O vello-novo experimento* ou sobre a vangarda iugoslava: ex partisanos, artistas en xeral, revolucionarios e contrarrevolucionarios, experimentadores.
con amor para Play-Doc, que se atreve a experimentar.
Este programa de curtas experimentais iugoslavas, feito para Play-Doc 2016, é unha mostra moi cativa do cinema experimental de vangarda que tivo lugar nas décadas comprendidas entre os anos sesenta e oitenta, en Iugoslavia.
“Iugoslavia”, unha vez chamada e pronunciada ”Jugoslavia”, foi un país do sueste de Europa durante a maior parte do século XX. Como diría Wikipedia.
Hoxe en día a maioría dos seus (antigos) cidadáns prefiren chamala antiga Iugoslavia. Por moitas razóns e con numerosas consecuencias. Aquilo era un verdadeiro país. Como moitos dos seus antigos cidadáns dirían.
O vello-novo experimento rende tributo aos experimentadores daquela Jugoslavija que adoitaba ser un verdadeiro país.
Na actualidade as súas imaxes son recordadas como antifilme, filme alternativo, novo filme, filme amateur; sendo a vangarda unha práctica artística radical e extravagante, que introducía e exploraba novas formas e novos temas.
O cinema vangardista destas décadas, orixinouse, paradoxalmente, nos cineclubs estatais (kino klub) da antiga Iugoslavia, xestionados por afeccionados ao cinema dentro dos socialistas “Narodna tehnika”, “os clubs da técnica para a xente”. Estes clubs reuniron a diversos grupos vangardistas, compostos por “almas perdidas”, que non atopaban pracer nin estímulo na produción artística masiva do novo e valente réxime socialista. E contrapuxeron o cinema como experimento ao cinema como rutina.
O cinema do sistema, o bastión da visión heroica dos novos homes e mulleres iugoslavos, era un tema serio a través do cal a sociedade case utópica de solidariedade social multiplicábase a si propia nos círculos adeptos ao sistema, “educando” os seus súbditos.
O cinema da experimentación, polo contrario, desmontaba a utopía da irmandade, mostrando o ridículo dunha modernización acelerada, a brutalidade patriarcal arraigada firmemente na grandiosa e moderna sociedade iugoslava, os valores caducos dos novos ricos socialistas aínda con lama nos seus zapatos. O cinema experimental ríase á cara do ego cómico do grande estado que salvagardaba a súa sociedade sen clases mediante unha comicamente autoproclamada elite comunista, sen ningún sentido do humor.
O cine-experimento era un acto de total compromiso político.
O experimentador era un revolucionario en permanente estado de confrontación.
O experimentador era anti artista.
O experimentador facía esvaecerse a liberdade, liberándoa do seu propio concepto de liberdade. O experimentador cría que a creación da verdadeira liberdade era unha opción.
O experimentador creaba anti imaxes reflexivas sobre o transfundo do sistema.
O experimentador non cuestionaba movementos nin políticas menores. Cuestionaba a premisa mesma sobre a que a sociedade iugoslava se construíra: as fermosas mentiras do Pobo de Potiomkin.
O experimentador cría que a revolución non era só un sentimento.
*Experimento é unha acción adoptada provisionalmente sen un resultado predicible, co propósito de probar algo novo, para gañar experiencia e facer novos descubrimentos.
por Kumjana Novakova
14441 Kvadrat / Sobre a arte do amor ou unha película con 14.441 fotogramas
“O exército encargoume unha película militar oficial. En lugar diso fixen unha que dicía: Fai o amor e non a guerra. Os militares fixérona anacos literalmente cunha machada, pero fun capaz de gardar unha copia.” Karpo Godina
Juda / Xudas
Cámara: Ljubomir Ivković
Produción: Dunav Film
Montaxe: Aleksandar Ilić
Aparentemente sinxelo e á vez coa expresividade creativa específica de Gilić, o filme confróntanos con nós mesmos. A chamada do deserto, a loita contra as asexantes forzas do mal, os demos cos que batallamos. O director trata de superar todo isto de maneira paradoxal.
Kasabe / Cidades de provincia
Cámara: Dragan Resner
Montaxe: Zlata Miličević
Son: Ljubo Petek
Guión: Zuko Džumhur
O collage das pegadas da modernización social; unha mestura de culturas, entre o vello e o novo, tradicións e folclore.
Pioniri maleni mi smo vojska prava, svakog dana ničemo ko zelena trava / Pequenos pioneiros
Cámara: Miodrag Jakšić Fanđo
Produción: Neoplanta film, Novi Sad
Son: Dragan Stanojević
Montaxe: Dragan Mitrović
Os nenos abandonados pola sociedade, que saben coidarse sós, atrévense a roubar e a quebrantar a lei. Discuten cuns pais que nin lles comprenden nin lles dan afecto. Como contrapunto vemos un programa de televisión no que o popular presentador Gula (Dragoljub Milosavljevic), diríxese a nenos felices e despreocupados.
Poslije podne (puška) / Tarde (A pistola)
Cámara: Ivica Rajković
Produción: Filmski autorski studio – FAS
Montaxe: Katja Majer
Nunha calorosa tarde de verán, no patio dunha cidade, un home divírtese apuntando e disparando ao azar coa súa pistola de balines. Un neno tráelle unha golondrina ferida como branco. O home dispara gradualmente, con habilidade e indiferenza; o neno axúdalle mostrando non menos brutalidade. O filme explora as orixes e as manifestacións da maldade, un dos temas recorrentes de Zafranović.
Žemüko / Moza
Cámara: Andrija Pivčević
Produción: Kino Klub Split
Montaxe: Dunja Ivanišević
Ademais de pór a obsesión pola beleza física no corpo e a enerxía da muller (tamén do home), e os desexos (eróticos) no centro da atención, o título tamén soaba e era atractivo á vista. Este título, toda unha declaración de xénero, gañou aínda máis valor simbólico co paso do tempo, polo que Moza viaxa hoxe en día como modelo paradigmático da cultura feminista croata.