Wolf-Eckart Bühler

Amerasia

Wolf-Eckart Bühler, sobre o seu filme

Hannah Arendt escribiu no seu día que o xuízo de Eichmann lle ensinou ao mundo a banalidade do mal. No que toca aos responsables da guerra de Vietnam, este termo podería inverterse: eles ensináronnos o mal da banalidade.

A guerra terminou, pero nalgunhas persoas as lembranzas seguen a arder sen chama. Nadal de 1984, Bangkok (Tailandia). John Scott, veterano afroamericano da contenda, vai á procura de si mesmo e regresa ao lugar do acto. Como un delincuente, como un amante… Agardando polo seu visado para Vietnam, atópase cunha escura festa de Nadal que ten lugar nun pequeno bar situado en pleno distrito do entretemento de Bangkok. Os invitados son compatriotas: mercenarios, axentes da CIA, antigos membros das forzas armadas. Así, John Scott chega a saber da existencia de varios miles de veteranos da guerra de Vietnam que non retornaron aos EUA e agora viven en Tailandia.

Quen son estes homes? Por que quedaron? Que fan nun país que debe de lembrarlles a aquel onde mataron e onde eles mesmos case resultaron mortos? Que significa para eles esta guerra, tantos anos despois? Cheo de confusión e curiosidade, John Scott búscaos. Atópaos por todas as partes: en bares e bordeis, en praias e barriadas, en arrozais e non moi lonxe de antigas bases aéreas. Máis dunha ducia de anos levan os estadounidenses a usar Tailandia non só como «centro de recreo» das súas forzas armadas destinadas en Vietnam, senón tamén como «portaavións» para bombardearen Laos, Camboxa e o país vietnamita. E el non sabía nada?

Samai, que John coidaba que era tailandesa, é filla dun soldado estadounidense que ela non chegou a coñecer. En Tailandia existen miles dos chamados «amerasiáticos», cóntalle a moza en ton acusador. Cada vez máis amargada e introvertida, guíao por un mundo que sen dúbida non coñecería sen ela. Canto máis vai aprendendo sobre si mesma, máis vai comprendendo el tamén. Entón John Scott decide dar volta; tentará atoparse a si mesmo no seu país.

Os protagonistas do filme, o actor estadounidense John Anderson (figura principal de ASHES AND EMBERS, de Haile Gerima) e a tailandesa Gillian Tuyudee, interprétanse a si mesmos: John Anderson serviu dous anos como soldado en Vietnam, en 1969 e 1970, e Gillian T. Hornett é filla dun membro das forzas armadas estadounidenses. Todas as demais persoas que aparecen no filme son o que son de verdade: propietarios de bares e xornalistas, agricultores e badanas, bailarinas e traballadoras do sexo, boxeadores tailandeses e mercenarios… Cada un deles, e cada un ao seu xeito, vítima dunha guerra á que deben a súa existencia; enigmáticas testemuñas clandestinas dun pasado que se encontra aquí e alí, indesexado e reprimido; estranxeiros e carentes de fogar nun país que poida que lles dese abeiro ou un lugar onde vivir, pero nunca un fogar de verdade.

A guerra de Vietnam deixou moitas vítimas e algunhas teñen que seguir vivindo co que experimentaron… O solitario deambular de John Scott por Bangkok e Tailandia, os seus encontros e debates constitúen un excurso sobre a culpa, a impotencia e a represión. E talvez sobre a esperanza.

Amerasia

Wolf-Eckart Bühler, 97', 1985, Germany
Dirixido, escrito e producido por Wolf Eckart Bühler
Fotografía: Bernd Fiedler
Montaxe: Thomas Balkenhol
Música: Terry Allen
Con: John Anderson, Gillian Tuyudee Hornett, Terry Allen, Surachai Chantimatorn, Alan Dawson, Paijong Laisakul