Charles Burnett

Cunha forma de falar pausada e tranquila, Burnett proxecta a imaxe, xa a primeira vista, de home sereno, que transmite calma. É un grande conversador, moi bo contando historias cando ten a palabra, mais interlocutor atento e curioso á hora de escoitar. Vendo as súas películas pódese intuír que é un hábil cronista na súa vida diaria, e falando con el confírmase. (…) A súa primeira longametraxe, Killer of Sheep (1977), non é unha película calquera. Realizada como proxecto de fin de carreira, non o é nin por como está feita nin polo que representa na historiografía do cinema estadounidense. Alongando a súa matrícula para ter acceso aos materiais da universidade, Burnett filmou esta cinta durante varios meses a mediados dos setenta nas fins de semana. Os actores non son profesionais, senón persoas do seu barrio que deciden interpretar un alter ego de si propios. Cun estilo similar ao de Several Friends (1969), Burnett sérvese de historias persoais que viviu e escoitou en Watts para compor un retrato de grande sinxeleza e beleza.

A fotografía en branco e negro, coa cámara operada por el propio, transmite unha pretendida aridez, cun racho ao que contribúen os temas de blues e jazz que elixe para a súa banda sonora, sobre todo nesa abafadora escena na que os protagonistas bailan ao ritmo de “The Bitter Earth”, de Dinah Washington. (…) “Non te aproveites dos teus personaxes”, adoitaba repetirlle o seu profesor Basil Wright, e esta é unha máxima que dende Killer of Sheep en adiante xa aplicou en todas as súas películas, sendo moi respectuoso cos seus retratados e actores, aos que sempre trata con dignidade. (…) ‑[En My Brother’s Wedding (1983)] realiza unha lectura irónica de certas situacións nas que quedan ao descuberto as tensións de clases dentro da propia raza negra. Burnett critica os prexuízos de individuos vidos a máis en pouco tempo, enfrontados a quen, con similar lóxica (a desconfianza e a envexa), os desprezan por snobs. Mediante unha película moi distinta o realizador acaba trazando outro pertinente retrato de corte social, ao que volverá en parte cunha cinta de espírito semellante, When It Rains (1995). (…) [To Sleep With Anger (1990)], un drama familiar clásico con elementos folclóricos e fantásticos da tradición negra do Sur, será o seu primeiro gran éxito nos Estados Unidos. Obtén o Recoñecemento Especial do Xurado no Festival de Sundance, encabeza as listas do mellor do ano para moitas asociacións de críticos estadounidenses e leva catro premios principais Spirit, con estatuas como guionista e director para el, e galardóns para os actores Danny Glover e Sheryl Lee Ralph. (…) Aínda que heteroxéneo, o conxunto da obra de Burnett (…) pode lerse coma un percorrido pola historia da negritude en Estados Unidos.

Extracto de Charles Burnett. Un cineasta incómodo . Play-Doc Books 2016

KILLER OF SHEEP

Charles Burnett, 80', 1977, EUA
Dirixida, escrita, producida, editada e filmada por Charles Burnett
Son: Charles Bracy
Reparto: Henry Gayle Sanders, Kaycee Moore, Charles Bracy, Angela Burnett, Eugene Cherry, Jack Drummond.
Música: Etta James, Dinah Washington, Paul Robeson, Little Walter, Earth, Wind & Fire.

Killer of Sheep examina o barrio negro de Watts (Los Ángeles), a través dos ollos de Stan, un home soñador e sensible a quen o dano psicolóxico de traballar nun matadoiro está a convertelo nun ser distante e indiferente. Frustrado polos problemas económicos, Stan atopa alivio en pequenos momentos de beleza: a calor dunha cunca de té contra a súa fazula, bailar lentamente coa súa muller, ter a súa filla en brazos. A película non ofrece solucións, simplemente presenta a vida tal e como é, unhas veces terriblemente desoladora, e outras veces chea de humor e ledicia.

MY BROTHER’S WEDDING

Charles Burnett, 81', 1983, EUA
Dirixida, escrita, producida, e filmada por Charles Burnett
Produtores: Gaye Shannon-Burnett, Zweites Deutsches Fernsehen, Brigitte Kramer, Thomas M. Penick
Montaxe: Thomas M. Penick
Son: Veda Campbell, Arthur J. Lopez
Reparto: Everette Silas, Jessie Holmes, Gaye Shannon-Burnett, Ronald E. Bell, Dennis Kemper, Sally Easter, Hobert Durham Jr, Angela Burnett, Tim Wright, Cora Lee Day
Música: Dr. Henry Gordon, John Briggs Consort, Johnny Ace, Stephen Jay.

Nesta obra de realismo traxicómico, Pierce Mundy traballa na lavandaría dos seus pais sen demasiadas perspectivas de futuro. Todos os seus amigos da infancia están mortos ou en prisión. O mellor amigo de Pierce, Soldier, acaba de saír do cárcere. O seu irmán maior, un prometedor avogado chamado Wendell, está ocupado cos preparativos da súa voda con Sonia, unha estirada muller negra de clase media alta. É entón cando as obrigas de Pierce e o seu receo cara as capas altas da sociedade entran en conflito.

TO SLEEP WITH ANGER

Charles Burnett, 102', 1990, EUA
Director: Charles Burnett
Produtor executivo: Danny Glover
Produción: Caldecot Chubb, Thomas S. Byrnes, Darin Scott.
Fotografía: Walter Lloyd
Montaxe: Nancy Richardson
Reparto: Danny Glover, Paul Butler, DeVaughn Nixon, Vonetta McGee, Sheryl Lee Ralph, Carl Lumbly
Música: Stephen James Taylor, Sister Rosetta Tharpe, Bobby Bland, Little Milton Campbell, Jimmy Witherspoon, Ethel Ayler, Z. Z. Hill

Cun reparto excelente encabezado polo actor Danny Glover, To Sleep With Anger relata a loita metafórica e metafísica dunha familia afroamericana emigrada a Los Ángeles, desde o sur de Estados Unidos; unha loita entre a súa actual e confortable vida e as tradicións e supersticións ancestrais das súas raíces. O catalizador deste conflito mortal é un querido e vello amigo da familia, Harry Mention (interpretado maxistralmente por Danny Glover), un gaioleiro que chega de maneira inesperada traendo consigo os aspectos máis sinistros do folclore sureño. O esconxuro encantador e diabólico de Harry, vaise infiltrando gradualmente na familia, ata que se ve obrigada a confrontar as fisuras profundas que existen entre as tres xeracións que a conforman.

WHEN IT RAINS

Charles Burnett, 13', 1995, EUA
Dirixida, escrita, producida, editada e filmada por Charles Burnett
Produción: Chantal Bernheim
Reparto: Ayuko Babu, Kenny Merritt, Charles Bracy, Soul, R. Ray Barness.
Música: Stephen James Taylor

Un home (Ayuko Babu) con rastas e ataviado cun dashiki, deambula polo barrio o día de Ano Novo tratando de obter axuda para pagar a débeda dunha amiga, a quen o seu caseiro ameaza con mandala á rúa xunto á súa filla. A voz do protagonista vai narrando historias persoais e reflexións sobre a relación entre o blues e o jazz.