A banda galega NACHO·FAIA·LAR completa o cartel musical e serán os encargados de poñerlle música á xornada inaugural do festival
O Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que terá lugar na cidade de Tui do 4 ao 8 de maio, presenta a programación musical para a súa próxima edición. Play-Doc é máis que un festival de cinema, a música en directo foi desde sempre un complemento imprescindible e unha das señas de identidade do certame.
Niño de Elche encabeza o cartel dos concertos desta décimo oitava edición de Play-Doc. Este artista inclasificable e revolucionario do flamenco, integra elementos do jazz ou da música electrónica nas súas actuacións. A súa traxectoria vincúlase a múltiples disciplinas artísticas como a poesía, o minimalismo, a libre improvisación ou a danza, o que fai difícil clasificar a súa música dentro dun xénero particular.
Nesta ocasión, Niño de Elche presentará un espectáculo en dous actos. A primeira parte da proposta basearase no seu último disco titulado “La Exclusión”, que desenvolveu xunto ao músico e compositor Raúl Cantizano, as imaxes que acompañarán este primeiro movemento pertencen á colaboración co cineasta galego Lois Patiño, nun proxecto que trata de concienciar sobre a situación dramática dos asnos en España. A segunda parte estará marcada por diferentes pezas e cancións doutros proxectos que este artista foi desenvolvendo en diferentes producións ao longo da súa carreira.
O concerto será o domingo 8 de maio ás 20:30h no Teatro Municipal de Tui, as entradas xa están á venda.
Así mesmo, o festival tamén contará coa actuación en directo da banda galega NACHO · FAIA · LAR, formada por tres artistas referentes da vangarda musical galega: Nacho Muñoz (Igmig) ao piano e electrónica, Faia Díaz (FAIA, de Vacas) na voz, e LarLegido (Sumrrá) na batería. Unha proposta músical, á vez, tradicional e experimental, que nesta ocasión profundiza na figura e repertorio do cantante portugués Zeca Afonso. Serán os encargados de poñerlle música á xornada inaugural do festival, o 4 de maio ás 20:30 h, no Teatro Municipal de Tui.
Os concertos contan coa colaboración de SON Estrella Galicia e contribuirán a afianzar o festival como un punto de encontro artístico interdisciplinar.
Entradas xa dispoñibles para os dous concertos en: https://www.play-doc.com/_oldfestival/play-doc-live-2022/
Foto ©Ángela Martín Retortillo