Dominic Gagnon

Dominic Gagnon: un cineasta que innova e incomoda

Por Fanie Pelletier

foto-INTRO-gagnonEsta retrospectiva dedícase ao traballo innovador e perturbador dun cineasta inconformista: Dominic Gagnon. O seu cinema, a medio camiño entre o documental e o found footage experimental, obtén os seus recursos de Internet, concretamente das plataformas de libre difusión, e está interesado nun novo fenómeno: os vídeos realizados por afeccionados na era das novas tecnoloxías. Estes vídeos, dalgunha maneira as actuais «películas caseiras», son estes clips que asolagan a páxina web YouTube: unha persoa grava o seu día a día, diríxese á cámara e comparte as súas percepcións do mundo coa comunidade virtual da Rede. Gagnon aprópiase en primeiro lugar deste material filmográfico e organízao, para posteriormente crear un documental único. Sen necesidade dun proceso de rodaxe, o seu traballo baséase en centos de horas de visionado, un impresionante arquivo en varios discos duros, peneirar de forma minuciosa os vídeos seleccionados e ordenar estes discursos fragmentados para crear un todo significativo. A través da síntese destas múltiples percepcións únicas do mundo, as súas películas son un retrato documental da sociedade occidental 2.0. Estes vídeos, a primeira vista triviais, mundanos e sen valor na xungla de Internet, transfórmanse nun material cinematográfico inédito e revelan rastros subestimados aínda que de grande valor na sociedade actual.

Gagnon experimenta por primeira vez con este enfoque na película RIP in pieces America (2009), na que presenta unha montaxe de vídeos de internautas afeccionados estadounidenses de todas as idades. Soa, encerrada na súa casa, cada persoa grávase cunha cámara de baixa calidade (unha webcam na maioría dos casos) e diríxese «ao mundo». Estes fragmentos de Estados Unidos a anacos móstrannos estadounidenses supervivencialistas e paranoicos que comparten unha grande soidade, unha desilusión política e a desconfianza no Goberno. Se RIP in pieces America (2009) se compón principalmente de vídeos de homes, Pieces and love all to hell (2011) móstranos o punto de vista das mulleres estadounidenses, e Big kiss goodnight (2012) limítase a un único personaxe pintoresco co pseudónimo Joe Talk. Gagnon realiza unha cuarta película de found footage titulada Hoax_canular (2014) na mesma liña que os seus tres traballos anteriores, esta vez cos adolescentes e a fin do mundo como tema. De todos estes fragmentos montados polo cineasta, xorde un perturbador retrato duns Estados Unidos que brota das profundidades: unha sociedade atomizada que necesita subir ao escenario e realizar un espectáculo para poder berrar a súa existencia. Gagnon está aquí para revelar ao mundo unha cara enturbada e oculta da realidade. Non trata tanto de dicir como de mostrar algo que escapa á percepción inmediata desta subcultura. A diferenza de moitos cineastas de found footage, que propoñen unha mirada ao pasado, Gagnon céntrase no presente e no futuro, ofrecendo o visionado dos vídeos extraídos de Internet como futuros vestixios da sociedade 2.0 —dalgún xeito, a sociedade do espectáculo definitiva—. O cineasta ponnos un nó na gorxa con estes vídeos de pobre calidade estética, obríganos a mirar, a escoitar ás persoas que falan igual ao resto, e a facernos preguntas. As súas películas son inquietantes, sempre ao límite do soportable, pero que nos imbúen cunha forza sen igual.

Coa súa última película, Of the north (2016), Gagnon aborda un tema que desafía todas as nocións do cinema documental e do cinema etnográfico: sen cámara e de forma remota, retrata os vídeos de afeccionados do Ártico, principalmente das comunidades indíxenas. Esta versión 2.0 de Nanook of the north de Flaherty, na que Nanook xa non aparece, xerou unha grande controversia en Quebec, que lle outorga, a pesar dos seus detractores, un lugar na historia do cinema.

Gagnon é un dos primeiros en percibir o valor antropolóxico desta reserva de vídeos de afeccionados, e en concibir Internet como un novo espazo da vida popular para explorar. A través do seu computador —a súa cámara—, agora pode mergullarse no corazón deste novo espazo alternativo onde as persoas marxinadas atopan refuxio: «alí onde a vida é rica e paradoxal», dixo. Nun desexo de facer películas doutra maneira e libremente, Gagnon ve unha forma nova e pouco convencional, e das máis actuais, de observar a vida, de documentala e de cuestionala cunha economía de medios e intermediarios. O uso de Internet como material e como suxeito pon o foco neste desafío cada vez máis necesario: reinventar e adaptar a práctica documental ás novas realidades sociais e tecnolóxicas. Ao tratar de «facer películas sobre as persoas que se gravan», Gagnon introduce un novo cinema que busca a liberdade e romper cos documentais tradicionais do noso tempo. As súas películas poñen de relevo a convulsión social e tecnolóxica que se está producindo, que non é diferente á que xurdiu no cinema directo a finais dos anos 50. O alcance completo do seu traballo aínda non se coñece, pero a controversia e a censura que o rodea lévanos a pensar que podería ser unha expresión vangardista dun importante cambio de paradigma na forma de abordar a práctica documental, e é por iso que a súa obra merece unha maior exposición que nunca.

 

BIG KISS, GOOD NIGHT

Dominic Gagnon, 62', 2012, Canada

«A miña indignación protéxeme». Sentado no seu coche, coa barba longa e desleixado, Joetalk100 fala a cámara. Acaba de saír do cárcere. Ten diabete. Non para de beber café e fumar pitos. Fillo de inmigrantes italianos en Estados Unidos, fai vídeos nos que expresa a súa indignación ante o empeoramento crecente do seu país. Do mesmo xeito que unha pota a presión a piques de estoupar, Joe fala rodeado de comentarios que, como no coro dunha traxedia clásica, acompáñano no seu destino. Alguén lle escribe: «Quizais o que precisas é unha aperta». Gagnon, curioso e divertido, observa os seus cuestionamientos. (Luciano Barisone)

HOAX_CANULAR

Dominic Gagnon, 91', 2013, Canada

Hoax_Canular é unha película baseada en mentiras, a maior delas a de que o mundo acabaría o 21 de decembro de 2012. Os adolescentes que aquí aparecen vencen os seus medos inventando ameazas e desatando rumores sobre a fin do mundo coas súas webcams. Realizada a partir de máis de 70 horas de vídeos subidos a youtube nunha soa noite, a véspera da grande Apocalipse, Hoax_Canular é unha profunda reflexión sobre como os máis novos fan súa a angustia xerada polos medios. (Paolo Moretti)

Contacto
Zéro Distribution
dg900@hotmail.com

OF THE NORTH

Dominic Gagnon, 74', 2015, Canada

Gagnon xunta case 500 horas de vídeos publicados en Youtube por centos de cineastas afeccionados inuit, dándolles coherencia e creando un anti-exótico e rítmico «Kino-Eye vertoviano», que inclúe escenas de caza, bebedeiras, plataformas petrolíferas, porno, carreiras e osos polares. Unha desenfreada e vulgar aculturación revélase así nesta festa audiovisual, co son do idioma dos Inuit de fondo, desmontando os clixés dunha comunidade a miúdo confinada ás marxes do mundo contemporáneo. (Emmanuel Chicon)

PIECES AND LOVE ALL TO HELL

Dominic Gagnon, 61', 2011, Canada

Un home aparece en escena anunciando a fin do patriarcado e a chegada do matriarcado nos Estados Unidos de América. Inmediatamente despois vén todo un desfile de mulleres. Están en perigo. Teñen medo. Evocan imaxes dun futuro aterrador. Do mesmo xeito que os homes en RIP in Pieces America, están acosadas por fantasías paranoides e pasan rapidamente da calma riseira á histeria visionaria. Con esta segunda parte da serie consagrada a un Estados Unidos invisible, Gagnon ofrece un retrato dos demos que perturban ás masas anónimas de América, nalgún lugar entre a solidariedade humana e a provocación. (Luciano Barisone)

RIP IN PIECES AMERICA

Dominic Gagnon , 61', 2009, Canada

Unha nova orde mundial, os sistemas de control, os mercados financeiros, o colapso da economía, a supervivencia, o odio á política, a Biblia e a constitución, o fundamentalismo cristián, instrucións para a insurrección, cancións rebeldes… Mediante imaxes borrosas, enmascarados ou disfrazados, homes furiosos falan a cámara: desconfían do seu goberno, baballoan e van armados. Este filme é un abafador e descoñecido retrato dos Estados Unidos, un paseo salvaxe e subversivo por vellos prexuízos e novos odios, medos suprimidos e fantasías paranoicas, historias de chalados e lúcidas valoracións do futuro. (Luciano Barisone).