La Noire de… (Ousmane Sembène, 1966) // Anna (Alberto Grifi, Massimo Sarchielli, 1975) // Out of the Blue (Dennis Hopper, 1980) // Streetwise (Martin Bell, 1984).
Diouana, Anna, Cebe e Tiny, as respectivas protagonistas destes catro títulos, non só comparten trazos tipicamente antiheroicos, como a alienación e o individualismo, unha moralidade cuestionable e unha implícita crítica social. Posúen ademais virtudes extraordinarias, similares ás que se atopan nos heroes dos relatos épicos, e aínda que as súas fazañas non teñen unha vontade altruísta, a súa valentía e a súa determinación son exemplares.
Ademais de seren mulleres, as catro protagonistas son menores de idade (Tiny ten 13 anos, Linda Manz, aínda que de 19, interpreta a Cebe, de tan só 15, Anna ten 16 e Mbissine Thérèse Diop, que interpreta a Diouana, 17). Así mesmo, todas viven en situacións marxinais, non teñen familia, ou as súas familias son pobres ou disfuncionais. Todas elas sofren algún tipo de obxectualización, de sexualización e de abuso. Todo isto fainas particularmente vulnerables.
Con todo, a fascinación que exercen é abafadora, así como a súa forza e a súa rebeldía. Tiny prostitúese porque ama a súa liberdade por riba de todas as cousas, gaña cartos e iso dálle certo control sobre a súa vida. Cebe non se conforma co papel de moza nin acepta a violencia do seu pai. Anna é utilizada sen demasiados escrúpulos, pero a súa vinganza chegará de maneira concluínte. A heroicidade de Diouana é digna dunha traxedia grega, e tamén o é o seu acto de emancipación final. Este rexeitamento e a desobediencia cara a un sistema e unha sociedade que as explota e as marxina, fai que a súa mera presenza na pantalla sexa un xesto revolucionario, de denuncia e de subversión.
Todas elas son, ademáis, o reflexo e a consecuencia do contexto socio-político e económico no que viven. O drama de Diouana expón as complexidades do post-colonialismo. Anna anticipa os cambios na esquerda europea de finais dos setenta. Cebe encarna o sentimento nihilista do final dunha era, e Tiny cuestiona a prosperidade económica da Norteamérica dos 80. Isto intensifícase pola calidade de cápsula do tempo que teñen estas catro películas, sexa por permanecer esquecidas e ocultas durante décadas, sexa por seren descoñecidas para a inmensa maioría.
Poderíase mencionar aínda a importancia das rúas. A rúa como antagonista e tamén como espazo de liberación. Memorable é a secuencia na que Cebe vagabundea pola capital, fuxindo de pedófilos e demais perigos, e que culmina cunha gloriosa inmersión na florecente escena punk da cidade. A éxtase é total. Tiny gosta de estar nas rúas, alí fai o que quere e non ten que aturar a súa nai alcohólica nin o noivo desta. Anna tamén prefire as rúas ás institucións nas que estivo recluída toda a súa vida, renunciando tamén á posibilidade dunha familia, que a final de contas non deixa de ser outra institución. A Diouana, pola contra, trala súa chegada a Francia nunca máis a volveremos ver na rúa, pois a casa na que traballa converteuse nunha prisión.
Como en todo filme de culto, hai un pouco de lenda e un pouco de misterio ao redor deles. Incluídas algunhas historias algo sórdidas. Anna parece estar particularmente maldita. Tamén as súas protagonistas convertéronse en figuras de culto para logo desaparecer. De Anna endexamais se soubo nada. Mbissine Thérèse Diop non volveu facer ningunha outra película, fóra dunha anecdótica aparición en Emitaï, de Ousmane Sembène, en 1971. Linda Manz interpretou papeis menores durante algúns anos sen demasiado éxito, aínda que en 1997 reaparecería de novo noutra obra de culto, Gummo, dirixida por Harmony Korine. Trinta e dous anos despois de Streetwise, aínda marxinada e nai de dez fillos, Tiny protagonizaría a secuela Tiny: The Life of Erin Blackwell, dirixida tamén por Martin Bell.
Aínda que protagonizadas por mulleres, estas catro películas están dirixidas por homes, e sendo que o seminario deste ano versa sobre a crítica feminista, sería oportuno reflexionar tamén aquí sobre a representación das mulleres a través da mirada masculina imperante.
Non podo garantir que saiades indemnes despois de velas, pero si vos adianto que non teñen un final feliz.
Sara García Villanueva
Anna
Edición: Alberto Grifi
Fotografía: Alberto Grifi, Raoul Calabrò, Mario Gianni
Con: Anna, Massimo Sarchielli, Vincenzo Mazza, Raoul Calabrò, Terry, Louis Waldon, Jane Fonda (menos de dez segundos), Annabella Miscuglio, Alberto Grifi.
En 1972, o actor Massimo Sarchielli atopou na Piazza Navona a unha moza de 16 anos, embarazada de oito meses, enferma, drogada e sen casa. O seu nome era Anna. Sarchielli levouna ao seu apartamento coa intención de facer unha película sobre ela. Para tal fin chamou ao seu amigo, o coñecido realizador underground Alberto Grifi. A idea era facer unha especie de experimento social onde os directores, Sarchielli e Grifi, rescataban a Anna das rúas. Pero a vida real acabou por tomar o control sobre a película e Anna converteuse noutra cousa. Probablemente unha das películas máis controvertidas e perturbadoras que se fixeron xamais. Trala súa estrea, e por razóns descoñecidas, a película caeu no esquecemento durante máis de catro décadas.
La Noire de…
Director: Ousmane Sembène
Produtor: André Zwoboda
Fotografía: Christian Lacoste
Montaxe: André Gaudier
Reparto: Mbissine Thérèse Diop, Anne-Marie Jelinck (Señora), Robert Fontaine (Señor), Momar Nar Sene (Noivo), Ibrahima Boy (Neno con máscara).
Diouana (interpretada maxistralmente por Mbissine Thérèse Diop), é unha moza senegalesa que viaxa a Francia para traballar supostamente como aia na casa dunha familia branca de clase media. Unha vez alí descubrirá que as súas tarefas domésticas son outras, someténdoa a unha sorte de escravitude. A loita de Diouana contra a súa crecente deshumanización serve de alegoría para expoñer as complexidades do post-colonialismo, ao mesmo tempo que aborda cuestións máis amplas sobre xénero, raza, identidade, clase, dominación cultural e explotación. A medio camiño entre a narración tradicional africana, o neorrealismo e o cinema experimental, A Noire de… (A negra de…) está considerada como a primeira película realizada por un director negro na África subsahariana, e a primeira en ter a unha muller como protagonista. Esta magnífica e enormemente celebrada ópera prima, dirixida por Ousmane Sembène, recibiu o prestixioso galardón Jean Vigo en 1966.
*Restaurada en 2015 polo Filme Foundation’s World Cinema Project en colaboración co Sembène Estate, Institut National de l’Audiovisuel, INA, Eclair laboratories e o Centre National de Cinématographie. Restauración levada a cabo na Cineteca dei Bologna/ L’Immagine Ritrovata laboratory.
Out of the Blue
Produción: Jean Gontier, Paul Lewis, Gary Jules Jouvenat, Leonard Yakir, Aaron Sadovnick
Guión: Dennis Hopper (sen crédito), Gary Jules Jouvenat (sen crédito), Leonard Yakir, Brenda Nielson
Fotografía: Marc Champion
Montaxe: Doris Dyck
Música: Neil Young, Elvis Presley, Pointed Sticks, Tom Lavin
Con: Linda Manz, Dennis Hopper, Sharon Farrell, Don Gordon, Raymond Burr
Esta perturbadora e incomprensiblemente ignorada obra mestra, non só está considerada como a película máis contundente sobre a era do punk rock, senón tamén como o maior logro de Dennis Hopper como realizador. Tomando o seu título da canción My My, Hey Hey (Out of the Blue) de Neil Young, este drama nihilista céntrase na personaxe de Cebe, unha adolescente obsesionada con Elvis Presley e o punk rock (interpretada por unha inesquecible Linda Manz); no seu pai Don Barnes, ex-convicto e alcólico (ao que dá vida o propio Hopper nunha das súas actuacións máis salvaxes e descontroladas); e na súa nai Kathy, drogadicta e emocionalmente inestable (interpretada por Sharon Farrel). Malia causar unha grande sensación no Festival de Cannes en 1980, onde competiu pola Palma de Ouro, a película apenas tivo distribución e caeu practicamente no esquecemento. A día de hoxe, Out of the Blue continúa a ser unha obra de culto bastante descoñecida e unha marabillosa sorpresa.
Streetwise
Produción: Cheryl McCall
Fotografía: Martin Bell
Montaxe: Nancy Baker, Jonathan Oppenheim
Música: Tom Waits
Con: Erin Blackwell (Tiny), Rat, Lulu, Dewayne Pomeroy, Munchkin, Shadow, Baby Gramps, Kim, Shellie, Lillie, Patti, Tom Waits.
Inspirado por un artigo publicado na revista Life en 1983, titulado «Streets of the Lost» –escrito por Cheryl McCall e con fotografías de Mary Ellen Mark–, Streetwise é un cru e fascinante documental que amosa a vida dun grupo de nenos das rúas, en Seattle, centrándose sobre todo na figura de Tiny, unha «cativadora e inesquecible» prostituta de trece anos de idade. Este magnífico clásico, fermosamente filmado en 16mm e con banda sonora de Tom Waits, foi nomeado ao Óscar ao mellor documental en 1984. Con todo, deixou de verse durante máis de 25 anos, existindo tan só en VHS. Streetwise, que acaba de ser remasterizada dixitalmente, nunca antes fora estreada en España, polo que non deberías perder esta oportunidade. Esta película é unha auténtica xoia.