SEMINARIO a crítica en imaxes

A crítica en imaxes

Por Brais Romero

Crítica de cinema e creación audiovisual son camiños que cada vez corren máis paralelos. Por iso, e continuando unha vontade que comezou no IV Seminario de Crítica que tivo lugar no Play-Doc 2017, os videoensaios volven a centrar o noso discurso arredor das novas formas de ollar cara a crítica de cinema. Ante un cinema cada vez máis diverso, precisamos ferramentas máis potentes que as letras para falar del: precisamos falar de imaxes desde as imaxes. O videoensaio xorde como un novo campo de traballo con grande potencial onde a crítica de cinema achégase, desde a creación, aos textos fílmicos sen obviar a dimensión analítica e académica. A montaxe, a edición, a manipulación e a apropiación son ferramentas ao servizo dunha nova crítica de cinema que quere crear novos discursos sobre o cinema, ou incluso descubrir conexións, asociacións, que permanecen agochadas ao ollo nu.

Unha nova forma de ollar cara a crítica cinematográfica que se nutre de todas as correntes de entender o cinema e que se abre a todas as posibilidades que as imaxes, ou incluso a ausencia delas, brindan. Ricardo Vieira Lisboa é o convidado de honra deste ano. Crítico de cinema en À Pala de Walsh e programador, o seu traballo valeulle unha mención na escolma de videoensaios que fai o British Film Institute anualmente. Ricardo, xunto co equipo de A Cuarta Parede, terán a tarefa de levar aos alumnos da escrita en texto á escrita en imaxes, nesta sexta edición do seminario de crítica cinematográfica que A Cuarta Parede organiza en Play-Doc.

INSCRICIÓN ABERTA:

Interesados en participar deben inscribirse a través da web de A Cuarta Parede:  http://www.acuartaparede.com/aberta-a-inscricion-para-o-seminario-a-critica-en-imaxes/?lang=es

Logo ACP 2017-18

Tui