Contacto

Xurado Internacional

Cíntia Gil

Cíntia Gil graduouse en Filosofía pola Universidade de Porto tras asistir ao Curso de Cinema na Escola de Cinema e Teatro Portuguesa. É investigadora no grupo «Estética, Política e Artes» do Instituto de Filosofía da Universidade de Porto, para o que escribe e publica. Entre 2001 e 2007 Cíntia traballou na produción de varios filmes. Tamén deu clases de estruturas narrativas, cinema e contemporaneidade na Escola de Vídeo e Documental de Abrantes. Membro do comité de Apordoc – Asociación do Documental Portugués (2013/14). Tras ter sido membro do comité de selección do festival de curtametraxes de Vila do Conde e Doclisboa, dende 2012 é co-directora deste último.

Gabe Klinger

Gabe Klinger é un galardoado cineasta, profesor de cinema e escritor. O seu aclamado documental Double Play: James Benning and Richard Linklater (2013), gañou o León ao mellor documental en Venecia. Os seus artigos apareceron en revistas de cinema como Sight & Sound, Film Comment, e Cinema Scope. Foi profesor na Universidade de Illinois e no Columbia College e foi tamén programador e asesor para o Festival Internacional de Róterdam e o Museo de Arte Moderna de Nova York. Klinger é co-editor de Joe Dante (Filmmuseum Synema Publikationen/Columbia University Press). Actualmente traballa na súa última película, Porto mon amour, producida por Jim Jarmusch.

José Luis Cienfuegos

Director de Sevilla Festival de Cine Europeo dende 2012, é asesor da Academia de Cinema Europeo para o premio Discovery e do comité de selección dos Premios LUX, que outorga o Parlamento Europeo. Entre 1995 e 2011 foi director do Festival Internacional de Cinema de Xixón. Dende sempre apostou polo cinema máis radical e inconformista, realizando ciclos e contando coa presenza de autores como Agnès Varda, Tsai Ming-Liang, Aki Kaurismäki, Abbas Kiarostami, Paul Schrader, Victor Erice ou Todd Haynes. Melómano, foi responsable tamén das doce edicións do festival Intersecciones, onde actuaron prestixiosos grupos musicais independentes como Dominique A, Diamond Dogs, Matt Elliot ou The Cynics.

Xurado Camira

Clara Martínez Malagelada

Licenciada en Filosofía pola Universidad de Granada. Terminando os seus estudos na Escuela de Cinematografía y Audiovisuales de Madrid (ECAM), na especialidade de Montaxe. Directora de Sala 1, Revista Digital de Cine, que funda en 2012. Ten colaborado en varias publicacións cinematográficas, como Caimán Cuadernos de Cine (España) ou El Gran Vidrio (México); e participado como membro do Comité de Selección do Festival Internacional de Cine de Murcia, IBAFF. Delegada en España de CAMIRA. Traballa como axudante de montaxe na produtora KiloVivo Post.

Pamela Cohn

Orixinal de Los Angeles, California, Cohn traballou durante dúas décadas como produtora independente e directora de proxectos para artistas e cineastas independentes. En 2010 coproduciu a primeira cerimonia do Cinema Eye Honors (o equivalente aos OSCARS para o documental). Pamela traballou para a plataforma de distribución online do Tribeca Film Institute (NYC) e tamén como consultora de proxectos para as bolsas e subvencións da institución. Escribe habitualmente para revistas de cinema e publicacións online como FILMMAKER Magazine, DOX Magazine, International Documentary Association, BOMB Magazine's arts blog, Guernica, Senses of Cinema e La Furia Umana. Actualmente traballa para a asociación DOX BOX, e dirixe o seu primeiro filme en Kósovo e Albania.

Toni D'Angela

Fundador e editor xefe de La Furia Umana, revista multilingüe de teoría e historia do cinema (dispoñible online e impresa). Autor de diversos libros e artigos, especialmente sobre cinema americano, clásico e underground. Presidente de CAMIRA (Cinema and Moving Images Research Assembly). Director artístico do programa internacional en Fronteira Documentary & Experimental International Film Festival. Programador de Las Palmas de Gran Canaria International Film Festival.