Mesas Redondas

O FESTIVAL MÁIS ALÁ DO EVENTO

 

En colaboración con Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, Play-Doc Festival presenta un encontro no que participarán responsables de diferentes festivais e eventos audiovisuais de Galicia, que comparten a idea de que, se desexan crecer e visibilizar mellor o seu traballo, a súa actividade non pode circunscribirse ás datas de celebración dos mesmos. Debateranse e compartiranse ideas sobre a importancia de gañar novos públicos, xerar programación que se prolongue máis aló das datas do festival, da deslocalización das súas actividades e, en definitiva, buscar novas fórmulas para a promoción, a distribución e a expansión das súas actividades como axentes culturais.

Proxecta é unha asociación sen ánimo de lucro que aposta pola defensa e posta en valor dos festivais, mostras de cinema e eventos audiovisuais de Galicia, así como pola promoción dos contidos e valores artísticos e culturais que estes impulsan.

Domingo 7 de abril, ás 17:30h | Sala de Prensa Teatro Municipal de Tui

proxecta

TRAZOS

 

Case sempre que queremos abordar o proceso de creación achegámonos á figura do cineasta como eixo único e responsable creativo dunha película. Con todo, moitos máis axentes interveñen e xeran en colaboración a obra. Nestes encontros presentaremos tres perfís que superan o técnico e cuxa presenza marca ou define dalgún xeito o resultado final do filme. Tres profesionais que nos mostrarán de primeira man como entenden o cinema e o proceso de creación dunha película.

Participan: Iria Silvosa, montadora, Diego Romero, director de fotografía e Marco Maril, deseñador sonoro.

Venres 5 de abril, ás 10:00h | Sala 1 – Teatro Municipal de Tui

Tui