Contacto

Play-Doc Workshops

PLAY-DOC foi durante estes anos algo máis que un festival, soubo impulsar, acoller, acubillar e protexer un espazo de liberdade e procura, onde a práctica e a reflexión puideron atoparse, onde puidemos experimentar, probar, pensar coa cámara e a montaxe sen deixar de traballar dende a intuición, poñernos retos, perdernos neles, esbozar solucións, transmitilas, trabucarnos, aprender, avanzar con todo ese proceso e medrar. Así, xuntos xeramos un espazo desexado, onde o que importaba era a forma vinculada ao cinema e á realidade, onde o que importaba era atopar unha voz propia e facelo sempre xunto e grazas ás voces dos demais, un espazo para acompañarse e compartir.

E de compartir é do que agora se trata. Temos o privilexio, o orgullo e o pracer de presentarvos tres películas que dunha forma ou outra xorden ou están vinculadas ao que podería vir a ser unha sorte de escola da ollada, a que fixemos entre todos, a que dalgún xeito representou quere seguir a representar PLAY-DOC.

O lugar dos avós de Víctor Hugo Seoane e Salóme de Yrsa Roca Fannberg participaron do obradoiro “Docs in Progress”, unha residencia de montaxe como reescritura que tivo lugar ao longo de dúas semanas no mes de dicembro de 2010. Africa 815 é a longametraxe de Pilar Monsell, quen foi integrante do grupo de traballo en “Docs in Progress” e foi unha das realizadoras do Laboratorio de retrato filmado desenvolvido en Tui desde 2009 hasta 2013.

Alén de ter compartido camiño e ollada connosco nalgún momento do seu proceso, o que estas tres películas teñen en común podería expresarse así:

Curiosamente as tres constrúen unha aproximación a aquilo que nos precede e en certo modo nos determina: os nosos pais, os nosos avós, a nosa orixe, a nosa historia e a nosa Historia. “Somos tamén o que outros, antes ca nós, foron”. Levamos esa marca, dunha ou outra forma ese é o noso legado, a nosa ganancia e a nosa perda ao tempo, a nosa herdanza e o noso peso.

Diante dilo as tres películas que imos ver propoñen tres olladas distintas entre elas, singulares, tres formas de cinema que se definen en nome propio, son persoais e polo tanto recoñecibles: Dende unha certa serenidade porosa; dende a incisión do enfrontamento; dende a vontade dun achegamento por definición escorredizo. O cinema que sente, o que provoca e reacciona, o que pensa...

E paradoxalmente estas singularidades en lugar de afastalas, vólvenas unir: as tres películas atoparona súa forma xusta, son mostra dun compromiso absoluto entre quen mira e o que mira, entre a forma e o contido. Son tres obras que resultan dun proceso de traballo atravesado pola implicación, a elaboración constante, a esixencia, o cuestionamento incansable, a fraxilidade máis exposta e honesta. E ao ollar e darnos a ver o mundo dan conta de todo ilo con contundencia, rugosidade, beleza e enorme xenerosidade.

Marta Andreu

ÁFRICA 815

Pilar Monsell | 66' | 2014 | España

Dirección, Guión, Imaxe, Edición: Pilar Monsell
Texto e Fotos: Manuel Monsell
Produción: Rita Dessinger, Proxémica
Son: Jonathan Darch

No arquivo fotográfico e as memorias escritas polo seu pai ao redor da experiencia do servizo militar na colonia española do Sahara en 1964, Pilar atopa o paraíso perdido ao que el sempre tentará regresar. Pero todas esas viaxes revelan moito máis do lugar do que se parte que sobre o lugar de destino.

Contacto: http://africa815.wordpress.com

O LUGAR DOS AVÓS (Work in Progress)

Victor Hugo Seoane | Galicia

Dirección, Imaxe, Montaxe: Victor Hugo Seoane
Produción: Isabel Seoane Eiró, Grupo de Creación Vaivén (Iván Marcos, Jaione Camborda y Victor Hugo Seoane)
Axudante de Cámara: Iago Seoane
Axudante de Montaxe: Diego Santomé

"Tras moitos anos buscando lonxe da casa, decidín regresar. Un día no salón, meu pai achegouse a min e puxo nas miñas mans unha cinta de vídeo que gravara vinte anos atrás". Así comeza unha viaxe ás raíces. Unha inmersión de cinco anos no cotián da vida de meus avós; no seu lugar, unha vila perdido na montaña que se baleira aos poucos. O lugar onde nace unha familia que segue crecendo e cambiando xeración tras xeración.

Contacto: vhseoane@gmail.com

SALÓME

Yrsa Roca Fannberg | 59' | 2014 | Islandia

Dirección, Fotografía: Yrsa Roca Fannberg
Produción: Skarkali, Helga Rakel, Rafnsdóttir, Marta Andreu (Estudi Playtime)
Editado con la axuda de: Catia Salgueiro, Federico Delpero Bejar, Núria Esquerra, Stefania Thors
Música: Ólöf Arnalds

A arte foi un factor importante durante a miña infancia, que pasei observando a mamá a través dos fíos do seu telar. Hoxe volvín a Islandia para observala de novo, esta vez a través da miña cámara. Non vivimos xuntas dende que eu era unha adolescente. Agora teño 35 anos, sen fillos e cun forte desexo de facer unha película sobre ela. A mamá non lle interesa ser filmada. Esta película non é só sobre a relación madre-filla, senón tamén sobre a relación dun cineasta cun suxeito con vontade propia.

Contacto: Skarkali