WEB DOC IDA E VOLTA

Todo comezou cunha inquietude: Como elaborar un retrato filmado? Que implica atrapar en imaxe a existencia do outro? Para exploralo a través da práctica pero tamén do pensamento e o diálogo creativo, convocamos a un grupo de cineastas e convidamos ao mesmo número de persoas para que se prestasen a acoller a un cineasta na casa e a ser filmadas por el. Os anos pasaron e a experiencia instalouse como unha cita ineludible. Sete cineastas convertéronse no núcleo do proxecto, o Laboratorio do Retrato Filmado, que tivo lugar entre 2009 e 2013: Adriana Fernández, Lucía Catoira, Noemí García, Pilar Monsell, Diana Gonçálvez, Xacobo Sanmartín e Pela del Álamo. Eles e os seus protagonistas, Fina, Mariña, Chus, Rodrigo, Palmira, Pepe e Celso atravesaron e foron atravesados por este proxecto que resultou ser moito máis que unha experiencia creativa, foi unha experiencia vital.

E diso quedou unha pegada en forma de película colectiva. Mellor dito, cinco. Ida e volta é o título que recibiron esas cinco películas, resultado do traballo no obradoiro que se desenvolvía cada ano durante o festival: o retrato como encontro (ou a pegada dunha primeira impresión), o retrato-memoria (ou o que houbo antes), o retrato-deriva (ou como seguir construíndo a imaxe do outro a través dos que o rodean), o retrato-paisaxe (ou o vínculo co lugar ao que se pertence) e finalmente o retrato-espello (ou que imaxe de min, quen mira, me devolve ese «outro» que teño diante).

Hoxe quixemos recuperar esas experiencias e provocar unha reflexión arredor delas, fixalas e compartilas. Así nace este obxecto en forma de páxina web, onde o espectador, convertido en usuario para a ocasión, poderá revisitar o que foi o Laboratorio do Retrato Filmado e as «idas e voltas» que resultaron del.

Domingo 26, 17:30h, Sala 2