PRESENTACIÓN DE PROXECTOS
Play-Doc pretende ser un espazo de encontro aberto a coñecer novas voces creativas, un lugar onde conflúen propostas, proxectos, disciplinas e miradas diversas. Cada ano o festival serve de plataforma para visibilizar propostas audiovisuais estimulantes. Nesta ocasión contaremos coa participación dos impulsores destes dous proxectos:
OLLAR, ESCOLMA DA FOTOGRAFÍA GALEGA CONTEMPORÁNEA
A fotografía e o cinema son compañeiros inseparables, son a base da linguaxe visual e audiovisual que coñecemos hoxe en día. Un campo serve de inspiración para o outro e compleméntanse. Nesta edición coñeceremos o proxecto Ollar, Escolma da Fotografía Galega Contemporánea. Un proxecto multimedia e online de Adarme Visual dedicado á divulgación da fotografía de autor en Galicia en donde mediante unha serie de curtas documentais amosarannos o traballo artístico de diferentes creadores.
MEMORIA VIVA
En 2021 o Concello do Rosal puxo en marcha un interesante proxecto web dirixido á recuperación do patrimonio inmaterial do municipio, da memoria persoal e colectiva dos seus veciños. Memoria Viva busca poñer en marcha un sistema de salvagarda deses bens intanxibles, así como do coñecemento e da memoria que atesouran as persoas que habitan a localidade. Nesta web aglutinan pequenos vídeos documentais con testemuños de persoas de idade nos que se recollen os coñecementos relativos a unha época, un oficio, unha tradición, un acontecemento, ou calquera elemento patrimonial de interese.