Por Xisela Franco
Cinema Percorridos volve na súa sétima edición como unha das experiencias máis atractivas de Play-Doc, convidando a vivir o cinema fóra da sala, en espazos singulares da cidade de Tui. Lonxe da proyección profesional, esta proposta formula un encontro entre imaxe, son e arquitectura a través de intervencións en vivo concibidas especificamente para cada lugar.
Esta edición articúlase arredor de dúas paradas sorprendentes que transforman a percepción do contorno e propoñen unha experiencia audiovisual compartida e irrepetible. Ambos os proxectos exploran novas narrativas ao tempo que expanden o cinema cara ao performativo, abrindo paso a un audiovisual que se constrúe en tempo real e no que o espectador se converte en parte activa da obra. Se queremos identificar onde se están a xerar formas innovadoras dentro do cinema de vangarda, na súa confluencia coa arte, os creadores convidados constitúen un caso especialmente revelador.
Krakatoa
Por unha banda, abrimos Cinema Percorridos co artista e cineasta barcelonés Carlos Casas, que presenta unha versión de cinema expandido da súa película Krakatoa, convidándonos a unha poderosa experiencia envolvente que activa o espazo a través do son, a imaxe e a vibración. Casas é unha referencia internacional na intersección entre o cinema e a arte contemporánea, e o seu traballo presentouse tanto nos festivais máis salientables de cinema de autor e de vangarda —como o Festival de Cine de Venecia, o Festival de Cine de Rotterdam, o Festival de Cine de Buenos Aires, o Festival de Cine de México ou FID Marseille— como en institucións de arte contemporánea nas que as súas instalacións audiovisuais foron exhibidas, como Tate Modern, Fondation Cartier, Palais de Tokyo, Centre Pompidou, Hangar Bicocca (Milán), CCCB (Barcelona), GAM (Turín) ou Bozar (Bruxelas).
Partindo da erupción do volcán Krakatoa en 1883 —considerada un dos fenómenos acústicos máis intensos xamais rexistrados—, a obra toma este suceso como punto de partida para indagar tanto a súa dimensión física como a súa carga simbólica. Máis alá do acontecemento histórico, Casas interprétao como unha pegada latente na memoria do planeta, inscrita na atmosfera, no son e no imaxinario colectivo. A través dunha linguaxe híbrida que articula o documental, a ficción especulativa e a abstracción visual, Krakatoa constrúe unha experiencia perceptiva que se move desde a calma contemplativa cara a momentos de grande intensidade. O son, concibido aquí como unha forza material activa, atravesa o corpo do espectador e desborda o puramente auditivo.
Casas presenta a obra en formato en directo, xunto cos deseñadores e artistas sonoros Nicolas Becker e Armand Lesecq, incorporando foley en vivo, improvisación musical e edición en tempo real.
Variacións para un retablo
Posteriormente dirixímonos, nun paseo nocturno por Tui, cara á Igrexa de San Domingos, onde nos agarda a artista visual e creative coder Alba G. Corral. Visualista nada en Madrid, aínda que vinculada á escena catalá, desenvolvedora de software creativo con formación en enxeñaría informática, aplicou este coñecemento á arte audiovisual de forma distintiva, afirmando o valor do live cinema como unha linguaxe plástica con entidade propia. Corral é unha figura de referencia internacional na arte xerativa e ten presenza continuada en festivais como LEV, Primavera Sound, MUTEK, Eufònic, MIRA ou Sónar, así como presentou obras noutros eventos clave de música electrónica e arte dixital en Europa, Xapón, México e Estados Unidos.

A artista propón para Play-Doc unha intervención sobre o retablo central da Igrexa de San Domingos, obra barroca do escultor Antonio del Villar (1744), abordándoo como un lenzo onde integrar o seu particular universo de abstracción e cor. Mediante ferramentas como Processing e Sonic Pi, Corral desprega un cosmos de formas orgánicas, partículas e texturas lumínicas que emerxen e evolucionan en directo. A peza establece un encontro entre o dixital e o material, entre a lóxica do algoritmo e a riqueza ornamental do retablo, xerando un contraste que pon en relación distintas temporalidades. O seu proxector de luz percorre as superficies, altera os volumes e activa novos significados no espazo. Creada especificamente para este contexto, a peza invita a contemplar o patrimonio histórico desde unha mirada contemporánea, nun diálogo aberto entre tradición, tecnoloxía e percepción.
Dúas performances que se presentan por primeira vez en Galicia, unha de cinema expandido e outra de live cinema, que se complementan para entender a experiencia cinematográfica desde outros lugares, nunha noite pensada para habitala desde o corpo, a percepción e o espazo.
Aviso: O primeiro dos dous espectáculos, Krakatoa, inclúe luces estroboscópicas, son de alta intensidade e efectos audiovisuais que poden afectar a persoas sensibles.
XOVES 30 DE ABRIL · 21:00h | SALA 3