Contacto

Seminario

Seminario Crítica e Programación

O traballo da crítica consiste en elaborar un discurso sobre o mundo a través do cinema, mais hai moitos xeitos de facelo. A primeira edición deste seminario, por exemplo, estaba adicada á relación entre a crítica académica e a crítica xornalista. Neste ano, pola contra, queremos ir alén da palabra escrita para abordar a relación entre a crítica e a programación, dúas actividades complementarias, xa que para escribir sobre un filme cómpre que alguén antes o programase nalgures. Ás veces, ademais, a figura do crítico e a figura do programador coinciden nunha mesma persoa, como é o caso dos participantes deste ano no seminario. Coa súa axuda, Play-Doc volverá ser un lugar de encontro para tódolos críticos: para aqueles que escriben e para aqueles que programan, para aqueles que participan en xurados internacionais, como os representantes da Cinema and Moving Image Research Assembly (CAMIRA), que terá un xurado propio no festival, e mesmo para aqueles que filman, como Gabe Klinger, que presentará na sección Resonancias o seu documentário Double Play: James Benning and Richard Linklater. A idea, en todo caso, é pensar o mundo a través do cinema. Para iso, a fin de contas, é para o que estamos en Tui.

Os poñentes do seminario son:

Jaime Pena (Programador en CGAI-Filmoteca de Galicia) Cíntia Gil (Directora de Doclisboa) Miquel Martí Freixas (Crítico e programador independente) José Luis Cienfuegos (Director de Sevilla Festival de Cine Europeo)

Ademais terá lugar un obradorio de crítica impartido por Iván Villarmea (co-director de www.acuartaparede.com) e unha charla aberta ao público a cargo de Gabe Klinger (Crítico e cineasta, director de Double Play: James Benning & Richard Linklater).

Proxección especial:

DOUBLE PLAY: JAMES BENNING AND RICHARD LINKLATER

Gabe Klinger | 70' | 2013 | Portugal-Francia-EUA

Dirección e montaxe: Gabe Klinger
Produtores: Daniel Chung, Rick Curnutte, Berndt Mader, Sonia Buchman, Rodrigo Areias
Guión: Gabe Klinger, Eugenio Renzi
Cámara: Eduard Grau
Son: Vasco Carvalho

Documental que retrata a amizade de dous recoñecidos realizadores, James Benning e Richard Linklater, combinando conversacións filmadas con extenso material de arquivo, para explorar as converxencias e diverxencias que existen nas súas respectivas maneiras de abordar a vida e o cinema.

Contacto: Gladys Glover