade organizada en colaboración con CREA, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, fundada no ano 2002 co obxectivo de defender os intereses dos directores e realizadores do sector audiovisual en Galicia.

Pablo Fontenla
Director de fotografía, guionista e realizador cunha ampla traxectoria no sector audiovisual. Traballou en documentais, longametraxes, curtametraxes, webseries e contidos para televisión e plataformas. Fundador de Luou City Producións, desenvolve proxectos de creación audiovisual, guionización e composición musical. O seu traballo foi recoñecido en varias ocasións nos Premios Mestre Mateo en distintas categorías.

Irene Pin
Guionista e directora formada en Comunicación Audiovisual, especializouse en guión e dirección durante a súa estadía en Grecia, onde codirixiu o documental Morrer Devagar. É creadora de Amnesia 3.0, a primeira webserie interactiva en galego, e dirixiu a curtametraxe Somos Cárcere. Actualmente desenvolve a súa primeira longametraxe, Terás que saltar. Compaxina o audiovisual coa escrita, con proxectos como o poemario transmedia A ollada de Ειρήνη e o xornalismo cultural.

Zeltia Outeiriño
Cineasta e creadora audiovisual formada en Comunicación Audiovisual, desenvolveu a súa carreira entre Galicia e Barcelona. Tras iniciar a súa traxectoria como operadora de cámara, especializouse como freelance en proxectos vinculados á economía social e á colaboración con colectivos en situación de vulnerabilidade. O seu traballo documental, centrado nos dereitos humanos e na conciencia social, foi presentado en diversos festivais. É autora da longametraxe documental Filmei paxaros voando, gañadora do premio Mestre Mateo.

Xacio Baño
Director, guionista e produtor. A súa obra, centrada principalmente na curtametraxe, caracterízase pola exploración da linguaxe cinematográfica e a busca dunha voz propia a través de propostas formais e narrativas singulares. Os seus traballos foron seleccionados en numerosos festivais internacionais como Locarno, Viennale, Clermont-Ferrand, Telluride ou San Sebastián. A súa última película, Despois das cidades, tivo a súa estrea mundial no Festival de Róterdam.

Coral Piñeiro
Cineasta e creadora audiovisual formada en Comunicación Audiovisual e especializada en motion graphics. As súas curtametraxes documentais Dores e Na pel da memoria foron recoñecidas en diversos festivais. É cofundadora da asociación Memoria e Cinema, centrada na difusión da historia a través do audiovisual, e actualmente traballa no desenvolvemento da longametraxe documental Da túa man para miña.

Fran Rodríguez Casal
Artista visual e cineasta cuxo traballo se move entre o cinema e as artes visuais. Participou en festivais, residencias artísticas e exposicións colectivas en diferentes espazos, desenvolvendo unha liña creativa centrada na experimentación e na relación co territorio e a memoria. Actualmente traballa na adaptación ao formato cinematográfico do proxecto Da túa man para a miña, en colaboración coa produtora Miramemira.

SÁBADO 2 DE MAIO | 18:30h – Sala 3 | Entrada de balde