SEPA: Nuestro Señor de los Milagros
Pasa o tempo mentres flúe o río polas húmidas terras do bosque tropical das zonas centrais do Perú. Nas beiras do Sepa atópase un conxunto de casas, cabanas dispersas, unha aldea «de ribeira» normal nesta parte do mundo, pero nesta historia o que se ve non é o que parece. Tal comunidade ribeirega é un cárcere. Sepa, Nuestro Señor de los Milagros, foi unha colonia penal ao aire libre establecida en plena selva e coñecida como o Inferno Verde, onde o Goberno peruano enviaba os delincuentes máis perigosos como forma suprema de castigo.
Sepa, Nuestro Señor de los Milagros, é o nome dunha colonia penal ao aire libre creada polo Goberno peruano en 1951, no cadro dos labores nacionais de colonización dos territorios amazónicos mediante o fomento das prácticas agrícolas entre os presos, nun terreo de 37 000 hectáreas situado nas selvas das áreas centrais do Perú. O documental de 1987 dirixido por Walter Saxer é a única fiestra aberta a esta colonia penal experimental peruana, onde non entrou nunca unha cámara e sobre a que pouco se escribiu. Foi clausurada en 1993, aínda que nela ficou un único preso ata acabar de cumprir condena no ano 2003. Na actualidade estes terreos aprovéitaos o Instituto Nacional Penitenciario do Perú (INPE) para a cría de gando.
A película comeza coa violenta retransmisión en directo dun dramático motín que ten lugar nun cárcere de Lima, El Sexto, onde os presos que protagonizaron o levantamento toman e matan reféns, clamando as súas esixencias de seren recoñecidos como seres humanos no medio das aterradoras condicións que se crean nas prisións estatais. As secas terras que rodean Lima logo quedan atrás e entramos, cruzando ríos e bosques, nas exuberantes paisaxes que conducen ao Sepa. Aquí os presos teñen liberdade para pasear, liberdade para traer a familia, liberdade para bailar e cociñar xuntos. Algúns, coa deterioración causada polas drogas e os malos tratos recibidos noutros cárceres, poden recobrar a humanidade. Un preso estadounidense afirma que Sepa constitúe para o mundo enteiro un exemplo de como deberían organizarse as prisións. Porén, Sepa e os que viven alí están esquecidos do resto do país e a corrupción sistémica das institucións xera unha calada sensación de desesperación que se ve intensificada pola dificultade do terreo selvático.
A cinta, o realizador Walter Saxer e o home que pon as palabras que narran esta historia, o premio Nobel peruano Mario Vargas Llosa, reflicten sobre a condición do preso, a institución dos cárceres no seo da sociedade e a discrepancia que existe entre a idea orixinal que subxacía a esta colonia penal ao aire libre e a súa realidade tal como era. Pero o filme non achega solucións; en todo caso, formula preguntas e deixa que a vida deste estraño lugar esquecido do mundo fale por si mesma.
SEPA: Nuestro Señor de los Milagros
Fotografía: Rainer Klausmann
Montaxe: Micki Joanni
Produción: Alive Film & Vídeo Productions, Balance Film GmbH, Wildlife Films
Restaurado pola Cinemathèque suisse e Cineteca di Bologna