Play-Doc Festival Internacional de Documentais, proxectará entre os próximos 13 e 17 de abril en Tui, un total de cinco títulos de probada valía na súa sección oficial. Descubertos en prestixiosos festivais internacionais, todos eles obtiveron un percorrido cheo de premios e eloxios de crítica e público. Media decena de películas que achegan a Tui historias moi diversas, chegadas de todos os recunchos do mundo. Un cinema persoal, fresco e profundamente independente, lonxe dos canons clásicos; o estilo Play-Doc.
Logo do seu paso pola Berlinale, o festival estrea en España a última película de Andrea Bussmann e do mexicano Nicolás Pereda, ao que se dedicou unha retrospectiva en 2014. En Tales of Two Who Dreamt (Historias de dos que soñaron), título inspirado polo relato homónimo de Jose Luis Borges, os autores retratan a súa realidade vital en Toronto co seu habitual estilo hiperrealista e actores non profesionais. Un relato de supervivencia con diversos personaxes para o recordo.
Outro coñecido do certame na sección oficial é o galego Eloy Domínguez Serén, varias veces seleccionado no programa non competitivo Galicia. No seu novo traballo, No Cow on the Ice (Non hai vacas sobre o xeo), o autor conta as súas vivencias como emigrante en Suecia, sobrevivindo con varios traballos alimenticios, mentres documenta todo para a súa película. Os sentimentos dunha xeración que debeu emigrar pola dura situación económica en España quedan ben representados, nunha película na que moitos mozos españois se verán identificados.
As outras cintas da competición lévannos a lugares e situacións moi diversos. Logo de gañar o premio principal no festival Punto de Vista, e con boa acollida en Rotterdam; o venezolano Andrés Duque presentará en Tui Oleg y las raras artes. Retrato do xenial e extravagante pianista ruso Oleg Karavajchuk, a obra destila o particular estilo poético do seu autor. Pola súa banda, Mauro Herce tamén deixa a súa pegada visual en Dead Slow Ahead, documental que nos transporta a un cargueiro que cruza o Atlántico, e que se levou galardóns en importantes festivais como Locarno, Doclisboa, Jihlava, Sevilla ou Las Palmas. Completa a selección God Bless the Child, mellor filme en CPH:DOX; unha película de Robert Machoian e Rodrigo Ojeda-Beck, cun grupo de irmáns sen pais, que deben coidar de si propios, filmada baixo un belo sol californiano.
Estas películas competirán polo premio da competición internacional, outorgado por un xurado composto por importantes figuras do sector. Este ano, a realizadora afroamericana Akosua Adoma Owusu; a directora artística do festival Pravo Ljudski de Sarajevo, Kumjana Novakova; e o responsable do seminario internacional Doc’s Kingdom, Nuno Lisboa. Ademais, todos eles organizan actividades paralelas do festival; este último cun seminario durante a celebración do certame, e Owusu e Novakova con senllos programas temáticos, que se anunciarán en breve.
Resonancias vólvese competitiva
A sección da crítica, iniciada o pasado ano, volve a Play-Doc con tres sesións programadas por críticos internacionais, elixidos de entre unha convocatoria aberta. Eles encargaranse de presentar as películas ao público e establecer con este un diálogo en torno á súa selección. Os elixidos son Sergio de Benito, da recentemente creada revista en papel V.O.S.; o editor de A Cuarta Parede, Brais Romero; e a investigadora e programadora portuguesa Raquel Schefer, colaboradora da prestixiosa revista multilingüe La Furia Umana.
Nesta ocasión, pregúntanse cara onde se dirixen as novas tendencias do cinema etnográfico con títulos como When the Earth Seems to be Light, película xeorxiana realizada por tres novas promesas do país, sobre o estilo de vida dos skaters; ou Of the North, polémico título canadiano prohibido en varias ocasións no país, polo seu suposto tratamento racista cara os esquimós nativos. Montado a base de extractos de YouTube, o filme mostra o día a día desta comunidade e o impacto do home branco nese entorno, o que non sentou ben en Canadá. Completa a selección un conxunto de curtas de carácter experimental, con títulos como Wayward Fronds, de Fern Silva; Despedida, de Alexandra Cuesta; ou Le Terrain, de Bijan Anquetil.
O xurado da crítica CAMIRA poderá outorgar este ano o seu premio a un dos filmes en sección oficial, como na pasada edición, ou elixir un de Resonancias, sección que se volve competitiva. O xurado está composto polos críticos internacionais Luís Mendonça e Gabriela Wondracek Linck, amais de por Mireia Iniesta, tamén actriz, protagonista do último filme de José Luis Guerín, La academia de las musas.
LISTA DE TÍTULOS A COMPETICIÓN:
En sección oficial:
-
Dead Slow Ahead (Mauro Herce, España / Francia, 2015)
-
God Bless the Child (Robert Machoian, Rodrigo Ojeda-Beck, Estados Unidos, 2015)
-
No Cow on the Ice (Eloy Domínguez Serén, Suecia, 2015)
-
Oleg y las raras artes (Andrés Duque, España, 2016)
-
Tales of Two Who Dreamt (Andrea Bussmann, Nicolás Pereda, Canadá / México, 2016)
En Resonancias:
-
Programa de curtos “O que nos olla”
-
Of the North (Dominic Gagnon, Canadá, 2015)
-
When the Earth Seems to be Light (Tamuna Karumidze, Salome Machaidze, David Meskhi, Xeorxia / Alemaña, 2015)