LONGAMETRAXES
Ariel Schweitzer
Historiador de cinema, crítico e profesor (París VIII, Universidade de Tel-Aviv), Ariel Schweitzer é autor de Le Cinéma israélien de la modernité (Paris, 1997 / Tel-Aviv, 2003) e coordinador de Il cinema israeliano contemporaneo (Venecia, Marsilio Editori, 2009). Crítico en Cahiers du Cinéma, traduciu ao hebreo Notes sur le cinématographe, de Robert Bresson, e comisariou un gran número de programacións en diferentes eventos de todo o mundo, así como retrospectivas consagradas, entre outros, a Bresson, Jean-Luc Godard, Amos Gitaï, David Perlov, Uri Zohar e a nouvelle vague israelí (a nouvelle sensibilité).
Nellie Killian
Nellie Killian é programadora de cinema independente. En datas recentes programou ciclos para The Criterion Channel, o BFI (British Film Institute, ou Instituto de Cinema Británico), Light Industry, a sala Metrograph, o Quad Cinema e o Museum of the Moving Image (Museo da Imaxe en Movemento). Actualmente traballa para Screen Slate e é colaboradora habitual na revista de cinema Film Comment Magazine. Desde 2011 ata 2017, foi xefa de programación para a BAM (Brooklyn Academy of Music, ou Academia de Música de Brooklyn), onde organizou amplas retrospectivas dedicadas a cineastas como Chantal Akerman, Luis Buñuel, John Cassavetes, King Hu, Joe Dante, Leslie Thornton e Chris Marker; realizou estudos sobre o cinema do movemento polos dereitos civís, sobre as mulleres e a vinganza no cinema co programa Vengeance is Hers, sobre o cinema independente estadounidense dos anos oitenta, o novo movemento de cinema queer e o cinema-diario. Tamén dirixiu e programou para os festivais Migrating Forms e BAMcinemaFest.
Felipe Lage Coro
Felipe Lage Coro dirixe Zeitun Films desde 2009, participando na produción de Todos vós sodes capitáns (Oliver Laxe, 2010), Arraianos (Eloy Enciso, 2012), O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia, 2013), Costa da Morte (Lois Patiño, 2013), Pozoamargo (Enrique Rivero, 2015), Mimosas (Oliver Laxe, 2016), a curtametraxe Tshweesh (Feyrouz Serhal, 2017), A estrela errante (Alberto Gracia, 2018), Lúa vermella (Lois Patiño, 2020) e Miguel’s War ( Eliane Raheb, 2021), todas elas recoñecidas nalgúns dos festivais de cinema máis importantes do mundo como Cannes, Berlín, Locarno, Toronto, Róterdan, Sevilla ou Busan. Os seus proxectos actuais son as curtametraxes Rompente de Eloy Domínguez Serén e Sen Ti de Feyrouz Serhal e as longametraxes I Am Here But You Can’ t See Me de Feyrouz Serhal, Montaña ou morte de Pela do Álamo e Tralovento de Eloy Domínguez Serén.
CURTAMETRAXES + GALICIA
Helvécio Marins Jr.
Helvécio Marins Jr. é cineasta e guionista. As súas películas recibiron máis de sesenta premios e foron presentadas en festivais internacionais e museos de todo o mundo, como o Festival de Cinema de Venecia, a Berlinale, Locarno, Toronto, o IFFR, San Sebastián, o Sundance, o Centro Georges Pompidou e o MoMA, entre outros. Tamén traballou como delegado para Latinoamérica no Festival de Cinema de Locarno. A súa primeira longametraxe, Girimunho (2011), tivo a súa estrea mundial no 68º Festival de Cinema de Venecia, onde obtivo o Premio Interfilm. En 2012 o festival de curtametraxes de Vila do Conde dedicoulle unha retrospectiva, como fixo tamén a filmoteca alemá Arsenal en 2014. A súa segunda longametraxe, Querência (2019), producido por Walter Salles, estreouse mundialmente na Berlinale e gañou o Premio á Mellor Película na 20ª edición do Festival de Cinema de Jeonju, en Corea do Sur. Actualmente traballa na súa nova película Se vens por bem podes entrar, se vens por mal põe-cha cavar, producida por Luís Urbano.
Miguel Clara Vasconcelos
Miguel Clara Vasconcelos é director de cinema, escritor e profesor na Universidade Nova de Lisboa. Estudou na Escola Internacional de Cinema e Televisión de Cuba e no Instituto do Cinema de Madrid. Cursou estudos de posgrao na Escola Superior de Arquitectura e Belas Artes, na Universidade Europea de Madrid e ten un Máster en Estudos Cinematográficos pola Universidade Sorbona Nova de París. Ademais estudou Performance, Escenografía e Instalación, Filoloxía Clásica e Ciencias Económicas nas universidades de Valencia, Coímbra e Lisboa. As súas películas foron mostradas e recibiron premios en festivais internacionais como Torino FF, IndieLisboa, Doclisboa, o festival Curtas Vila do Conde e o Festival Internacional de Curtametraxes de Capalbio. Escribiu tamén guións, obras de teatro, ensaio e poesía, polos que recibiu recoñecementos como o Premio Beaumarchais-SACD.
Elisa Pereira Varela
Elisa Pereira Varela cursou estudos de Realización Audiovisual na Escola de Imaxe e Son de Bemposta, en Ourense, e de Fotografía Artística na tamén ourensá Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde. Desde que finalizou os estudos, xeralmente os seus traballos estiveron relacionados co sector audiovisual e desde 2014 dirixe o proxecto La Plantación. Encuentros y Conocimiento, unha iniciativa privada sen vinculacións nin ataduras de ningún tipo (https://laplantacion.info) onde se ofrece formación en liña e especialmente presencial, a través de talleres e titorías personalizadas, convidando autores de referencia, sobre todo en cinema e fotografía, como Pedro Costa, Antoine D’Agata, Víctor Erice, Txema Salvans, Mercedes Álvarez, José Luis Guerín ou Joan Fontcuberta, entre outros, e onde se relacionan proxectos coa cultura audiovisual e a creatividade máis aló do sistema tradicional de ensino.