Ozualdo Candeias

por Eugénio Puppo

Ozualdo Candeias foi un dos cineastas máis creativos que deu Brasil. Precursor do cinema de autor e do chamado Cinema Marxinal –un dos movementos máis fecundos do cinema brasileiro–, Candeias viaxou polo interior do estado de São Paulo como camioneiro, e a comezos dos anos 50 mercou unha cámara Keystone de 16mm para rexistralos. Foi así como pasou a realizar filmes amateur.

Falar da traxectoria de Candeias é contar tamén a historia de Boca do Lixo, que a partir dos anos 20 acolle a diversas distribuidoras de cinema atraídas pola facilidade loxística que supón a proximidade das estacións de tren. Para a distribución da súa primeira longametraxe, A Margem (1967), Candeias comeza a frecuentar este reduto do centro de São Paulo, acuñado polos xornais da época con ese nome debido ao grande número de figuras marxinais que frecuentan o lugar, como prostitutas, ladróns e traficantes.

Candeias foi un dos primeiros en filmar en Boca do Lixo, que a finais do sesenta atraeu a cineastas como Rogério Sganzerla, Carlos Reichenbach, Jean Garrett, Ody Fraga e José Mojica Marins. As películas dirixidas por este grupo foron medrando en popularidade e comezaron a encher as salas de cinema. Como resultado, a Boca transformouse nun centro de produción cinematográfica que na década do setenta foi responsable de preto do 50% da produción total de filmes en Brasil.

A creatividade e a orixinalidade na composición da narrativa cinematográfica son aspectos chave na vida e na obra de Ozualdo Candeias. O uso e dominio da cámara en man, encadres inusitados e de peculiar forza e beleza, a síntese a través da montaxe, a fuxida da redundancia e dos camiños fáciles, son características das súas opcións estéticas. En case toda a súa filmografía, Candeias desempeñou as funcións de director, guionista, cámara e montador.

En A Margem (1967), considerada unha das películas máis importantes do cinema brasileiro, atopamos unha serie de personaxes marxinais, marcadas por un vagar incesante que expresa a inconstancia das súas propias vidas. Con Aopção (1981), premiada co Leopardo de Bronce no Festival de Cinema de Locarno, Candeias opta por filmar en diversas rexións de Brasil. Por momentos parece un documental e non unha sofisticadísima ficción. O crítico João Carlos Rodrigues observa que «como nos mellores momentos da súa obra, tamén aquí o cineasta dá pouca importancia aos diálogos que, aínda que existen, son meramente coloquiais. Hai momentos que lembran á poesía de Dovzhenko; outros ao humor de Buñuel; outros mesmo á aspereza contundente de Kaneto Shindo, pero é sempre Ozualdo Candeias, un dos poucos directores brasileiros que, a pesar de artista e intelectual, non provén das clases dominantes do seu país».

A Herança (1971) marca a carreira de Candeias como a única adaptación de Hamlet, de William Shakespeare, feita no cinema brasileiro. A película foi aclamada pola crítica como unha das adaptacións máis orixinais xamais realizadas. A contribución cultural da súa obra verase tamén recoñecida en Meu Nome é…Tonho! (1969), Manelão, O Caçador de Orelhas (1982), As Belas da Billings (1987) e O Vigilante (1992).

Considerado como un dos cineastas máis auténticos e irreverentes do cinema brasileiro, Ozualdo Candeias faleceu en 2007, aos 89 anos, deixando unha obra composta por 33 películas, ademais dun amplo acervo fotográfico. Tan importante como coñecer a súa obra é mantela viva. Temos a grande esperanza de que compartindo unha parte da súa obra co público de Play-Doc, estaremos a contribuír a que as novas xeracións crean no valor do cinema de autor.

A Margem

Ozualdo Candeias, 96', 1967, Brazil
Dirección, guión, montaxe e produción: Ozualdo R. Candeias
Fotografía: Belarmino Manccini
Música: Luiz Chaves e Zimbo Trio
Con: Mário Benvenutti, Valéria Vidal, Bentinho, Lucy Rangel, Telé, Karé, Paula Ra-mos, Brigitte, Ana F. Mendonça, Paulo Gaeta e Nelson Gasparini

Inspirado en sucesos reais publicados pola prensa amarela, A Marxem aborda o día a día da poboación pobre que habita nas marxes do río Tietê, en São Paulo, a través das experiencias de catro personaxes. Ao comezo, unha muller en canoa xorde do río para agoirar a morte de todos eles, profecía que se cumprirá na segunda parte da película.

A Opção ou As Rosas da Estrada

Ozualdo Candeias, 87', 1981, Brazil
Dirección, guión, fotografía, montaxe e produción: Ozualdo R. Candeias
Produtora: Prodsul Produções Cinematográficas, Secretaria de Estado da Cultura do Governo de São Paulo e Embrafilme
Con: Carmen Angélica, Alan Fontaine, Cristina Gondinho, Carmen Ortega, Virgílio Roveda, Lair Norton, Júlio Veloso, Zé Risonho, Cláudia Camargo e Jasa

En esta película, entre o documental e a ficción, Candeias baséase en experiencias persoais para denunciar a difícil situación de explotación laboral das mulleres campesiñas, que cortan cana de azucre e malviven en destartalados barrios ao longo da autoestrada. Soñando cunha vida mellor, e sen outra opción que a prostitución, moitas delas saen á estrada para irse á gran cidade, onde novas formas de explotación espéranlles.