- O festival presentará estreas mundiais, españolas e galegas no marco das súas categorías a concurso de longametraxes e curtametraxes.
Ademais das retrospectivas e programas especiais, o festival ofrece cada ano unha destacada selección do cinema contemporáneo no marco dos seus programas competitivos. É o caso da sección internacional de longametraxes, que este ano conta con cinco títulos e que Ángel Sánchez deu a coñecer esta mañá. Entre os filmes, atópase a estrea mundial de Big in China. Gorges and the Vision Machines, a última película do controvertido cineastra franco-canadiense Domininc Gangon; e as estreas españolas de Disturbed Earth (unha co-produción entre Macedonia, España e Bosnia-Herzegovina) dirixida por Kumjana Novakova e Guillermo Carreras), e Dal pianeta delgli umani, do realizador italiano Giovanni Cioni (recentemente estreada no festival de Locarno). Completan esta liña do programa No táxi do Jack, da portuguesa Susana Nobre, e Esquirlas, da arxentina Natalia Garayalde.
No marco da competición internacional de curtametraxes, o público poderá gozar da estrea internacional de Fruto do vosso ventre, do realizador portugués Fabio Silva, e Baki Tadú É, unha co-produción entre India, Dinamarca e Portugal que dirixen Kate Saragaço-Gomes e Calum MacBeath Morgan. O certame tudense tamén é o lugar escollido para a estrea mundial en festivais de Paraíso, dirixida polas cineastas españolas Maddi Barber e Marina Lameiro; e as estreas en España da curta brasileira Vagalumes, dirixida por Léo Bittencourt, e da coprodución franco-suíza Zu Dritt, de Agnese Làposi e Benjamin Bücher. Finalmente, Play-Doc tamén acollerá a estrea galega da peza española Revelaciones, de Juan Soto Taborda.
As películas gañadoras destas dúas seccións oficiais a concurso, ademais da competición de películas galegas, daranse a coñecer na noite do domingo 26. O xurado da sección de longametraxes estará conformado polo prestixioso crítico francés Ariel Schweitzer (Cahiers du Cinéma), a programadora norteamericana Nellie Killian (Metrograph) e o produtor galego Felipe Lage (Zeitum Films); mentres que as figuras que conformarán o xurado da competición de curtametraxes -así como da sección de Galicia- serán o cineasta brasileiro Helvécio Marins Jr., o director e guionista Miguel Clara Vasconcelos e a galega Elisa Pereira (La Plantación).