Coming Soon é un espazo aberto no que cineastas presentan en directo un breve adianto das súas futuras películas, actualmente en proceso.
Unha oportunidade para achegarnos a proxectos en xestación e compartir o seu proceso creativo de primeira man: primeiras imaxes, dúbidas, decisións e os retos que acompañan cada etapa do traballo.
A continuación, preséntanse os proxectos participantes:
TODO É CARCERE
Dirección: Eloy Enciso
Produción: Filmika Galaika, Umbracle Cine
A película sitúase nos últimos días da Guerra Civil española, poñendo o foco en quen a perdeu. A través da relación epistolar entre un home e unha muller, reconstruída por unha fotógrafa contemporánea, emerxe unha memoria fragmentada. A morte dun familiar obriga á protagonista a deter a súa investigación e enfrontarse a unha herdanza aínda aberta.
DA TÚA MAN PARA A MIÑA
Dirección: Fran Rodríguez Casal, Coral Pineiro
Produción: Miramemira
Unha película sobre comunidade, memoria e os vínculos entre pasado e futuro. En cartas e postais que atravesan o tempo, resoan voces que regresan e reconfiguran un territorio marcado pola emigración. A través de quen as le hoxe, ábrense novas preguntas sobre como habitar o presente.
A TERRA DAS VIÚVAS DOS VIVOS
Dirección: Melanie Pereira
Produción: Cósmica Producións, Red Desert Films
Nas montañas de Castro Laboreiro, Isalina (81), e a súa filla Leonor (61), son as últimas gardiás dunha transhumancia ancestral que está a piques de desaparecer, mentres que o cambio climático, o abandono rural e o paso do tempo anuncian o fin dunha cultura milenaria.
SÁBADO 2 DE MAIO 19:30h | Sala 3 – Entrada de balde