Prensa

PLAY-DOC REÚNE NOVO E RECOÑECIDO TALENTO NA SÚA SECCIÓN OFICIAL

VOLVER
Cinco filmes provenientes de todo o mundo competirán polo premio que outorga un xurado internacional, composto por reputados críticos e programadores
Tui, 22 de febreiro de 2013. Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui volve reunir, para a súa novena edición, unha selección de películas que toman o pulso ás últimas tendencias do documental de autor máis independente e innovador. Un cinema, como gusta mostrar ao certame, lonxe das convencións e difícil de atopar; unha nova oportunidade para o seu diverso público de descubrir algunhas das xoias cinematográficas da tempada.

A selección de 2013 consta de cinco títulos, chegados de países tan dispares como China, Bulgaria ou os EUA. Entre os veteráns, Wang Bing, figura central do novo documental chinés, que revolucionara o xénero con West of the Tracks (2003). Este monumental tríptico, de case dez horas, retrataba as condicións de vida dos obreiros dunha fábrica de carbón no proceso de desmantelarse. Concibida cunha ollada honesta, directa; a cinta fusionaba de modo persoal as grandes vertentes do documental moderno, actualizándoas cunha particular estética da imaxe dixital, que impresionou a todos os cinéfilos do mundo. A súa película Tres irmás – Soas (2012), incluída na selección deste ano de Play-Doc, incide neste método, retratando desta volta o día a día de tres nenas nunha aldea afastada da provincia de Iunnan. A relación íntima que o cineasta desenvolve co entorno e os seus protagonistas compón un fresco, por extensión, do rural chinés hoxe en día. As películas de Bing son unha fiestra á sociedade do país asiático; con todas as súas grandezas, penurias e contradicións.

Esta visión únese á de novos talentos, coma o de Ilian Metev en Sofia's Last Ambulance (2012). Galardoado como mellor documental no prestixioso festival de Karlovy Vary, foi recibido con entusiasmo por crítica e público na súa presentación internacional en Cannes. A película segue a única ambulancia de Sofía con unidade de reanimación unha noite calquera. Honesta e moi irónica, debuxa cun refinado humor negro o panorama funesto do sistema sanitario búlgaro; unha historia que non nos é allea noutros países europeos.

E, da sanidade, aos servizos sociais. The Patron Saints (Brian M. Cassidy, Melanie Shatzky, 2011) confía toda a súa forza narrativa ás persoas que retrata. Os protagonistas son pacientes dunha residencia para anciáns e pacientes con discapacidades. A maior virtude do documental radica no xeito tan íntimo e delicado no que presenta un tema tabú por excelencia: a aceptación da morte. Con pouco recorrido por festivais, The Patron Saints é unha aposta e unha reivindicación do equipo de programación de Play-Doc cara estes novos cineastas, que xa viron recoñecido o seu talento na ficción con Francine (2012). Protagonizada pola oscarizada Melissa Leo, o filme foi moi ben recibido no festival de Berlín.

Le libraire de Belfast (Alessandra Celesia, 2011) é outra película notable, cunha ollada única. Concibida máis como un poema, que como un mapa da cidade irlandesa, as súas hipnóticas imaxes están ligadas directamente aos seus singulares personaxes. Por “a súa tenrura, amor e capacidade para sorprender”; o xurado do prestixioso Festival dei Popoli en Florencia, decidiu outorgarlle o premio á mellor película na súa última edición.

Por último, a seleccionada galega deste ano é Arraianos (Eloy Enciso, 2012). A súa intensa presencia, en poucos meses, en foros como Locarno, Sevilla, a Viennale ou o Museum of the Moving Image de Nova York; certifica a decisión de Play-Doc de incluíla a competición internacional. Recórdese que nas dúas anteriores edicións, un xurado internacional decidiu outorgar o premio a Todos vós sodes capitáns (2010) e Vikingland (2011), dos galegos Oliver Laxe e Xurxo Chirro, respectivamente. Arraianos constata, por terceiro ano consecutivo, a boa saúde do cinema galego independente. Apostando pola experimentación formal, a cinta pon os diálogos da obra O bosque, do escritor Marinhas del Valle, nos beizos de actrices non profesionais; combinando esta posta en escena cun rexistro documental dunha comunidade rural, na fronteira entre Galicia e Portugal, que se nega a desaparecer. Un retrato complexo e sorprendente da raia, ideal para programar nunha localidade fronteiriza como Tui.

Un xurado internacional decidirá quen leva o galardón. Este ano está composto por Luis Miguel Oliveira, responsable do Departamento de Divulgación e Exposición Permanente da Cinemateca Portuguesa; Nick Bradshaw, editor da web da prestixiosa revista británica Sight&Sound; e Hans Hurch, director da Viennale, un dos festivais con máis renome de Europa.