Eppur si muove…

Sempre se sinalou o movemento como a gran diferenza entre cinema e fotografía. A cámara fotográfica e o cinematógrafo emprenderon traxectos distintos pero complementarios tamén. De que xeito se achegan para captar o real o cinema e a fotografía, como é a natureza do tempo nestas disciplinas, en que puntos converxen e que poden aportarse?.

Philippe Dubois afirma que hoxe xa non pode falarse de fotografía como práctica específica, exclusiva e illada. Tal como sinala o autor «a fotografía creativa contemporánea, sen dúbida dende hai tempo, pero cunha conciencia e unha intensidade moi especial nas dúas últimas décadas, non ten deixado de mostrarse literalmente obsesionada polo cinema». En Galicia nestes últimos anos déronse probas tanxibles desta realidade. O panorama da fotografía galega está, como no cinema, en efervescencia creativa. Proxectos como Nueva Galicia de Iván Nespereira ou Quiasma de Tono Mejuto, que formaron parte da programación deste festival en anos anteriores, deixan ver que este achegamento cinema-fotografía é unha realidade a explorar e analizar. Este desbordamento da fotografía e o seu transvase ao cinema, dentro do actual universo da arte expandida, é quizais unha das vías máis interesantes que está explorando a imaxe tempo, o cinema, nos últimos anos.

Por iso nesta edición gustaríanos darlle un espazo de proxección ao tempo que de reflexión. Deste xeito tomamos a fotografía como tema desta edición. Un programa que leva por título Eppur si muove e que ten tres eixos de traballo: a presentación de proxectos fotográficos, un encontro entre cineastas e fotógrafos e unha exposición cunha selección do traballo destes creadores.

ariadnasilva-cartografiadoesquecemento
dique-de-abrigo
encarnados
paisaxe

Encontro

 

Dúas posturas distintas fronte un mesmo feito, a creación audiovisual, entre as que este ano o festival quere propiciar o diálogo. Dada a conxuntura actual, imponse este achegamento de posicións. Por unha banda, é patente a necesidade de establecer pontes entre a fotografía e o cinema, así como a aparición dun novo concepto do que é «o cinematográfico». Por outra banda, está un factor, cada vez máis presente, nas posibilidades do vídeo e da sinxeleza da tecnoloxía que convidan a reinventarse e a crear novas fórmulas de proxecto fotográfico. Por todo isto, parécenos interesante reflexionar arredor destas prácticas. Que nos une? Que nos diferencia? Como se achegan ao cinema os fotógrafos? Como os cineastas á fotografía? Como se traballa o concepto tempo nunha e noutra práctica? De que xeito o movemento? Este encontro proponse como unha actividade informal, aberta aos diferentes creadores convidados e aos asistentes, para participar dun diálogo aberto no que reflexionaremos arredor da imaxe tempo.

Tui