Benvida

playdoc04_tamaradelafuente

Querido Play-Doc:

Son Dominic Gagnon, de Rimouski. Desde fai 20 difíciles anos fago películas. Unhas funcionan e outras non. Con todo en retrospectiva todas funcionan. Por que? Porque finalmente teñen unha audiencia. Unha audiencia que podería ser de Rimouski, pero que finalmente é de Tui. Por que Tui? Teriamos que preguntarlle a Sara e a Anxo, pero a pregunta non é por que, senón como. Como coñecín despois de vinte anos de carreira a un xornalista da revista Cahiers du Cinéma? Como acabei bailando pogo e morto de risa en metade da noite cos Dirty Coal Train? Como coñecín a Claire Simon, un ídolo, de quen me namorei no tempo que tardamos en chegar a un restaurante? Como houbo un público distinto para cada unha das miñas proxeccións e como é que cheguei a comer tan ben cada noite e en tan grata compañía? Como atopei nesta pequena cidade fortificada, a calma e a protección para falar dos meus problemas de cineasta e dos meus proxectos máis desatinados? Foi no ano 2017, en Tui, onde recuperei a confianza perdida tras a longa controversia que rodeou á miña película Of the North (2015). Coñecín a fantásticos invitados de Nova York, París, Londres e Berlín, pero principalmente de Tui e das zonas próximas. Persoas apaixonadas polo cinema e orgullosas do seu festival. Conmoveume camiñar polas súas rúas e ver que en cada tenda había un cartel do festival. Non houbo un só momento no que non me preguntase: Por que non é así en Rimouski, a miña cidade natal, que é apenas máis grande que Tui pero igual de excéntrica en relación ás grandes cidades? Por que?. Bo, a resposta é simple. De novo volvemos a Sara, a Anxo e aos membros do seu equipo que tras unha semana practicamente todos se converteron en amigos. Sempre regresarei a Tui. Grazas Play-Doc. Keep on Rockin’!

Dominic Gagnon


«Toda desviación do convencional, morto, cinema oficial é un signo saudable. Necesitamos filmes menos perfectos e máis libres» proclamaba Jonas Mekas.

Esta declaración ben podería servir de epígrafe para esta décimo cuarta edición de Play-Doc. Unha edición repleta de filmes libres, como os de Goldman (o noso director en retrospectiva), verdadeiro «apóstolo do único», o xenio máis esquecido do New American Cinema. Filmes libres como os de Aloysio Raulino (do que amosamos a primeira retrospectiva internacional), orixinais, inclasificables e descoñecidos. Libres tamén como os de Ozualdo Candeias, pioneiro do cinema de autor e precursor do Cinema Marginal brasileiro (a quen rendemos unha pequena e necesaria homenaxe polo nacimiento do seu centenario). Esta liberdade, que se estende tamén ao resto da programación, parece indisociable dunha forte marxinalidade. Liberdade e marxinalidade que atopan o seu escenario perfecto nas rúas. É por estas rúas, omnipresentes nesta edición, polas que te convidamos a deambular, a perderte, a desviarte do camiño convencional, para entrar por canellóns menos seguros, pero infinitamente máis excitantes e moito máis interesantes.

Sara García Villanueva

Tui