Menu

Play-Doc LAP

Laboratorio de Apuntes Fílmicos

por Marta Andreu

2014. Este ano Play-doc celebra o seu décimo aniversario. E é este ano, tamén, cando propomos a creación dun espazo novo: o LAP, un laboratorio de apuntes fílmicos, un lugar onde poder esbozar filmicamente, procurar, anotar, colleitar borradores… un lugar para dedicar tempo á reflexión sobre o cinema mediante o exercicio cinematográfico.

Cada ano convocarase a catro ou cinco cineastas galegos aos que se lles proporá unha cuestión que provoque certa procura orientada tanto cara a ollada documental como cara a realidade mirada. O propósito: compartir un tempo no que cada un chegaría aos seus bosquexos persoais para aproximarse a un mesmo concepto ou idea aceptada como reto común.

O LAP é un espazo para que os seus integrantes podan investigar nas caligrafías propias e ao mesmo tempo poñelas en diálogo, xerando un intercambio que se fará eco con e nas dos demais.

En 2014, o LAP #01 está dedicado á idea da transformación. Todo xurdiu dun cartaz que na edición anterior pechou os cinco anos do Laboratorio de Retrato Filmado: “Acabouse unha historia. Grazas”. O que xerou hoxe esa frase é a certeza de que logo dunha historia chega outra, que é a súa continuación o que se erixe no seu lugar… Hoxe en Galicia, coma hoxe noutros tantos lugares, a realidade defínese polo feito de estar deixando de ser o que foi sen ser aínda o que será, é dicir, de estar en plena transformación. Como atrapar ese momento de cambio? Como deixar a pegada desta realidade?

Ao tempo, a transformación é unha figura esencial do cinema. Narrar é dar conta dunha evolución, xerar unha imaxe é provocar un cambio de forma, fixar a ollada, movela ou retirala ten que ver con deixarse tocar por aquilo que se toca ao ser mirado… (ver) transformar é transformarse.

O LAP é a pegada non só da realidade que imos traballar como canteira para esbozar, senón tamén da experiencia que implica o mesmo proceso de traballo: pegada do conxunto de notas, esbozos, bosquexos. O LAP é a pegada logo do apuntado pero tamén do mesmo xesto de apuntar. Ofrécese así como espazo para pensar, compartir, exercitar a ollada documental dende e cara Galicia. Espazo, lugar, laboratorio con vontade permanente para tomar o pulso, falar e dar a ver o presente que compartimos e iremos compartindo: o da realidade. O do cinema.
Participan: Ángel Santos Touza, Marcos Nine, Eloy Enciso e Otto Roca
Domingo 6 ás 18:30. Sala 1