Wolf-Eckart Bühler

wolf-eckart-buhler

Cara ao exterior

por Olaf Möller

A partir de 1972, Wolf-Eckart Bühler traballou como membro do comité editorial de Filmkritik, a única revista de cinematografía de orientación intelectual que tivo algún interese das que existían na RFA. É importante facer esta observación porque o mesmo Bühler se vía máis como ensaísta literario fascinado polo cinema: en efecto, a diferenza dalgúns compañeiros filmkritikianos del, como Hartmut Bitomsky e Harun Farocki, Bühler non era un director que ademais escribía sobre cinematografía, senón un autor obsesionado cos proxectos, o cal equivale a dicir que non lle entusiasmaba facer películas, mais cando xurdía a ocasión estaba disposto a afrontar ese reto. Atención, porén: o mero feito de Bühler formar parte do colectivo de Filmkritik indica que a cinematografía como praxe, e talvez mesmo como obxectivo vital, non lle resultaba de todo allea nin escapaba á súa comprensión, pois a revista daquela funcionaba sobre a base do principio implícito de que acción e reflexión ían xuntas: un escribía cando non rodaba e rodaba cando non escribía; e, así, no núcleo duro da publicación raro era, naquela altura, atopar algún autor carente da aspiración de se expresar doutros xeitos, alén de mediante os filmes.

E, con todo, no caso de Bühler precisábase un pequeno estímulo do exterior. O cal chegou por cortesía do finado Werner Dütsch, daquela responsable de publicacións de WDR, que lle preguntou a Bühler se non gustaría de lle facer unha película… e mesmo tiña un proxecto á man: Leo T. Hurwitz: Filme für ein anderes Amerika (1980). A suxestión de Dütsch viña dada por unha minuciosa lectura dos ensaios publicados por Bühler en Filmkritik, nos cales se facía patente un dos seus principais ámbitos de interese: a torturada esquerda de Hollywood. Habería que saber que de Filmkritik se publicou unha gran cantidade de números que eran, en esencia, monografías; entre elas, Bühler redactou ou corredactou as dúas dedicadas a Irving Lerner, os números 289 e 290, que ocupan un lugar especial na memoria de moita xente, non só en tanto que traballo pioneiro (naquela época, o que había sobre o tema nos medios estadounidenses era cero), senón tamén por seren un proxecto no que se condensan moitas das obsesións e aspiracións de Filmkritik; se un sabe ler en alemán e toma o cinema en serio, debe posuír eses dous números e estes han de parecer ben lidos, ou se non vai ter que dar unhas poucas explicacións.

Tras o seu documental sobre Hurwitz, Bühler continuou con outras dúas obras, de duración media, referidas ás vítimas da lista negra da era mccarthiana: Innere Sicherheit: Abraham Polonsky (1981) e Vor Anker, Land unter. Ein Film mit Sterling Hayden (1982), a segunda das cales constituíu unha creación paralela á súa primeira longametraxe para o cinema (ou digamos a versión poética desta en verso libre), a obra de enigmático título Leuchtturm des Chaos (1982), a cal, pola súa vez, é unha especie de creación paralela a Der Havarist (1984), a súa única película clasificada como de ficción. Leuchtturm des Chaos e Der Havarist deberían entenderse como proxecto duplo accidental: a primeira foi feita dun xeito espontáneo mentres se intentaba sacar adiante a segunda. Bühler estaba a buscar a Sterling Hayden porque quería adquirir os dereitos sobre o seu tomo autobiográfico Wanderer (1963), que pretendía adaptar á gran pantalla, cousa que en efecto fixo con Der Havarist; logo de moito tempo de chegar sempre tarde de máis, cando Hayden xa marchara para portos ignotos na súa gabarra, Bühler por fin o atopou en Besançon; o vello colleulles un amable afecto a aqueles rapaces (de paseo con Bühler ían o seu colega auteur Manfred Blank e o escritor Felix Hofmann) e deixounos quedar uns días, durante os cales insinuou que estaría disposto a que fosen eles os que rodasen o seu retrato audiovisual. Abofé, velaquí un exemplo de por que aqueles eran tempos mellores para o cinema da RFA: Bühler puido conseguir financiamento ao instante, nin máis nin menos, e unha semana despois estaba de volta. O que veu a seguir foron días de borracheira e drogas e noites de reminiscencias e divagacións a través dos cales Hayden tentou atoparlle sentido á súa vida, do que resultou a súa actuación máis espléndida; Bühler et al. eran para el bufóns da corte e confesores a un tempo, un público de inocentes curiosos vidos do exterior e, en suma, unha oportunidade para facer algo que doutro xeito nunca sería quen de levar a cabo: Hayden tiña que deixar a alma ao descuberto…, non!, tiña que comprobar se aínda a conservaba, pois ocorría que a este home que di que está en guerra consigo mesmo (e que home que se esforza por ser fiel a si mesmo non o está?) lle daba medo a posibilidade de tela destruído nalgún punto do camiño, xa que aqueles que se buscan a si mesmos albergan unha tendencia natural que os atrae cara á terra queimada. En todo este pelexar pola/coa verdade —algunha verdade, demo!; abofé, algunha verdade—, el constitúe unha das presenzas máis fermosas de todo o cinema, radiante en espírito e carne. Ao cabo, poida que el sexa demasiado para si mesmo. Paso a Walt Whitman: «Pois si, contradígome, e que? (Eu son inmenso, eu conteño multitudes)».

Que talvez sexa a razón pola que Bühler chamou a tres artistas performativos para eles interpretaren a Hayden (aspectos ou caras del) en Der Havarist, dous dos cales eran, naquela altura, de perigosa e dubidosa consideración na RFA: o ladrón de bancos metido a escritor e actor Burkhard Driest e o cantautor comunista Hannes Wader; o terceiro é Rüdiger Vogler, o señor Melancolía Masculina do cinema da década de 1970. Driest interpreta a Hayden nas recreacións (as cales, xaora, aspiran a nula verosimilitude histórica); Wader narra; Vogler reflexiona. Mais Der Havarist é unha longametraxe de ficción?: acaso do mesmo xeito que fai de Wanderer unha novela. Trátase dunha colaxe narrativa (e, nese sentido, bastante máis próxima, sorprendentemente, a Vor Anker, Land unter. Ein Film mit Sterling Hayden ca a Leuchtturm des Chaos!), dun ensaio que se vale de todos os recursos e tropos estilísticos, mesmo daqueles que por convención se reservan para outros xéneros expresivos. O que fai que este resulte ser un filme especialmente fascinante para un público local radica en varias das presenzas vistas e oídas: está o produtor inconformista Laurens Straub (non hai parentesco ningún, con mágoa o digo), o pouco convencional auteur filoestadounidense Hans Noever, o filmkritikiano de primeira xeración e máis tarde director do Museo do Cinema de Múnic Enno Patalas, o axioma do Swinging Schwabing que era Roger Fritz (gravado contra o que semella o torso dunha estatua grega, coma unha especie de Deus novo), a enigmática e moi atractiva Kristina, filla da estrela da década de 1950 Peter van Eyck, unha femme fatale do mundo real…; nos créditos lemos que do atrezzo se encargou Nikolai Müllerschön, que pola mesma época fixo as súas primeiras películas e, durante un breve período, foi unha das esperanzas que fixeron confiar nunha cultura cinematográfica comercial do pos- Novo Cinema Alemán dotada de intelixencia e pelotas (ía ser moito).

Ao cabo dun ano, Bühler sacaría a súa terceira e última longametraxe: Amerasia (1985), outro filme que desafiaba os saberes convencionais do xénero, sendo así que aquí todo o mundo máis ou menos se interpreta a si mesmo, mentres que a historia parece constituír principalmente un motivo que permita que esta xente sexa vista. Nalgúns sentidos, a guerra do Vietnam non acabou nunca malia o acordo de paz oficial; deixou a súa pegada non só nun panorama devastado, senón tamén nos milleiros e milleiros de fillos que tantos soldados estadounidenses de toda etnia tiveran coas mulleres do lugar. O sueste asiático mudou irrevogablemente e iso veo calquera. Por outra banda, houbo outros tantos milleiros e milleiros de veteranos que non deron sacado da cabeza esa rexión. Bühler di que o seu actor principal (e o único, en realidade), John Anderson, que servira dous anos no Vietnam, se viu arrastrado cara atrás no tempo durante a rodaxe e deu en comportarse outra vez coma un soldado, en soltar un bla bla patriótico, en volverse paranoico aos poucos. O título do filme apunta, por suposto, á incómoda maneira de se entrelazaren os Estados Unidos e Asia, mais tamén soa a unha variedade particularmente maligna de amnesia. Amerasia torna os esquecidos —ou, para sermos máis precisos, os desbotados— en corpos, voces, vidas, historias que recordar. En todo iso, hoxe transmite a idea e a impresión de se tratar dunha especie de prólogo á épica obra de John Gianvito For Example, the Philippines (2010-2015).

O tempo non corría a favor de Bühler. No cinema da RFA había cada vez menos sitio e tíñase cada vez menos paciencia que lles ofrecer aos aventureiros, os exploradores, os itinerantes, a aqueles que estaban sempre en movemento, coa mente cando non en carne e óso. Enténdase: Bühler non albergaba interese ningún por converter o cinema na súa profesión principal, nun traballo fixo. Probablemente tampouco lle prestase ser amable coa clase de xente equivocada. E, así, fixo unhas poucas obras máis de curta e media duración para a televisión e deixouno. Había outras lerias das que se ocupar, como ver mundo, unicamente para acabar retornando a Schwabing (o barrio vello bohemio de Múnic).

Rumoréase que máis adiante fixo cousas baixo pseudónimo; outros din que montou un bar no Vietnam que se chamaba Apocalypse Now; a cuestión non radica en se eses rumores son certos ou non, senón no que din da impresión que ten a xente de Bühler e da cultura en que vivimos. Bühler é quen é.

 

der-havarist

DER HAVARIST – NAUFRAXIO

Wolf-Eckart Bühler, 92'', 1984, Alemaña
Dirixido por Wolf-Eckart Bühler
Baseado na novela autobiográfica de Sterling Hayden The Wanderer (1963)
Producción: Wolf-Eckart Bühler, Red Harvest Films
Cámara: Peter Gauche
Montaxe: Gisela Castronari
Son: Martin Müller
Música: Konstantin Wecker
Con: Burkhard Driest, Hannes Wader, Rüdiger Vogler, Sterling Hayden, Hans-Michael Rehberg

Baseado na autobiografía de Sterling Hayden, Der Havarist recrea e escenifica pasaxes do libro e momentos da vida de Hayden, centrándose sobre todo nas súas testificacións ante o HUAC, (Comité de Actividades Antiestadounidenses). Tres diferentes actores fan de Sterling Hayden: o controvertido Burkhard Driest, o declarado membro do partido comunista alemán e compositor Hannes Wader, e Rüdiger Vogler. Der Havarist é, ademais dunha película extraordinaria, unha proclama política e, como afirma o propio Bühler, unha oportunidade de cuestionarnos a nós mesmos.

leuchtturm

LEUCHTTURM DES CHAOS – FARO DO CAOS

Wolf-Eckart Bühler-Manfred Blank, 114'', 1983, Alemaña
Dirixido por: Wolf-Eckart Bühler, Manfred Blank
Producción: Wolf-Eckart Bühler, Red Harvest Films
Fotografía: Bernd Fiedler
Montaxe: Manfred Blank
Son: Manfred Blank
Con: Sterling Hayden

Fascinado pola extraordinaria autobiografía de Sterling Hayden, The Wanderer (1963), Wolf-Eckart Bühler pasou case un ano buscando ao actor americano para conseguir os dereitos do libro e poder facer unha adaptación cinematográfica. Finalmente atopouno en Francia, vivindo nunha barcaza preto de Besanzón. Hayden non só lle deu o seu permiso senón que lle suxeriu filmar tamén as conversacións que estaban a ter. Este soberbio documental é o resultado directo do seu encontro, un emocionante retrato do mariñeiro, heroe de guerra, partisano, estrela de Hollywood, comunista e tamén colaborador do FBI, Sterling Hayden.

Tui