Contacto

por Martín Cuesta e Iván Villarmea

A idea de crear un espazo para que tódolos que nos adicamos a escribir ou falar sobre cinema tivésemos a oportunidade de programar filmes en diversos festivais do estado xurdiu hai algo máis dun ano por estes mesmos lares. A Asociación Converxencias da Crítica Cinematográfica naceu co convencemento de que o labor de análise fílmico, realizado dende calquera medio, non debe sustentarse tan só na creación de textos, programas de radio ou de televisión, isto é, o labor clásico da crítica, senón que debe crear unha relación máis estreita co espectador, propóndolle, retándolle, convidándolle en definitiva a descubrir títulos á marxe do circuíto comercial. A primeira vez que puidemos levar á práctica estas ideas foi na pasada edición do Festival Internacional de Cinema de Xixón, onde programamos cinco propostas, apoiadas por outros tantos críticos, na sección Converxencias. O éxito desta experiencia animounos a propor un espazo similar nesta nova edición de Play-Doc, co engadido de traballar desta volta no campo da non-ficción. Así naceu Resonancias, unha sección que tivo unha acollida máis que notábel pola banda dos nosos colegas, que nos propuxeron unha trintena de títulos cada cal máis atractivo que o anterior. A nosa escolma tentou primar as propostas mellor argumentadas e os filmes máis relevantes dende o noso (falíbel) punto de vista, atendendo ademais ás relacións que se poden establecer entre eles.

Double Happiness (Ella Raidel, 2014), por exemplo, a peza seleccionada por Hanna Hatzmann, cuestiona a conexión entre arquitectura e identidade nunha época, a nosa, na que calquera construción, mesmo unha vila enteira, pode ser reproducida en calquera lugar do mundo. Fronte a esta tendencia, a curtametraxe israelí proposta por Andrea Franco, The Policeman's House (Mich'ael Zupraner, 2013), lembra a importancia do local. Neste filme, unha casa palestina, propiedade dun árabe e habitada por un xudeu, convértese nunha triste metáfora dun conflito baseado na oposición de dúas identidades. A quen pertence entón esa casa, aos árabes ou aos israelís? Mentres tanto, 1960 (Rodrigo Areias, 2012), a longametraxe que completa a dobre sesión programada por Andrea Franco, desenvolve unha reflexión máis abstracta, case ontolóxica, sobre o espazo e a arquitectura: o cineasta Rodrigo Areias volve sobre os pasos do arquitecto Fernando Távora a través das páxinas do diario de viaxe que este último escribiu mentres daba a volta ao mundo. As imaxes de Areias datan de 2012, mais a decisión de filmar este traballo en Super 8, imitando a textura do cinema doméstico dos sesenta, crea a ilusión de que estamos vendo imaxes filmadas polo propio Távora. Do mesmo xeito, Quand je serai dictateur (Yaël André, 2013), o filme de metraxe atopado suxerido por Mari Carmen Fúnez, xoga cun efecto similar: a cineasta belga Yaël André crea unha nova lectura das imaxes do pasado a través da súa remontaxe, reivindicando así as posibilidades expresivas do celuloide e poñendo en valor o extenso arquivo do cinema doméstico.

Todas estas cuestións conflúen en Double Play: James Benning and Richard Linklater (Gabe Klinger, 2013), o título que pecha esta sección. Neste documentário, o crítico xa non propón un filme, senón que o realiza persoalmente; non escribe sobre un cineasta, senón que vai ao seu encontro para filmar directamente o seu traballo; e non só analiza a obra dun cineasta, senón de dous, James Benning e Richard Linklater, establecendo unha serie de puntos en común entre eles que tamén aparecen nos traballos de Ella Raidel, Mich'ael Zupraner, Rodrigo Areias e Yaël André: o interese pola identidade dos lugares e, sobre todo, polo espírito do tempo.

Sobre como o mundo se repite esencialmente en cada parte

por Hanna Hatzmann

Resulta unha desas coincidencias da vida que no mesmo momento no que abandono a miña cidade (Viena) e o meu país (Austria) para mudarme a Berlín, Resonancias me convide a reflexionar sobre a produción documental do meu país de orixe. Esta mestura entre preto e lonxe úneme a Ella Raidel (Gmunden, 1970), a autora de Double Happiness (2014), a película que me gustaría propor. Raidel é, coma min, un Stahlstadtkinder (1) que mira o propio, o íntimo, dende a perspectiva dos que se foron, só para descubrir que o mundo se repite esencialmente en cada parte. Quizais por iso non me sorprenda que coa súa ollada distante, nunha especie de xogo de espellos, logre detectar estraños parentescos entre China e o país alpino de Sissi e Sonrisas y Lágrimas, das Mozartkugeln (‘Bolas de Mozart’) e as vilas pintorescos como Hallstatt, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1997. Hallstatt é precisamente o escenario central de Double Happiness, primeira longametraxe de Ella Raidel. A película céntrase no estraño caso do roubo de identidade dunha vila enteira: a vítima, a mesma Hallstatt; o delincuente, unha multinacional chinesa que reconstruíu a vila austríaca case a escala 1:1 nun xigantesco proxecto inmobiliario ao borde dun lago artificial. Esta réplica da vila está rodeada de single homes ao estilo alpino, que pronto serán casas de novos ricos chineses desexosos de lucir o seu benestar cun estilo de vida europeo.

Monika Wenger, a propietaria de Hotel Grüner Baum do centro de Hallstatt, deuse de conta por casualidade deste roubo mentres observaba unha das súas inquilinas facer debuxos detallados de frontóns e balcóns. A súa reacción, tal e como se mostra na película, combina á vez sentimentos de indignación e fascinación: "Ata onde chegamos se é posible reproducir unha vila enteira sen que ninguén se decate?". Na era do capitalismo globalizado, está claro que a hipermodernidade alcanzou dimensións dis/utópicas sen precedente na China actual.

Esta indignación foi compartida por moitos habitantes de Hallstatt, orgullosos das súas orixes, e tamén polos medios de comunicación, pero non durou moito. De feito, o título da película, ‘Double Happiness’, é unha expresión chinesa que fai alusión ao matrimonio: a felicidade duplícase cando se comparte. Así, o simulacro de Hallstatt agasallou ao Hallstatt auténtico cunha marea de turistas chineses sen fin que, a pesar da reconstrución, queren ver ‘a vila máis bella do mundo’ cos seus propios ollos, de modo que fai tempo que ambas as dúas vilas se fixeron cidades irmandadas: como se pode ver na película, o alcalde de Hallstatt viaxa incluso a China, xunto á banda de música da vila e un equipo da televisión, para asistir á inauguración da súa réplica oriental.

De forma moi estilizada, pensada e sen xulgar, Ella Raidel xoga coa percepción dos espectadores e convídaos a moverse por un labirinto de espellos que nos permite ver cada vez novos cruzamentos híbridos entre China e Austria: grilandas chinesas nunha terraza austríaca, carteis chineses nun hotel de estilo alpino, turistas chineses vestidos con traxes rexionais austríacos na praza da igrexa... Estamos en Hallstatt 1 ou en Hallstatt 2? Se unha vila vive do turismo de masas, segue sendo ‘auténtica’ ou convértese na súa propia parodia, nun escenario apodrecido para proxeccións doutros? Estas mesmas preguntas son unha variación contemporánea das que facía no seu momento a Piefke Saga (1990-1993), unha miniserie moi popular da televisión pública austríaca na que o escritor Felix Mitterer nos mostra como o turismo de inverno masivo dos anos oitenta, procedente sobre todo de Alemaña, e a cobiza das elites locais acabou convertendo unha vila de montaña tirolesa nun simulacro absurdo de si mesmo, cos seus habitantes transformados en zombis vestidos con traxe rexional e cantando á tirolesa. Os efectos de cámara usados por Ella Raidel en Double Happiness subliñan claramente estas preguntas.

A película, non obstante, non se limita a ser un cuestionamento irónico de termos rancios e remisos como patria, patrimonio ou identidade, sobre todo en relación ao pasado histórico austríaco. Ao longo dos seus 72 minutos, Double Happiness convértese nunha reflexión lúcida e experta sobre a China actual, onde a revolución cultural fixo tabula rasa da historia milenaria do país. Ella Raidel dá así palabra a unha urbanista crítica que explica que a perda da memoria colectiva dunha China rural espertou nos habitantes das grandes urbes chinesas un desexo enorme de autenticidade, de silencio e de aire limpo que os urbanistas agradan con proxeccións sobre o vello continente, entendido como salvage paradigm en plena hipermodernidade poscapitalista.

Ao cabo, trátase dunha nostalxia que a nós, os ‘modernos’ de Madrid, Barcelona, Viena ou Berlín, nos debería resultar moi familiar nos tempos da slow food, o do it yourself, o consumo sostible e o culto ao auténtico. A diferencia atópase se cadra nas dimensións xigantescas que alcanzan en China estas nostalxias producidas por memorias obstinadas e utopías proxectadas ao pasado. Porque, dito sexa de paso, Hallstatt non é o único exemplo de duplitecture: ao redor das metrópoles chinesas xorden varios parises, florencias, londres o escocias cada ano. O logro da película é que a fascinación que nos produce este fenómeno alleo remítenos ao noso propio universo, de forma que o que parece exótico vólvese, de súpeto, moi familiar.

(1) Stahlstadtkinder (‘Fillos da cidade de aceiro’) é o título dunha canción emblemática dos anos oitenta: Stahlstadt (‘cidade de aceiro’) é o alcume de Linz, a terceira cidade máis grande de Austria, que durante moitos anos tivo moi mala sona pola alta contaminación que causou a produción de aceiro, e fai referencia á tradición obreira da capital de Alta Austria. Ao contrario que Salzburgo ou Viena, Linz é unha cidade que non atrae moitos turistas, dado que durante a guerra foi destruída case por completo, aínda que ten unha escena cultural moi viva, sobre todo a nivel da arte dixital (Ars Electronica Festival). (2) ‘Piefke’ é unha palabra despectiva que utilizan os austríacos para referirse aos alemáns e que dá proba da complexa relación entre ambos os dous países.

DOUBLE HAPPINESS

Ella Raidel | 74' | 2014 | Austria-China

Directora: Ella Raidel
Fotografía: Martin Putz
Montaxe: Karina Ressler
Produción: Peter Janecek
Son: Wong Ka Ho
Música: Rudi Fischerlehner

Entre os chineses o termo “felicidade dobre” refírese á felicidade que se duplica cando unha parella decide casar e pasar o resto das súas vidas xuntos. A directora Ella Raidel elixiu este concepto fermoso e optimista para titular a súa primeira longametraxe documental. Pero chamar a esta película documental se cadra non sexa axeitado, e non é, certamente, a típica reportaxe convencional sobre a globalización. Ao contrario, Double Happiness, é un filme-ensaio de extremada agudeza e sensibilidade.

Contacto: Sixpackfilm

QUAND JE SERAI DICTATEUR

por Mª Carmen Fúnez

Pódense contar os recordos que temos do tempo que pasamos xunto a unha persoa de moitas maneiras. Podemos recrealos a partir de fotografías ou vídeos da persoa en cuestión, dos nosos propios recordos de como sucederon os feitos que aínda seguen na nosa memoria, ou da visión que terceiros aportan obxectivamente sobre o sucedido. A directora belga Yaël André, porén, optou por recordar a quen fora o seu mellor amigo da adolescencia George, realizando un documental de corte experimental co que fundir os seus sentimentos cara el dunha maneira tan orixinal como bela. André, quen menciona como referentes para a súa obra xenios da narrativa cinematográfica máis centrada no visual e no son que no diálogo como Jacques Tati ou Buster Keaton, basea a súa obra na combinación da improvisación á hora de ficcionar as súas historias e a realidade das imaxes que mostra.

En Quand Je Serai Dictateur, por un lado toma os recordos que ten de George e os convirte nun conto no que se atreve a imaxinar outras vidas, outros universos nos que ambos os dous escapaban dunha vida ás veces aburrida, outras veces demasiado hostil, para ser por un momento quen quixeran ser. Puideron ser psicópatas ou aventureiros antes de que a realidade deixara que Yaël tivera que seguir imaxinando outras vidas en solitario. Por outro lado a directora recompila centos de gravacións anónimas en Súper 8, abandonadas por quen as gravaron, e con elas realiza unha montaxe que serve de fondo á historia de George sen necesidade de que esas imaxes formen parte dos seus recordos e nin sequera sexan reflexo deles. Sobre estas imaxes acompañadas de temas musicais que casan á perfección con elas e co que se vai contando, unha voz en off vai construíndo unha serie de realidades paralelas á vida de George e Yaël que pouco a pouco van derivando en posibilidades alternativas ao que verdadeiramente foi. Nunha desas vidas paralelas, Yaël será Deus. Poderá manexar o tempo ao seu antollo. Poderá rebobinar unha e outra vez os momentos nos que a xente cre ser feliz e pasar a maior velocidade a infelicidade da que nunca pode escapar.

André combina no seu relato a metafísica, o amor, a filosofía e a ciencia ficción como base do que sucede dentro da mente de quen soñan espertos con outra realidade á marxe da que lles tocou vivir. Quand je serai dictateur é un canto á amizade, unha reflexión sobre a vida e a morte, sobre as consecuencias de non saber ver noutros a necesidade que teñen de ser amados, de ser comprendidos; unha avaliación das potenciais existencias que poden ter lugar nun mesmo plano segundo nos crucemos na nosa vida cunhas persoas ou con outras, e un ensaio sobre a busca infrutuosa da felicidade xunto a persoas que non poden experimentala. E tamén é un exercicio de imaxinación con respecto a esas imaxes de vidas anónimas e abandonadas en calquera mercado ou rocho, que nalgún momento pertenceron e significaron algo importante para alguén. Pero por enriba de todo, o documental é pura poesía audiovisual; unha poesía libre, desprovista de regras e patróns comúns pero non exenta da capacidade de emocionar con cada un dos elementos de que se compón.

QUAND JE SERAI DICTATEUR

Yaël André | 90' | 2013 | Bélxica

Director, Guión: Yaël André
Imaxe: Didier Guillain
Produción: Yaël André (Morituri)
Música: Hughes Maréchal
Montaxe: Luc Plantier, Yaël André
Voz off: Laurence Vielle

Cando eu sexa dictador é un “documental de ciencia ficción” construído a partir de miles de bobinas amateur en super 8 mm. E se estivésemos vivindo outras vidas noutros universos? O universo encheríase de súpeto de posibilidades, en troques de ser unha inmensidade de espazo sen aproveitar. Alí eu sería unha aventureira, unha psicópata, unha nai exemplar, unha contable ou un home invisible… que serías ti?

Contacto: Morituri Films

THE POLICEMAN’S HOUSE, Mich’ael Zupraner | 1960, Rodrigo Areias

por Andrea Franco

The policeman’s house é un filme-instalación que divide o espazo visual en tres planos. Tres monitores opostos, complementarios, alternos ou simultáneos. Acéndense uns, apáganse outros. Á esquerda, unha panorámica; no centro, un plano fixo do exterior; á dereita, unha gravación a punto de comezar. Logo a orde invértese; ou céntrase nunha soa imaxe que pasa a ocupar o centro. Ás veces os tres xuntos forman unha única imaxe dividida, como a cidade na que se sitúa, Hebrón, a única localidade palestina con poboación xudía.

Para observar este lugar en litixio, ocupado polas tropas israelís e minado de postos de control militar, o autor propón un choque de visións; un triplo punto de vista realizado con ángulos enfrontados. Mich’ael Zupraner, xudeu israelí, instálase nunha casa no alto da cidade, no barrio xudeu de Tel Rumeida, na que foi a antiga morada dun policía durante a ocupación da zona por parte de Xordania. O artista preséntase como un visitante neutral que chega para recuperar ese espazo abandonado e convertelo nun centro de creación aberto a todos; conciliador, mesmo, entre as dúas comunidades, árabe e xudía, que conviven nunha tensión insoportable. Pero Zupraner leva unha cámara, un ollo sempre vixiante, e enseguida empeza a ser obxecto de sospeitas por parte dos veciños, que temen que poda ser un espía do goberno de Israel.

Sobre esas imaxes que nos chegan en forma de rexistro de cámaras de seguridade, escoitamos a voz en off do autor, que relata os rumores sobre a súa presenza na casa e na poboación. Mentres se enfoca fronte o espello, afirma sentirse observado; e decide demostrar que é xudeu e mimetizarse coa comunidade que o acolle.

Zupraner disfrázase.

Estamos ante un documento aparentemente real, no que o autor devén un elemento de ficción no interior das súas propias imaxes. O artista convive amistosamente con árabes e xudeus –tamén cos soldados, pois dende os seus postos pode ver a súa propia casa “dende o ángulo dende o que ten prohibido filmar”-. Pero dende a súa atalaia adquire de facto, un rol de policía. Quen é o policía da casa do título? Quen son? Porque tamén nós, ao outro lado, exercemos de policías, situados nunha posición, xa no voyeurística senón espía, pois esa montaxe en multipantalla fai da sala de cinema unha sala de realización dende onde buscamos culpables pero sen intervir. Podería ser o reflexo da actitude acomodaticia da comunidade internacional, testemuño do conflito dende a distancia, sen tomar partido.

Hebrón vive baixo a ollada atenta dos soldados israelís, e este traballo utiliza a súa estrutura para falar da paranoia, a sospeita e a perda de identidade dun territorio. De aí a ambigüidade en torno á propia identidade de Zupraner, que emprega máscaras e falsas barbas de xudeu. Todo suxire un estado do noso tempo; olladas que chegan de aquí e alá, a miúdo sen contexto, pero nas que laten conflitos pasados e presentes.

O observador atópase no punto de mira, consciente da atención que suscita ao seu redor. Cara o final, pregúntase –pregúntanos-: “Que pasará se me matan? Que pasará se fico? Que pasará se me vou?”. En realidade está aludindo ao problema de fondo.

Tamén a partir de fragmentos, constrúese a película de Rodrigo Areias, un falso mapa da arquitectura mundial. En 1960, o arquitecto portugués Fernando Távora realizou unha viaxe ao redor do mundo durante a cal foi tomando notas sobre as obras, as paisaxes e os habitantes dunha serie de cidades a miúdo fundadas sobre o mito. O caderno de bitácora foi o punto de partida, pero as impresións de Távora pronto se revelan como unha mera escusa para que o autor realice a súa propio viaxe e a súa propia película.

1960 é un filme patchwork, ensamblado ao ritmo da ruta. Comezamos no centro histórico de Guimarães e saltamos a Ámsterdam en contraplano; e de aí a algún país nórdico. O fío: as agullas das igrexas, que todas xuntas conforman unha imaxe da arquitectura relixiosa medieval. Así é a nosa visión do mundo, incompleta e reducionista; fragmentos de realidade –apenas un eco dela. En off escoitamos o pensamento de Távora: “as revistas réxense por dous factores terriblemente enganosos: en primeiro lugar, o fotógrafo, o home que escolle os cachiños máis belos do edificio á hora máis propicia. En segundo lugar, o mellor edificio, o máis coidado, o do arquitecto de maior renome… como se se tratase dun prototipo... cando en realidade se trata dunha excepción”.

Nun principio, Rodrigo Areias pretendía incorporar o material da viaxe de Távora, enteiramente filmada en Súper 8mm, e concibido como un documental independente, no interior dunha ficción ambientada en escenarios construídos polo arquitecto, e onde un mozo cineasta é asasinado. Pero ocorreu que a produción estancouse, e a parte documental do proxecto empezou a perfilarse como un traballo autónomo, como ocorre con moitos works in progress nos que o bosquexo se impón á propia película. É a beleza do apuntamento, da nota espontánea, do material bruto. Da viaxe do arquitecto xa só queda o relato, pois a imaxe agora pertence ao cineasta. O seu documental converteuse nun ensaio fílmico, coa particularidade de que non hai unha soa voz, senón dúas, a que fala e a que ve. Unha película feita de capas, sobre cidades ás que Areias volve unha e outra vez, mesturadas con material de arquivo de aquel 1960… A voz irónica que guía o periplo recorda a Balnearios (Mariano Llinás, 2001) ou a Los Angeles Plays itself (Thom Andersen, 2003).

Saltamos do Guggenheim de Nova York ás pirámides de Teotihuacán; do Kremlin ao edificio Copan, en São Paulo; do Partenón ao Pompidou; de Ámsterdam a Taliesin… Taliesin é a casa de Frank Lloyd Wright. Areias chega alí nun frío día de inverno; todo o conxunto está cuberto pola neve. Foi a gran experiencia de Fernando Távora, que alí por fin comprendeu o sentido da arquitectura. A casa integrada na paisaxe, as proporcións, o material. “É difícil distinguir a obra de Deus da obra do home. Estaba emocionalmente extenuado”, escribiu. Dende aí voamos a Hawai, paraíso artificial no que Távora non atopou nada do que se supuña que alí debía haber. Areias recorre entón á típica estampa hawaiana: surf, cocktails, danzas del Pacífico… Idílico found footage para ilustrar a decepción do arquitecto. E de alí a Tokio, unha cidade-collage, como Times Square; un conglomerado de símbolos que se encamiñan cara o baleiro de significado. É curioso ver como as palabras de Távora teñen hoxe o mesmo aspecto que entón.

THE POLICEMAN’S HOUSE

Mich'ael Zupraner | 25' | 2013 | Israel-Palestina

Dirección, Fotografía, Edición: Mich'ael Zupraner
Produción: Studio Zupraner
Son: Binya Reches

The Policeman's house constrúese dun xeito provocador ao redor da posición precaria dun xudeu israelí asentado na cidade palestina de Hebrón. A película combina tres pantallas con material do seu propio arquivo de vídeo caseiro, alternando unha ollada que observa o exterior e outra que mira cara dentro da casa que xestiona e comparte coma un centro artístico aberto a todos. Zupraner relata, mediante unha voz en off ambivalente e continua, unha serie de rumores, mentiras e medias verdades sobre a súa presenza alí, e que circulan entre os seus veciños árabes e xudeus, reforzando así a complexidade da súa experiencia nunha zona fronteiriza entre as dúas comunidades en conflito.

Contacto: Studio Zupraner

1960

Rodrigo Areias | 65' | 2013 | Portugal

Director, Produtor, Imaxe: Rodrigo Areias
Son: Pedro Ribeiro, Pedro Marinho
Montaxe: Tomás Baltazar
Voz off: Marcos Barbosa

1960 é unha película caseira en rexistro diario de viaxe filmada en super 8mm, que pretende, a través da arquitectura e a partir do “Diario de Bordo” de Fernando Távora, revisitar a viaxe que o arquitecto realizou en 1960.

Contacto: Bando a Parte