SEMINARIO
A Crítica Audiovisual

O seminario de crítica cinematográfica que organiza Play-Doc este ano, en colaboración coa Asociación Cultural A Cuarta Parede, quere pasar do teclado á sala de edición, propondo aos alumnos que o desexen realizar ensaios audiovisuais sobre os contidos do festival.

O curso contará, como é habitual, cunha parte teórica e coa posibilidade de facer prácticas, para o que se propoñen dúas modalidades: unha de crítica escrita e outra de crítica en vídeo. Todos os alumnos deben cursar a parte teórica e despois elixir unha das dúas modalidades prácticas.

O programa proposto para este ano é o seguinte:

Xoves 23 de marzo

Obradoiro de Ensaio Audiovisual, 11h – 13h

Brais Romero Suárez, co-director d’A Cuarta Parede

Sesión inaugural do seminario, na que se orientará aos alumnos da modalidade audiovisual sobre as múltiples formas de facer crítica en vídeo e os posibles problemas á hora de facelo. Descarga de materiais nos equipos do alumnado, que deberá traer un programa de edición para realizar os seus propios proxectos. Durante o festival, os alumnos traballarán nos seus ensaios audiovisuais e contarán coa asistencia de Brais Romero para resolver dúbidas ou solucionar posibles problemas técnicos ou de contido. Previamente, antes desta sesión, os alumnos recibirán a orientación do docente a través de email para chegar ao festival co tipo de ensaio decidido.

Brais Romero Suárez é crítico de cinema e investigador audiovisual. Na actualidade traballa na súa tese de doutoramento sobre a lingua galega na ficción galega dos últimos anos.

Venres 24 de marzo

Primeira Sesión Teórica, 10h – 11:30

Tiago Baptista: “O potencial crítico do ensaio audiovisual dixital”

O ensaio audiovisual dixital inscríbese en varias prácticas culturais, da cinefilia á crítica, pasando polos estudos fílmicos. É importante, por iso, cuestionar non só a súa ‘novidade’ como forma de discurso crítico sobre a cultura audiovisual contemporánea, senón tamén o seu propio potencial crítico en relación a unha cultura da que pode ser considerado como un dos seus exemplos máis relevantes.

Tiago Baptista é doutor en Film and Screen Media pola Universidade de Londres, e traballa como conservador no arquivo fílmico da Cinemateca Portuguesa – Museu do Cinema.

Segunda Sesión Teórica, 12h – 13:30

Guillermo G. Peydró: “O filme ensaio sobre arte: do diálogo estético ao ensaio ficcionado”

O encontro entre o cinema e as artes visuais é temperán, mais tardará varias décadas en tornarse un diálogo efectivo, con sucesivos tanteos que irán facendo cada vez máis complexa a ollada do cineasta. Dentro deste proceso, o cruzamento entre o cinema sobre arte e o filme ensaio suporá unha caste de culminación para ambos os dous campos: un pensamento estético en imaxes, expresado en primeira persoa, co que o cinema se mira no espello da arte para comprender mellor o seu propio mecanismo de representación.

Guillermo G. Peydró é doutor en Historia da Arte pola Universidad Autónoma de Madrid, e traballa como programador cinematográfico nos festivais Punto de Vista e Documenta Madrid. Dirixiu, ademais, varios filmes, entre os que é salientable a longametraxe La ciudad del trabajo (2015).

Obradoiro de Crítica Cinematográfica, 16:30- 17:30h

Iván Villarmea Álvarez, co-director d’A Cuarta Parede

O obxectivo desta sesión é dar aos alumnos unha serie de pautas sobre a escrita de textos xornalísticos ou analíticos sobre cinema. Cada alumno terá a opción de escribir un texto sobre algún dos contidos do festival que será logo publicado na web www.acuartaparede.com. Os seus directores realizarán un seguimento de todo o proceso de escrita e publicación destes textos, ofrecendo a súa axuda a todos aqueles alumnos que así o desexen.

Iván Villarmea Álvarez é crítico e investigador cinematográfico. Autor do libro Documenting Cityscapes (2015), traballa actualmente como investigador posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela.

Domingo 26 de marzo

Sesión Final, Modalidade Audiovisual. 12h – 14h

Posta en común do traballo desenvolvido durante o festival.

Os vídeos subiranse á canle de Vimeo d’A Cuarta Parede.

Prazos e matrícula

A matrícula estará aberta ata o mércores 22 de marzo. Os alumnos interesados deben escribir un correo especificando o seu desexo de participar no seminario a info@acuartaparede.com. É preciso indicar ademais en que modalidade desexan participar:

  • Modalidade escrita: 25 euros. Limitado a 22 prazas.
  • Modalidade audiovisual: 40 euros. Limitado a 8 prazas.

Os estudantes recibirán instrucións de en que conta bancaria efectuar o pagamento da matrícula. É esencial realizar o pagamento antes do 17 de marzo para facer efectiva a inclusión no curso.

A matrícula inclúe unha acreditación coa que acudir a todas as sesións e actividades do festival.

 

a-cuarta-parede-logo