Noticias

Wolf- Eckart Bühler achéganos á insólita estrela de Hollywood Sterling Hayden

19 Feb 2019
SterlingLeuchtturm2

O realizador alemán Wolf- Eckart Bühler presentará por primeira vez en España, no festival Play- Doc, o seu díptico sobre o fascinante actor, navegante, heroe de guerra e tamén escritor Sterling Hayden.

O Festival Internacional de cinema, Play- Doc, que celebrará a súa décimo quinta edición do 3 ao 7 de abril en Tui, incluirá no seu programa dous tesouros cinematográficos redescubertos recentemente e aínda inéditos no noso país:  Leuchtturm des Chaos, 1983 (Faro de caos) e Der Havarist, 1984 (O naufraxio), ambas  do realizador alemán Wolf- Eckart Bühler. As dúas películas abordan a complexa figura de  Sterling Hayden a través de propostas radicalmente diferentes. Mentres que a primeira é un documental que recolle as entrevistas nadas do encontro entre o actor e Bühler, a segunda é unha adaptación cinematográfica do libro autobiográfico de Hayden, The  Wanderer (1963), cunha forte carga política e autoral, realizada nas postrimerías do denominado Novo cinema alemán (Neue Deutsche Welle).

Sterling Hayden (1916-1986) será lembrado polos seus papeis en grandes clásicos como Johnny Guitar (Nicholas Ray 1954), Dr. Strangelove (Stanley Kubrick, 1964) ou The  Asphalt  Jungle (John Houston, 1950), con todo a súa vida real excedeu en moito a calquera dos seus personaxes na ficción. Aos 22 anos Hayden xa era capitán de barco, habendo circunnavegado o mundo numerosas veces. Tras gañar unha regata en Gloucester, Massachusetts, unha foto súa publicada nun xornal local abriríalle as portas de Hollywood asinando de inmediato un contrato millonario para a Paramount  Pictures. Durante a Segunda Guerra Mundial,  Hayden comandaría un convoi de 400 barcos con provisións para os partisanos iugoslavos asediados polo exército alemán e aterraría en paracaídas tras as liñas inimigas. Foi o único soldado norteamericano en ser condecorado polo goberno de Estados Unidos e tamén polo Mariscal Tito.

Ao seu regreso a casa, e por mor desta experiencia,  Hayden flirtea co partido comunista, pero aínda que fugaz, esta vinculación pronto lle obrigará a render contas ante O Comité de Actividades Antiestadounidenses (House of Un-American Activities Committee,  HUAC). Baixo ameaza de perder a custodia dos seus fillos verase forzado a dar unha serie de nomes que figuran xa nas listas do FBI. Este acto de delación que foi acollido como xesto de patriotismo e polo que Hollywood premiaríalle cunha longa serie de películas, fixo que Hayden se mergullase no arrepentimento, a vergoña e o desprezo propio, entrando nunha espiral de alcoholismo e autodestrución. Hayden abandonaría Hollywood e o traballo de actor que tanto desprezaba e volvería ao mar. Escribiu ademais dous excelentes libros: o  autobiográfico The  Wanderer (1963) e Voyage: A Novel of 1896 (1976), ambos enormemente aclamados pola crítica.

Hollywood xa tentara levar a excepcional vida de Hayden á pantalla en numerosas ocasións sen logralo, mesmo con Robert Redford como protagonista. Pero é finalmente o realizador alemán Wolf- Eckart Bühler quen consegue que Hayden lle ceda os dereitos de  The Wanderer e comeza a rodaxe de Der Havarist. Tras a primeira conversación entre ambos, o propio Sterling suxire que eses encontros sexan filmados e é así como xorde tamén a conmovedora Leuchtturm des Chaos (título que fai referencia á novela homónima que Hayden nunca chegou a terminar).

Wolf- Eckart Bühler (Hamburgo, 1945) estudou teatro e filosofía en Munich. Tamén foi editor da revista de crítica cinematográfica Filmkritik. Traballou como escritor, director e produtor en Red Harvest Films, realizando Leuchtturm des Chaos (1983), Der  Havarist (1984) e o docudrama Amerasia (1986), ademais dunha ducia de documentais para a televisión pública alemá. O propio Bühler, que o pasado agosto recibiu un premio en recoñecemento á importancia do seu traballo no festival de cinema de Locarno, estará presente en Play-Doc para falarnos das súas películas e da súa fascinación pola cegadora e insólita estrela de cinema.

Share

Facebook Twitter Pinterest
Tui