Play-Doc Live!

A música en directo foi sempre unha marca distintiva de Play-Doc. Polos seus escenarios pasaron xa grandes nomes da música do panorama nacional e internacional. Un ano máis, en colaboración co noso festival de música favorito, Sinsal SON Estrella Galicia, elaboramos un espectacular cartel de concertos con grandes bandas: Joan As Police Woman & Benjamin Lazar Davis, Star Rover, The Dirty Coal Train…

Por un prezo reducido xa podes comprar as entradas anticipadas para os concertos que terán lugar o venres 24 e o sábado 25 de marzo. Tamén podes adquirir o abono para as dúas noites, por só 20€!!

Non te quedes sen elas!! TICKETS

JOAN AS POLICE WOMAN & BENJAMIN LAZAR DAVIS

Venres 24 de marzo / 23:30h / Sala Metropol

Anticipada 14€ - Taquilla- 17€ - Abono dous días 20€ / Tickets

Tras unha década de grandes éxitos, Joan As Police Woman chega a Tui como cabeza do cartel para presentarnos as cancións da súa recentemente estreado quinto álbum, ‘Let It Be You’, en compañía do multi-instrumentista Benjamin Lazar Davis, así como temas clásicos da súa extensa discografía.  Esta artista profundamente arraigada no soul pero que domina infinidade de estilos é tamén coñecida polas súas colaboracións con Antony and the Johnsons, Rufus Wainwright, Lou Reed, Sheryl Crow ou David Sylvian.

Joan Wasser é orixinal de Connecticut onde desde moi pequena realizou estudos de violín e piano. En 1995 Wasser forma parte da banda de rock independente Those Bastard Souls, pero tras o tráxico falecemento en 1997 do seu noivo, o lendario músico Jeff Buckley, Wasser e algúns de membros do grupo deste, comezan un novo proxecto co nome de Black Beetle. Xa en 1999 únese a Antony and the Johnsons con quen grava o exitoso álbum ‘I Am A Bird Now’ gañador dun Mercur Prize.

Despois da separación de Black Beetle, en 2002, Joan comeza en Nova York a súa etapa en solitario baixo o nome de Joan As Police Woman e presenta o seu primeiro EP. É entón cando Rufus Wainwright convídaa a unirse á súa banda para os concertos da súa xira daquel ano.

En 2006, mentres continúa colaborando con outros artistas como David Sylvian, Guillemots ou Sheryl Crow, Wasser publica ‘Real Life’, o seu álbum de debut. Logo chegarían ‘To Survive’,  ‘The Deep Field’, e ‘The Classic’, pouco despois dun interesante disco de versións chamado ‘Cover’ no que interpreta de forma moi persoal temas de David Bowie, Jimmy Hendrix ou Iggy Pop.

No seu estilo, descrito por ela mesma como ‘punk rock R&B’ e Soul Americano’, destílanse dous das súas grandes influencias: o soul clásico de Al Green e Nina Simone, e os sons máis duros e experimentais de Sonic Youth e Bad Brains, todo nunha mestura explosiva e natural.

‘Let It Be You’, o traballo que teremos o privilexio de escoitar o venres 24 de marzo no escenario de sala Metropol de Tui, xorde da colaboración co músico Benjamin Lazar Davis. Para este álbum, ambos viaxaron por diversos lugares do continente africano inspirándose nos patróns musicais dos pigmeos da República Centro Africana, e reinterpretándoos con instrumentos de rock máis convencionais como guitarras e teclados.

STAR ROVER

Sábado 25 de marzo / 00:30h / Sala Metropol

Anticipada 8€ - Taquilla- 12€ - Abono dous días 20€ / Tickets

O estilo deste peculiar dúo de músicos afincado en Brooklyn, é difícil de catalogar, pero podería definirse como unha especie de pastoral punk. Os seus concertos son como expedicións interestelares inspiradas no estilo guitarrístico de John Fahey. Con apenas unha guitarra e unha batería Star Rover consegue xogar co tempo e as melodías con incrible variedade, separándose para volver unirse, conducíndose e acompañándose mutuamente e é que o ritmo vén tan a miúdo da guitarra de Will Graefe (Jesse Harris, Larkin Grimm), como as melodías lánguidas xorden da batería de Jeremy Gustin (Marc Ribot, Albert Hammond Jr, Delicate Steve). Os seus directos son unha experiencia fóra do común.

THE DIRTY COAL TRAIN

Sábado 25 de marzo / 00:30h / Sala Metropol

Anticipada 8€ - Taquilla- 12€ - Abono dous días 20€ / Tickets

Desde Lisboa chegan The Dirty Coal Train, un power trio de garage punk portugués cuxas influencias van do rock dos sesenta cara a sons propios do rockabilly ou o surf, e sempre mirando de esguello ao soul e o blues. Despois da súa xira por Europa e Brasil acompañando a grandes bandas como The Routes, Autoramas, The Gories ou The Smoogers… agora chegan a Play-Doc para presentarnos o seu último LP ‘Super Scum’. Música salvaxe pensada para ambientar noites tolas propias dunha peli de serie B.